Elena Vázquez Cendón: “Na matemática industrial, a media salarial das mulleres empeza a ser superior á dos homes”

Elena Vázquez Cendón

Desde o impulso inicial que naceu na escola e que se desenvolveu despois coa axuda da familia e dos mestres que a inspiraron, resolver problemas con números é a paixón de Elena Vázquez Cendón. Hoxe as matemáticas son o centro dunha galaxia de actividades que inclúen o Decanato da Facultade de Matemáticas, o Departamento de Matemática Aplicada da USC ou o Mestrado en Matemática Industrial. Docencia, investigación, mestrado, promoción e reflexión cultural que converten a súa profesión nunha emocionante actividade como formadora, mentora ou fomentadora de novas vocacións científicas nas persoas máis novas.

P: O interese polas matemáticas non é nin repentino nin casual. Cal foi o papel da familia e dos mestres e mestras na túa decisión?

R: Carlos, meu irmán dous anos maior, xa facía Matemáticas. De feito, é hoxe profesor e director do departamento de matemáticas da Universidade de A Coruña. A min tirábanme moito as cousas moi aplicadas, a Física. E cando rematei o COU barallei tamén a posibilidade de facer Física, pero cando finalmente tomei a decisión sobre as Matemáticas foi despois de escoitar a moita xente, en particular ao meu profesor Alfonso Amorín, logo cofundador e director de EDISA, unha empresa galega punteira no desenvolvemento de software.

P: Era unha vocación que aos demais lles parecía “rara”?

R: Gustábame o que me gustaba. Tiña profesores, como Arias, que eran artistas comunicando a física e daquela eu pensaba que poder entender como eran as cousas e como funcionaban era moi interesante. Como se me vía a min desde fóra dábame un pouco igual. Pero o feito de que me gustara transmitir esa maneira de entender o mundo coas matemáticas, e que daquela non había un temario específico para Física no ensino medio, decidíronme definitivamente polas matemáticas.

P: Pero esa unión da física coa matemática permaneceu no teu percorrido universitario?

R: Si. Sempre gustei desa maridaxe que hoxe atopamos nun exitoso menú como é o do dobre Grao de Matemáticas e Física, que é unha sorte para o alumnado ao que lle guste moito as dúas cousas. No instituto, Amorín falábanos de ordenadores, que daquela, nos 80, eran algo aínda moi raro e innovador. Todo iso favoreceu un punto de encontro moi enriquecedor no que confluíamos persoas dedicadas ás matemáticas e á física coas dedicadas á enxeñeiría e á programación. Logo, durante a carreira, puiden elixir algunhas materias de física, como a Astronomía... ata que no último ano tiven como profesor a Alfredo Bermúdez un referente na matemática industrial nacional e internacional. Cando finalmente iniciei a miña investigación co profesor Bermúdez, traballando con rigor nos algoritmos para estudar un fenómeno físico como é o movemento das mareas nas rías galegas, foi cando confirmei esa confluencia das matemáticas e a física, xunto coa programación, como unha decidida paixón.

P: As túas referencias foron sempre homes. É debido a unha preeminencia masculina no mundo académico e matemático?

R: Alfonso Amorín e Alfredo Bermúdez foron o tránsito á universidade e á investigación. Pero o certo é que no grupo de matemática aplicada en Santiago eramos maioría de mulleres e hoxe é un departamento practicamente paritario. No mundo académico galego destaca o predominio dos homes no nivel máis alto da docencia (son maioría os catedráticos) pero a foto completa varía se temos en conta as titulares, as axudantes ou contratadas doutoras, onde as mulleres son máis.

P: Hai algunha razón específica que explique esa falta de paridade?

R: Na miña actividade académica eu persoalmente teño moi metida a compoñente de servizo (como vicerreitora ou decana) e non tanto as accións meritocráticas individuais. Creo que a falta de paridade no último escalafón depende ás veces de motivos educacionais. Eu, por exemplo, dedico moito tempo á miña experiencia co programa ESTALMAT-Galicia (Estímulo do talento matemático) e menos ás propias prioridades de acreditación individual. Ao mellor a educación dos meus colegas é máis de chegar arriba. No equipo decanal somos catro mulleres, aínda que de principio contactei tamén con homes. En cambio, no Mestrado de Matemática Industrial son a única muller coordinadora e son homes nas catro universidades. En definitiva, creo que é unha cuestión de entusiasmo.

P: Ocorre igual no ámbito empresarial?

R: As cousas están mudando. Nas nosas relacións coas empresas no mestrado, detectamos que este factor de igualdade está tamén moi presente. No propio mestrado estamos nun 30 e pico por cento de alumnas, pero o que tamén é certo é que á hora da contratación posterior, e segundo se desprende dun estudio de empregabilidade, as mulleres estaban mellor retribuídas. Creo que unha vez que estamos nos sitios se nos recoñece a capacidade de traballo, só que, ás veces, por temas de conciliación, as mulleres asumen tarefas máis compatibles. Nas empresas, a mirada das mulleres é un valor que destaca como un factor positivo de diversidade. E tamén é certo que a xente nova prioriza e valora cada vez máis o tempo, a calidade de vida e outras prestacións laborais que aportan máis satisfacción persoal.

P: En ESTALMAT traballas xunto á rapazada. Que percepción tes sobre a igualdade de xénero nese ámbito?

R: Este ano en ESTALMAT presentáronse 350 persoas en Galicia ás probas de selección. Son xente nova (12-14 anos) e son menos mulleres, estamos seleccionando arredor dun 30% de mulleres. Aí vemos que a competitividade vén de serie cos homes: hai que facer un exame, etc. Pero unha vez feita a selección, a capacidade delas é máis manifesta, séntense máis seguras falando, levantando a man, participando. Creo que aí temos que traballar máis e mellor: darlles a seguridade de que elas o merecen tanto como eles. O ano pasado titoricei dous traballos de fin de máster de rapazas que fixeron previamente o dobre grao e a súa capacidade de traballo é realmente moi grande. Se unha muller sae do seu círculo de confort a súa seguridade é manifesta. Levamos 16 promocións en ESTALMAT e temos xa unha traxectoria. Os egresados e egresadas dannos moito feedback, facemos seguimento dese patrimonio porque o que queremos é sachar ese talento, que remata nas matemáticas nun 20% pero que nun 80% dos casos diversifícase libremente noutras titulacións superiores.

P: En cuestión de talento matemático, é necesario contar con figuras que sirvan de referencia?

R: Cando eu estudaba non coñeciamos persoas que fosen unha referencia nas ciencias. En ESTALMAT agora si: este ano falamos de María Wonenburger e de Domingo Fontán, dúas figuras matemáticas galegas, home e muller. Desde o Consello da Cultura Galega estamos traballando moito nas referencias históricas que antes non tiñamos. Este ano o Día da Ciencia celebraba a Rof Codina, que se encargou de consolidar a raza da vaca galega autóctona e, pola experiencia que eu teño, á rapazada este tipo de referencias encántanlles, porque lles da a ocasión de conectar por unha vía más emocional. Agora basta con mencionar a estas persoas para que o alumnado busque en internet e coñezan as súas experiencias.

P: Ademais de referencias científicas teñen tamén un papel cultural?

R: Si, porque o importante no caso de figuras como Domingo Fontán ou Rof Codina era o seu compromiso co desenvolvemento de Galicia desde a modernidade. Codina traballaba desde conceptos tan actuais como Onehealth (unha saúde única). E grazas a Fontán Galicia foi a primeira parte de España que tivo un mapa científico. Cando a rapazada escoita isto séntense interesada, concernida, abre a súa mente a ese coñecemento.  Fontán estivo 17 anos traballando para o seu mapa, cousa que ás pequenas e aos pequenos lles impresiona moito. Pero é que o motor da ciencia, máis aló dos números e as fórmulas, tamén é a emoción, o entusiasmo.

P: Como acabou convertida unha tese sobre o movemento de mareas nun software para prevención de inundacións?

R: As mareas móvense a partir de ecuacións coñecidas, a conservación da masa e a conservación do movemento, todo con máis ou menos precisión segundo a cantidade de tecnoloxía matemática que metas na medición. Para facer simulacións de correntes necesitas a batimetría. O que fixemos na miña tese de doutoramento foi achegar algoritmos robustos que lles puidesen dar valor as variacións do fondo, para sacar un auténtico retrato, coas súas variacións, para sacar as alturas da auga e a velocidade. Iso permitíanos facer unha simulación das correntes, non só nas rías senón en calquera lugar onde puideras ter estudada a variación dos fondos. E tamén podes simular unha inundación.

Iso, entre outras cousas aumentou a miña admiración por Fontán, que dicía que lle queria  sacar o rostro a Galicia. Porque a orografía dun territorio (no mar ou na terra) é o seu ADN, as súas engurras. No noso caso fixemos un traballo sólido, e logo coa escola de Enxeñeiría de Camiños da Coruña, e despois coa axuda do Ministerio, logramos desenvolver o software IBER para simulación de fluxos que hoxe figura no prego de condicións para facer estudos de inundacións. Para min é un orgullo moi grande: foi un financiamento público o que fai posible esta ferramenta de matemática preventiva que pode ser aplicada en moitas partes do mundo.

P: O futuro é das matemáticas?

R: As matemáticas son unha linguaxe que permite entender e cuantificar problemas. A maioría das cousas que queremos resolver pódense traducir á linguaxe matemática. Pero outra cousa é que saibamos como resolvelas. Mesmo no mundo da matemática financeira hai conceptos como o factor humano. Hai matemáticas que están agardando pola xente nova e hai problemas que están agardando por profesionais doutros ámbitos, porque non podemos resolvelos sós. E na matemática industrial estamos moi afeitos a escoitar: no mestrado atopamos un ceramista galego, Nacho Porto, que deseñaba altofalantes e que grazas á acústica e ás matemáticas pode ver realizados os seus propósitos.

P: Algunha vez pensaches que verías tanto algoritmo nos titulares de prensa?

R: A verdade é que non. Sempre entendemos un algoritmo como algo que nos axudaba a concretar o que íamos escribir no código informático. Pero tamén son modas: igual que se non houbese aparecido a COVID non falariamos tanto de picos e esa xerga matemática que agora é permeable á sociedade. Eu non pensaba que isto podía pasar, pero para as vocacións matemáticas, saír da nosa gruta é algo estratéxico para dar a coñecer o que a matemática pode facer e sobre todo transmitilo á xente máis nova, que empezan a saber o que é a emoción desa ciencia que facemos.

(Foto: Toma de posesión como decana, realizada por Santi Alvite para a USC)