Carmen García Mateo

(
2014
)
Carmen García Mateo

Enxeñeira de Telecomunicación (1987) e doutora enxeñeira de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid (1993).

Completou a súa formación con estadías de investigación posdoutoral na Universidade de California Campus de Santa Barbara (UCSB), en 1994; nos Laboratorios Bell de ATT (New Jersey), en 1997 e 1999; na Michigan State University, en 2005; e na Universidade de Kent, en 2013.

En 1987 incorporouse á Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVIGO). Na actualidade é catedrática do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións (TSC) e coordina o programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicacións. Entre 2006 e 2010 desempeñou o cargo de vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea.

Dirixiu e coordinou numerosos proxectos de investigación e teses doutorais, e publicou máis de 100 artigos en revistas e congresos internacionais.

Colabora con diversas revistas científicas no seu eido e é socia fundadora da Sociedade Española para a Acústica Forense-SEAF.