O III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 quintuplica o seu orzamento para diminuír a fenda de xénero

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia

Lograr un  sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, que priorice as necesidades das mulleres e sexa respetuoso coa diversidade. Ese é o obxectivo do III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. O programa conta co maior orzamento da súa historia, 44,7 millóns de euros, que se reparten entre catro eixes prioritarios: darlles visibilidade ás traballadoras nestes ámbitos tradicionalmente masculinizados, fomentar a igualdade das mulleres no acceso e promoción da súa carreira científica e investigadora, impulsar medidas específicas para a integración do principio de igualdade de oportunidades nas entidades e empresas implicadas no sistema  galego de ciencia, tecnoloxía e innovación e vixiar a situación das mulleres nestes ámbitos para contar con información actualizada sobre a cal basear as actuacións futuras.

O deseño do plan é froito dun enriquecedor proceso participativo no seo da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia con achegas de distintos departamentos do Goberno galego, pero tamén de asociacións de mulleres científicas e de representación das empresas e centros do ámbito tecnolóxico. O documento final tamén axudará a difundir en Galicia os contidos da denominada Lei Ánxeles Alvariño (Lei 13/2021) que supuxo un salto cualitativo na consolidación dun marco que avoga pola creación de novas cátedras, o impulso do liderado femenino na investigación, do talento das mulleres e das vocacións e a eliminación das barreiras que, por razóns de conciliación ou coidado, estaban a padecer as mulleres nestes sectores.
 
Grazas a este programa, a Xunta de Galicia acometerá actuacións ata o ano 2025 coas que se pretende contribuir a incrementar en 5 puntos a porcentaxe actual de mulleres entre o persoal docente e investigador, para pasar do 42% a un mínimo do 47%. Igualmente, márcase como obxectivo subir tres puntos a proporción de mulleres catedráticas, ata acadar o 27%.
 
O programa detalla 20 obxectivos específicos e 50 medidas para avanzar na incorporación das mulleres en condicións de igualdade no ámbito científico e tecnolóxico. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que arredor de 600 mulleres poderán incorporarse ao ámbito investigador e unas 30 poderán optar a desenvolver postos de carácter directivo grazas a este programa. “Trátase de acadar un sistema galego de ciencia igualitario, fomentar o enorme talento femenino para a ciencia, visibilizándoo, e animar a máis mulleres novas a que desenvolvan a súa vocación científica”, sinalou. “En definitiva, lograr unha ciencia máis igualitaria e un país máis competitivo”, afirmou.
 
O documento, de máis de 120 páxinas, presenta a actualización dos datos do diagnóstico do II Programa, os resultados da Primeira Enquisa ao Persoal Científico e Tecnolóxico de Galicia sobre Igualdade, os resultados e conclusión das Mesas de Traballo convocadas pola Secretaría Xeral de Igualdade, no seo da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, para debater acerca da elaboración do III Programa, un mapa de actores institucionais dos sectores público e privado, e o propio III Programa Galego Muller e Ciencia, cos seus obxectivos, eixes estratéxicos e 50 actuacións a desenvolver no período 2021-2025. No texto indícase que cada vez é máis evidente que “a ciencia e a igualdade de xénero son fundamentais para un desenvolvemento sostible: a diversidade na investigación amplía o número de persoal investigador talentoso, achegando novas perspectivas, talento e creatividade”.
 
Igualmente, amosa a persistencia de fenómenos xa coñecidos. Por unha banda, a segregación horizontal, que se caracteriza pola existencia no mercado laboral de profesións con maior participación masculina e outras máis feminizadas, “de modo tal que se corresponden con estereotipos de xénero existentes nas sociedades”. Por outra banda, noutras disciplinas as mulleres comezan en paridade pero, a medida que avanzan na súa traxectoria profesional, “son progresivamente adiantadas polos seus compañeiros homes ata que finalizan como unha minoría nas categorías superiores”. Este fenómeno, coñecido como tubaxe que gotea, “fala da multiplicidade de situacións de discriminación segundo o xénero que existen no desenvolvemento laboral e profesional das mulleres”.
 
O programa salienta a importancia da Unidade Muller e Ciencia, creada polo Decreto 33/2007, que ten como finalidade incrementar a presenza da muller nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia. As súas actuacións van encaminadas, nunha perspectiva integral, a promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir no relativo á formación científica, no eido da investigación e innovación e na xestión da I+D+i, así como a situar nos estudos e actividades científicas a perspectiva de xénero nun primeiro plano.
 
O III Programa Muller e Ciencia básease nos principios reitores de non discriminación, igualdade, participación e organización e atención á diversidade. A súa finalidade é “lograr un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de forma efectiva o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, que priorice as necesidades das mulleres e sexa respetuoso coa diversidade, e así aproveite e reteña o talento tanto das mulleres como dos homes para ser o motor do desenvolvemento tecnolóxico, económico e social sostible do país”. O seus eixes estratéxicos son a visibilidade, a igualdade no acceso e promoción, a igualdade nas institucións e nas empresas e o monitoreo e avaliación para fortalecer a evidencia.
 
O primeiro eixe, dotado con 769.000 euros, busca dar visibilidade ás traballadoras nestes sectores, na idea de sensibilizar á sociedade, de impulsar o coñecemento de referentes femininas e de formar o persoal docente para animar ás nenas na súa vocación.
 
O segundo, que conta coa maior dotación ao chegar aos 33,9 millóns de euros, pon o foco na igualdade no acceso e promoción das mulleres no ámbito da ciencia. Prevé actuacións de apoio ás vocacións no bacharelato e un sistema de monitoreo nas etapas iniciais da carreira investigadora, coa axuda de asociacións de científicas e investigadoras. Tamén contribuirá ao impulso da Lei Ánxeles Alvariño e ao establecemento de criterios de discriminación positiva.
 
O terceiro eixe, dotado con 9,7 millóns, diríxese ao traballo con institucións públicas e privadas, con medidas específicas como acordos para que conten con plans de igualdade, medidas antiacoso, promovan axudas específicas para o coidado de menores e dependentes ou mesmo se reforcen as iniciativas emprendedoras de mulleres en proxectos tecnolóxicos e científicos, en especial no medio rural.
 
Finalmente, o cuarto eixe, con 187.000 euros, centrarase na vixilancia da situación das mulleres no ámbito da ciencia, mediante a avaliación periódica do grao de cumprimento do programa e dos seus indicadores.
 
Este III programa dálle continuidade ao seu predecesor, o II Programa Muller e Ciencia 2016-2020 que, pese á pandemia, permitiu levar a cabo 135 actividades que chegaron a máis de 14.000 persoas, principalmente no eido escolar e universitario. O programa tivo un impacto directo na carreira profesional de 520 mulleres que se incorporaron ao ámbito investigador e a outras 20 que foron promovidas para desenvolver postos de carácter directivo.
 
O III Programa Muller e Ciencia enmárcase no VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades, que conta cun orzamento de 935,5 millóns de euros, un 138,5% máis que o seu predecesor, sendo o maior da historia dun documento de planificación destas características.