Yolanda Prezado Alonso

(
2026
)
Yolanda Prezado Alonso galardonada co premio María Josefa Wonenburger 2026

Yolanda Prezado Alonso (Verín, Ourense, 1977) é doutora en Física e investigadora distinguida Oportunius no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Especialista en física médica, os seus avances para lograr técnicas de radioterapia menos invasivas e máis eficaces convertérona nunha referencia internacional no seu campo.

Licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, doutorouse nesta mesma universidade en 2003. Desenvolveu a maior parte da súa carreira en Francia: en 2011 obtivo unha praza permanente de investigadora no Centro Nacional para a Investigación Científica (CNRS) e, desde 2013, dirixe o equipo «Novos Enfoques en Radioterapia». En 2019 incorporouse ao Institut Curie de París como líder de grupo en radiobioloxía traslacional, onde consolidou unha liña de investigación propia na fronteira entre a física e a bioloxía.

O seu traballo céntrase na radioterapia con minifeixes de protóns, unha técnica que permite tratamentos máis precisos e cunha menor toxicidade para os tecidos sans, con grande potencial na loita contra o cancro. Esta liña deu un paso decisivo en 2019, cando obtivo unha ERC Consolidator Grant (unha das axudas máis prestixiosas do Consello Europeo de Investigación), e viuse recoñecida en 2021 co Premio M. e Mme. Peyré da Academia Francesa de Ciencias.

Referente feminino nun ámbito fortemente masculinizado, presidiu o Comité Científico da Federación Europea de Física Médica (EFOMP), que representa máis de 8.000 profesionais en Europa, así como o Congreso Europeo de Física Médica de 2024. Ao longo da súa carreira dirixiu oito teses de doutoramento e supervisou unha ducia de investigadores e investigadoras posdoutorais, e asinou máis de douscentos artigos científicos, a maioría como autora principal.

En 2024, tras máis dunha década en Francia, retornou a Galicia da man do programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación (GAIN), instrumento da Xunta para a captación de talento investigador de excelencia. Desde o CiMUS impulsa a investigación en protonterapia, situando a Galicia nunha posición de vangarda nun ámbito chamado a transformar o tratamento do cancro.