A Primeira Enquisa ao Persoal Científico e Tecnolóxico de Galicia sobre Igualdade evidencia a persistencia de atrancos de xénero na carreira profesional das mulleres

Primeira Enquisa ao Persoal Científico e Tecnolóxico de Galicia
  • Científicas e tecnólogas recoñecen avances significativos en materia de igualdade e avogan por visibilizar o traballo das investigadoras, implementar as medidas de conciliación e corresponsabilidade e para corrixir un sistema de avaliación, liderados e relacións masculinizado
  • As investigadoras menores de 35 anos debuxan un panorama preocupante: o 45,7% vese, en dous anos, avanzando na súa carreira científica, mentres que o 42,9% cre que estará a buscar opcións fóra da investigación
  • A enquisa enmárcase na elaboración do III Programa Muller e Ciencia 2022-2025, que promove a Consellería de Igualdade, a través da Unidade Muller e Ciencia

Científicas e tecnólogas galegas recoñecen avances significativos en materia de igualdade pero sinalan a persistencia de atrancos que lastran a súa promoción profesional. Valoran os cambios normativos e institucionais en prol da igualdade de oportunidades mais parécelles insuficientes. Avogan por visibilizar o traballo das científicas, implementar medidas efectivas de conciliación e corresponsabilidade e pola adopción de medidas correctoras dun sistema masculinizado de avaliación, que penaliza ou menospreza o traballo das mulleres.

Son algunhas das conclusións da Primeira Enquisa ao Persoal Científico e Tecnolóxico de Galicia sobre Igualdade realizada no marco de elaboración do III Programa Muller e Ciencia 2022-2025, que promove a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través da Unidade Muller e Ciencia.

A enquisa serviu, por unha banda, para coñecer de primeira man a opinión daquelas persoas que traballan no campo da ciencia, a tecnoloxía e a innovación de Galicia sobre a situación das mulleres neste ámbito, e, por outra, para saber das súas propostas de medidas para eliminar a discriminación por xénero. O cuestionario incluíu preguntas dirixidas a persoal investigador menor de 35 anos -o 29,8% das persoas que responderon- sobre as súas expectativas de futuro e tamén sobre como afectou a pandemia da covid-19 ao traballo científico.

A diagnose complementouse coa análise de varias mesas de traballo, organizadas en bloques temáticos (vocacións científicas, promoción de carreiras profesionais, obstáculos para o seu desenvolvemento), nas que participaron representantes da administración e das tres universidades galegas, de asociacións científicas e de investigadoras, de empresas e colexios profesionais.

Dar visibilidade ao traballo das científicas e unha maior implicación das institucións educativas e da Administración na difusión e posta en valor das investigadoras son medidas prioritarias para fomentar as vocacións científicas entre as nenas e adolescentes, sinalaron o 80% e o 74,2% das enquisadas, respectivamente. A necesidade de ter referentes, exemplos a seguir especialmente próximos, son esenciais para combater estereotipos que estenden a idea de que o o I+D+i é cousa de homes.

Porén, as mulleres non só teñen que vencer desde idades temperás os prexuízos e estereotipos para dedicarse á ciencia e a tecnoloxía, senón que atopan atrancos engadidos fronte aos seus compañeiros homes á hora de desenvolver unha carreira científica e investigadora exitosa. Esta situación de desigualdade dáse tanto entre o persoal de centros ligados á Administración e o Ensino Superior-Universidade (sistema público) como entre o que desenvolve a súa actividade en empresas ou institucións privadas sen fins de lucro (IPSFL).

Atrancos

Segundo a Enquisa ao Persoal Científico e Tecnolóxico de Galicia, as dificultades para avanzar nas súas carreiras están asociadas, fundamentalmente, a dous feitos vencellados ao patriarcado: a maior dedicación das mulleres aos coidados (de menores, de persoas dependentes, do fogar) e un sistema de avaliación, liderados e relacións profesionais moi masculinizado.

As enquisadas, de maneira xeral, citaron a dedicación horaria excesiva (50%), a precariedade laboral (42,2%) e o coidado de menores e/ou persoas dependentes (40,5%) como as principais dificultades para avanzar. Coa fin de corrixir esta realidade propoñen: promover medidas de conciliación e corresponsabilidade para mulleres e homes (o 85,6%); a adopción de medidas de discriminación positiva, como valorar a composición de xénero nas convocatorias e nos equipos de investigación (69,2%) ou introducir o xénero como criterio de desempate nas convocatorias (47,5%).

Os matices chegan en función do centro de traballo onde desenvolven a súa actividade profesional. Á hora de falar de posibilidades de promoción, as investigadoras do sector da Administración e Ensino Superior cuestionan a forma na que se realiza a avaliación de méritos, ao entender que os criterios utilizados non son tan obxectivos e neutrais como semellan. O 63,1% das persoas enquisadas cren que se favorece máis aos homes, fronte a un 34,5% que considera que os criterios se aplican de xeito equitativo. Unha desigualdade que ven máis clara ao avaliar o método de medir a produtividade da actividade científica: o 73% entende que prexudica ás mulleres.

As enquisadas recoñecen e valoran os esforzos da Administración por promover a igualdade e citan entre outras medidas correctoras exitosas facer unha valoración positiva da composición equitativa dos equipos de investigación (64,2%), incluír a perspectiva de xénero nas universidades e centros de investigación (60,5%) ou valorar os proxectos liderados por mulleres.

Pola súa banda, as investigadoras e tecnólogas do sector privado (empresas e IPSFL) que responderon á enquisa indicaron, de maneira maioritaria, que tiñan a mesmas posibilidades de acceso á empresa que os homes -o 60,7% fronte a un 35,7% que non o vía así- e, unha vez dentro, as mesmas oportunidades de acceso á formación ofrecida para mellorar (o 85,7%).

Con todo, a situación cambia á hora de acceder a postos directivos ou de liderado de grupos, onde son tan só 3 de cada 10. Dous son os principais obstáculos que frustran un hipotético ascenso: a dificultade para conciliar a vida laboral, persoal e familiar, citada polo 81,5% das enquisadas, e a pervivencia de estereotipos que conxugan o poder en masculino, apuntada polo 63%.

O persoal do ámbito da ciencia, a tecnoloxía e innovación de Galicia valora positivamente a posta en marcha de plans de igualdade nos centros de traballo, xa que ata un 54,9% das enquisadas indicou que viviran algunha experiencia negativa polo feito de ser mulleres, e ata un 33,3% foi testemuña ou sufriu persoalmente situacións de acoso. Ademais, un 19,8% declarou que era coñecedora ou sufrira en primeira persoa acoso sexual.

Investigadoras novas

A Primeira Enquisa ao Persoal Científico e Tecnolóxico de Galicia sobre Igualdade inclúe preguntas dirixidas ás investigadoras menores de 35 anos para coñecer o seu presente e a súa proxección profesional. E as respostas debuxan un panorama preocupante.

O 45,7% das enquisadas expresaron o seu convencemento de que nun prazo de dous anos estarían a avanzar na carreira científica, mais un 42,9% sinalou que para entón estarán na procura de opcións fóra da investigación, á marxe do ámbito no que se formaron.

As expectativas para incorporarse a unha praza de profesorado, destino habitual dos investigadores no noso país, son desalentadoras. O 71,4% das interesadas en optar á docencia sinalan que é un obxectivo case imposible a causa da escaseza de prazas existente e das características dos itinerarios académicos.

Se o futuro é incerto, o presente que debuxan as respostas é complexo. Unha porcentaxe significativa, o 37,1%, declaran que teñen unha sobrecarga de traballo que non lles corresponde como investigadoras en etapa inicial. Esta porcentaxe elévase ao 43,8% cando se formula se asumen tarefas administrativas que non lles son propias.

Impacto da pandemia Covid-19

A Covid-19 amosou a desigualdade das mulleres, tamén entre as científicas e investigadoras, malia que a ciencia e a innovación xogaron un papel determinante para superar a crise sanitaria. O traballo en remoto xeneralizouse, unha modalidade á que se sumou o 91,7% do persoal do ámbito científico e tecnolóxico de Galicia e que continúa despois do confinamento, de xeito total ou complementario, no 85,7% dos casos.

As tarefas do fogar e os coidados lastrou o traballo do persoal investigador, unha situación que padeceu ata o 76% das persoas enquisadas e que se traduciu nunha minoración da produtividade científica, no 47,8% dos casos; e afectou negativamente para futuras avaliacións de desempeño, no 36,2%.

Aínda así, o persoal científico e tecnolóxico de Galicia foi quen de atopar algúns aspectos positivos na grave crise da Covid. O 54,1% indicou que puido asistir (vía telemática) a congresos e eventos científicos aos que non asistiría en condicións normais. Ademais, un 15,5% sinalou que puido dedicarlle máis tempo á investigación. Pola súa banda, o 27,5% das persoas enquisadas non atopou nada positivo no tempo de pandemia.

Metodoloxía

A Enquisa ao Persoal Científico e Tecnolóxico de Galicia sobre Igualdade realizouse vía telemática, cun formulario en liña, que difundiu a Unidade Muller e Ciencia, entre membros da comunidade científica e persoal investigador da administración, universidades, empresas e institucións privadas, e que están en distintas etapas da carreira, a través de redes de contactos e de asociacións e organizacións.  Deste xeito, o tipo de mostra é por conveniencia, é dicir, que as persoas enquisadas se auto-seleccionaron para participar, en lugar de ser extraídas cunha probabilidade coñecida dunha poboación específica (Mullinix, 2015).

No seu deseño tívéronse en conta antecedentes de estudos realizados, a nivel estatal, polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Científicas en cifras, 2021 ) e polo Observatorio Mujeres Ciencia e Innovación(2022).

A enquisa foi anónima e estivo aberta á participación desde o 23 de setembro ata o 7 de outubro de 2021.

O 93,4% das persoas que responderon á enquisa foron científicas ou tecnólogas, incidindo na idea de que a igualdade é un problema e unha aspiración que atinxe ás mulleres. A escasa participación masculina impediu facer unha análise comparativa das respostas segundo o xénero.