África González Fernández

(
2025
)
África González Fernández premiada co galardón María Josefa Wonenburger 2025

África González Fernández (Madrid, 1962) é médica inmunóloga e catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, cofundadora da empresa Nanoinmunotech e académica da Real Academia de Farmacia de Galicia. A súa traxectoria desenvólvese na fronteira entre a inmunoloxía e a nanomedicina, dous eidos nos que está considerada unha das científicas máis prestixiosas de Europa.

Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Alcalá, coa que obtivo o Premio Extraordinario de fin de carreira, especializouse en Inmunoloxía na Clínica Puerta de Hierro de Madrid ao tempo que elaboraba a súa tese doutoral. Realizou despois unha estadía posdoutoral de catro anos no Laboratory of Molecular Biology de Cambridge, baixo a supervisión do premio Nobel César Milstein, onde participou na investigación da técnica de obtención de anticorpos monoclonais e levou a cabo estudos do proceso de hipermutación somática, poñendo en marcha técnicas innovadoras e o emprego de animais transxénicos.

En 1996 incorporouse á Universidade de Vigo, onde creou a primeira área de Inmunoloxía das universidades galegas, e desde 2009 é catedrática desta disciplina. Foi directora do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo, onde lidera un grupo de investigación centrado na resposta inmunitaria, na inmunoloxía básica e aplicada e no desenvolvemento de vacinas que axuden a erradicar enfermidades infecciosas como a tuberculose. É, ademais, coordinadora da área de enfermidades infecciosas, inflamatorias e inmunomediadas do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e integrante das plataformas europeas de nanomedicina.

No campo da nanomedicina desenvolveu un biosensor para identificar células tumorais, estuda a interacción entre os nanomateriais e o sistema inmunitario e emprega nanovacinas para a terapia do cancro. Nesta liña cofundou en 2009 a empresa Nanoinmunotech, dedicada ao desenvolvemento de tecnoloxías a partir de nanomateriais.

Foi presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía (2016-2020) e finalista dos premios europeos Mulleres Innovadoras da Comisión Europea. Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos recoñecementos, entre eles o Premio de Igualdade Ernestina Otero e a distinción de Viguesa Distinguida. Autora de centos de artigos científicos, libros e capítulos, compaxina a investigación cunha intensa labor de divulgación, da que é boa mostra o seu libro Inmuno Power, coa que achega o coñecemento do sistema inmunitario á sociedade.