M. Elena Vázquez Cendón

(
2022
)
M. Elena Vázquez Cendón na gala de entrega do premio

M. Elena Vázquez Cendón (Ourense, 1966) é unha docente e investigadora galega na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O contexto da súa investigación é a Matemática Industrial, iniciándose no doutoramento coa dirección de Alfredo Bermúdez, e realizando estadías no Institut National de Recherche en Informatique et en Automatique en Niza. 

Desenvolveu contribucións significativas ás leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos. A súa técnica para descomposición de fluxos proporciona algoritmos altamente eficientes en dinámica de fluídos computacional. Destacan tamén os seus traballos en  esquemas híbridos volumes finitos-elementos finitos.  As publicacións da súa investigación en Computers & Fluids (1994 e 2012) están consideradas traballos seminais no tema. Os ámbitos de aplicación son: o movemento da auga en ríos, escalas de peixes, zonas costeiras –sendo as rías galegas a súa motivación–, estudos de inundacións, o fluxo do gas, o fluxo de sangue e o deseño industrial. Entre as colaboracións internacionais saliéntase a establecida con Eleuterio Toro e Michael Dumbser da Università degli Studi di Trento.

Foi investigadora principal e participou en proxectos nacionais e internacionais. Liderou contratos co Centro Tecnolóxico do Mar e con Endesa Geración S.A., e participou en contratos coa Fundación Ciudad de la Energía e Reganosa. Forma parte do equipo que desenvolveu o software IBER, empregado pola comunidade hidráulica internacional e as confederacións da auga. É investigadora vinculada ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

Iniciou o labor docente en 1989 no campus de Lugo e desde 1991 en Compostela, impartindo diferentes materias da área de Matemática Aplicada. Titorizou máis de 25 TFG e TFM e co-dirixiu as teses de doutoramento de Luis Cea e Saray Busto. 

Está moi comprometida coa divulgación das Matemáticas nos centros de ensino e nos medios. 

Documentación asociada