A homenaxeada

María Josefa Wonenburger Planells

María Josefa Wonenburger Planells 

María Josefa Wonenburger Planells, a quen chamaremos moitas veces María ao longo do texto, naceu en Montrove (Oleiros, A Coruña) o 19 de xullo de 1927, no seo dunha familia culta e con boa situación económica.

O seu apelido paterno é de orixe alsaciano; cando ela naceu, a familia xa levaba máis de catro xeracións vivindo en Galicia e rexentaban unha coñecida fundición na Coruña. A súa familia materna procedía de Valencia.

Despois dos seus estudos primarios no Colexio Francés e posteriormente no Colexio do Anxo da Coruña, María realizou o ensino secundario no Instituto Eusebio da Guarda, situado no centro da cidade. Era unha época complicada, os anos posteriores á guerra civil española.

María, ademais dunha magnífica estudante, era afeccionada aos deportes, á música e aos idiomas, algo que seguiu cultivando ao longo de toda a súa vida.

MARIA WONENBURGER Debuxo

Aínda que aos seus pais lles tivese gustado que estudase unha enxeñería, para continuar co negocio familiar, respectaron o desexo de María de estudar a carreira de Matemáticas. Posto que en Galicia non tiña a posibilidade de realizar estes estudos, en 1945 trasládase á Universidade Central de Madrid (actualmente Universidade Complutense).

Instalouse na famosa “residencia de señoritas” da rúa Fortuny, unha residencia estatal á cal acudían estudantes de clase media de diferentes lugares de España e que fora dirixida pola  ilustre pedagoga María de Maeztu. Os seus prezos mantíñanse sen subir desde antes da guerra civil, polo que as comodidades que ofrecían as súas instalacións eran escasas. Alí coñeceu outras mozas e fixo boas amigas que tamén chegaron a ser destacadas profesionais nas Artes ou nas Ciencias.

Na Facultade, María Wonenburger destacaba polos seus bos resultados académicos, polo que era coñecida entre o profesorado e o alumnado. Este acudía moitas veces a ela para que lles explicase algún tema ou lles axudase na resolución dalgún problema, algo que sempre facía xenerosamente. Parécenos sorprendente o feito de que María cando asistía a clase nunca tomaba apuntamentos e, con calma, na súa residencia, cada día ao terminar as clases elaboraba os seus propios apuntamentos, lembrando o que lle explicaban os seus profesores, entre outros matemáticos moi coñecidos como Julio Rey Pastor, Ricardo San Juan ou Germán Ancochea. 

Despois de cinco anos de carreira María obtivo o título de licenciada en Matemáticas e comezou a realizar en Madrid os cursos de doutoramento. Tamén asistía a conferencias dalgúns matemáticos estranxeiros que eran convidados polo profesorado da Facultade. Posto que naquela época tiña poucas posibilidades de obter un traballo acorde coa súa formación, os seus profesores animábana a que pedise bolsas para ampliar os seus estudos no estranxeiro e así solicitou e obtivo unha bolsa Fulbright para realizar a tese doutoral nos EE.UU. (foi a primeira matemática española en obtela).

No verán de 1953 María, cos demais estudantes bolseiros procedentes de diferentes cidades do Mediterráneo, viaxa en barco desde Xibraltar a Nova York. Alí, despois dun curso intensivo de inglés, trasládase á Universidade de Yale (Connecticut), onde o famoso matemático Nathan Jacobson será o seu director de tese.

Debuxo WonenburgerUnha vez terminado o seu doutoramento en EE.UU., María Wonenburger regresa a España coa intención de quedar e conseguir traballo. Pero aquí non lle recoñecen o título americano de doutora, polo que realiza outra tese doutoral en España, coa que tampouco obtén o título de doutora, esta vez por problemas burocráticos. Posteriormente, o destacado matemático Israel Halperin propónlle que vaia a Canadá a traballar con el, e María volve solicitar unha bolsa -que se lle concede- e trasládase a ese país.

María Wonenburger foi profesora na Universidade de Toronto (Canadá) e posteriormente nas universidades de Buffalo e Indiana (EE.UU.), chegando a ser “Full Professor”, o equivalente en España á categoría de “Catedrática”, a máis elevada na Universidade. 

Durante ese tempo, María publicou artigos de investigación en prestixiosas revistas de Matemáticas e dirixiu varias teses doutorais, algunhas delas de gran repercusión internacional. A súa investigación enmárcase na área de Álxebra; son de destacar as aplicacións que tiveron os traballos de María Wonenburger e dos seus alumnos/as no campo das Matemáticas, a Física e a Informática.

As súas discípulas e discípulos encomian sempre o bo carácter e a intelixencia de María: sabíaos dirixir con destreza e conseguía transmitirlles a súa paixón pola investigación e polas Matemáticas. María Wonenburger retirouse da docencia e da investigación por motivos persoais: dedicarse ao coidado da súa nai. É seguro que de seguir co seu traballo tería conseguido aínda máis logros na súa xa destacada carreira. Desde a súa xubilación prematura María Wonenburger viviu na Coruña, alí seguía cultivando as súas afeccións e a súa paixón polas Matemáticas, habitualmente podíase vela acompañada das súas amigas e amigos nalgún concerto, no cinema ou paseando preto da praia. Nesta cidade faleceu o 14 de xuño de 2014.

Desde o ano 2006, María Josefa Wonenburger Planells dá nome aos premios da “Unidade Muller e Ciencia” da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

 

 

 

Documentación asociada