Programa Galego Muller e Ciencia

 III Programa Galego de Muller e Ciencia 2022-2025

Programa Galego Muller e Ciencia

As mulleres rozan a paridade entre as persoas que fan un doutoramento (son o 48,1% nos países da UE-27) pero non chegan ao 25% entre as persoas autoempregadas en Ciencias, Enxeñería e Tecnoloxías da Información e Comunicación. Por outra banda, as mulleres están subrepresentadas nos postos máis altos da xerarquía académica, pois sendo o 42,3% do persoal, só ocupan o 23,6% dos postos de toma de decisións.  Tamén elas teñen menos éxito á hora de obter financiamento para investigar que os seus colegas homes (un 3,9% de diñeiro menos) e tan só suman o 10,7% dos inventores.

Avanzar cara un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación no que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes sexa unha realidade, que combata estereotipos de xénero e priorice as necesidades das mulleres e que sexa respectuoso coa diversidade. Con estes obxectivos ponse en marcha o III Programa Galego Muller e Ciencia 2022-2025 que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que conta cun orzamento de 44,7 millóns de euros.

As actuacións desenvolvidas ao abeiro deste programa tentarán incrementar en 5 puntos a porcentaxe actual de mulleres entre o persoal docente e investigador, de tal xeito que do 42% actual se chegue ata un mínimo do 47% no ano 2025. Tamén, que a porcentaxe de catedráticas, que hoxe é do 22%, pase ao 27%. A estimación, en termos absolutos, é que neste período poidan incorporarse arredor de 600 mulleres ao ámbito da investigación e que unas trinta delas accedan a postos de liderado. En palabras do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “trátase de acadar un sistema galego de ciencia igualitario, fomentar o enorme talento feminino para a ciencia, dándolle visibilidade, e animar a máis mulleres novas a que desenvolvan a súa vocación científica”. En resume “lograr unha ciencia máis igualitaria e un país máis competitivo”.

O III Programa Muller e Ciencia enmárcase no VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades 2022-2027 e é coherente coa planificación xeral da Xunta de Galicia, PEG 2021-2030, coa estratexia Especialización Intelixente de Galicia RIS3 Galicia 2021-2027 http://gain.xunta.gal/artigos/67/ris3 (Comisión interdepartamental de I+D+i) e coa nova Lei de igualdade de de mulleres e homes na que está traballando o Goberno galego, coa que se profundizará na aposta de Galicia pola igualdade real e efectiva. 

A nosa comunidade autónoma é xa referente con iniciativas como a chamada Lei Ánxeles Alvariño https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210728/AnuncioC3B0-230721-0001_gl.html  (Lei 13/2021, do 20 de xullo) que supuxo un salto cualitativo na consolidación dun marco  legal que avoga pola creación de novas cátedras, o impulso do liderado femenino na investigación, do talento das mulleres e das vocacións e a eliminación das barreiras que, por razóns de conciliación ou coidado, estaban a padecer as mulleres nestes sectores.

Ademais, a igualdade efectiva entre mulleres e homes é unha prioridade no Espazo Europeo de Investigación (EEI) desde o ano 2012, un compromiso que se traduce, desde entón, en distintas medidas e iniciativas como o actual programa Horizonte Europa 2021-2027 que establece a igualdade de xénero como un principio transversal.

No marco da elaboración do III Programa Galego Muller e Ciencia realizouse a I Enquisa ao persoal do ecosistema de ciencia, tecnoloxía e innovación de Galicia sobre Igualdade, que permitiu coñecer as opinións das protagonistas sobre a realidade que viven, así como as súas propostas para corrixir comportamentos e actitudes sexistas e desigualdades sistémicas no ámbito laboral e para fomentar a presenza de mulleres nos órganos de toma de decisións.  

As mulleres galegas enfrontan desde idades temperás estereotipos de xénero que chegan a botar atrás incipientes vocacións científicas entre as nenas e mozas; as científicas e tecnólogas sofren procesos de acceso e promoción na carreira profesional discriminatorios, así como a falta de suficientes medidas de conciliación e dunha cultura da corresponsabilidade dos coidados. Ademáis, atopan atrancos engadidos para acceder a postos de poder por cuestión de xénero. 

A análise do II Programa, os resultados da enquisa, as conclusións de catro mesas de traballo  convocadas pola Secretaría Xeral de Igualdade -vocacións científicas, promoción de carreiras profesionais, obstáculos para o seu desenvolvemento e avaliación e conclusións-, as achegas de distintos departamentos do Goberno Galego, de  representantes de asociacións de científicas e do mundo da empresa e centros tecnolóxicos, así como o funcionamento da propia Unidade Muller e Ciencia, teceron os vimbios deste III Programa.

Catro principios reitores guían o III Programa Muller e Ciencia no seu obxectivo de lograr que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes deixe de ser unha meta para converterse nunha realidade no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación:

    • Non discriminación: é necesario combater e eliminar as persistentes situacións e atrancos por razón de xénero que lastran as oportunidades laborais, o acceso a recursos económicos ou o ascenso a postos de liderado das mulleres.

    • Igualdade: loitar contra a discriminación é o primeiro chanzo no camiño cara a xustiza social e unha sociedade libre de violencias para as mulleres.

    • Participación e organización: o apoderamento das mulleres é necesario para corrixir e eliminar os desequilibrios de xénero no ámbito económico e social e das relacións de poder.

    • Atención á diversidade: engadir á desigualdade unha mirada inter-seccionada, relacionando a discriminación por xénero con outros factores como a etnicidade, o nivel socio-económico, a idade, o nivel de formación, a orientación sexual ou a situación familiar.

O III Programa artéllase en catro eixes estratéxicos. Cada eixe ten un obxectivo xeral e cinco específicos, dos que derivan un feixe de actuacións dirixidas a avanzar no camiño da igualdade no ecosistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación.  As ditas actuacións serán obxecto de seguimento para avaliar o seu alcance, oportunidade e resultados.

Eixe 1. VISIBILIDADE do labor e traballo das mulleres na ciencia e na tecnoloxía

Dar visibilidade e achegar o traballo das investigadoras ás nenas e mozas e á sociedade en xeral coa fin de combater o estereotipo de xénero na elección académica e profesional e a segregación horizontal no sistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación é o obxectivo xeral que define este eixo. Para avanzar, a administración autonómica fomentará actuacións dirixidas a poñer o foco sobre as referentes femininas na historia da ciencia e tamén no traballo das científicas de hoxe en día, para que as nenas e mozas teñan espellos onde reflectirse. Ademais, a administración autonómica colaborará coas organizacións de científicas e investigadoras nas súas campañas de sensibilización social e promoción de referentes galegas e seguirá formando ao profesorado e persoal orientador dos centros educativos para erradicar o nesgo de xénero nas eleccións vocacionais do alumnado.

Eixe 2. IGUALDADE NO ACCESO E PROMOCIÓN

Traballar a prol da igualdade real no acceso e promoción da carreira científica e investigadora defínenos como sociedade. Alcanzar este obxectivo é unha prioridade, polo que o III Programa vai impulsar e apoiar as vocacións científicas das nenas e mozas; promover un sistema de acceso, avaliación e promoción da carreira profesional libre de nesgo de xénero, avogar pola conciliación e corresponsabilidade laboral, persoal e familiar e garantir a participación das mulleres en todos os órganos de decisión dos ámbitos científico, académico e tecnolóxico.

Eixe 3. IGUALDADE NAS INSTITUCIÓNS E EMPRESAS

As institucións, as entidades e as empresas teñen que tomar conciencia de que a igualdade efectiva entre homes e mulleres é un obxectivo irrenunciable e por iso é esencial acadar o compromiso de todas elas para integrar a igualdade de oportunidades no seus respectivos ámbitos. Coa fin de avanzar neste camiño, e dar cumprimento ás directrices da UE, dotaranse a todas elas de plans de igualdade, incluíndo protocolos anti-acoso; promoveranse medidas de conciliación e corresponsabilidade e valorarase o apoderamento feminino no eido da investigación, ciencia e tecnoloxía.

Eixe 4. SEGUIMENTO E AVALIACIÓN PARA FORTALECER A EVIDENCIA

Establecer mecanismos de avaliación e seguimento das actuacións desenvolvidas ao abeiro do III Programa permitirá consolidar un sistema de vixilancia efectivo da situación das mulleres no ecosistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación. Igualmente, posibilitará dispoñer de información actualizada para guiar actuacións futuras.

Asistimos a un cambio de paradigma social no que a aposta pola igualdade non se discute, perséguese. Un afán compartido polo III Programa Galego Muller e Ciencia 2022-2025.