Amparo Alonso Betanzos

(
2020
)
Foto Amparo Alonso

Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961) licenciouse en Química coa especialidade de Química Industrial (1984) e doutorouse en Física (1988) na Universidade de Santiago de Compostela, onde por primeira vez dirixiu o foco do seu traballo á área da informática biomédica.

Completou a súa formación posdoutoral no Medical College de Georgia (EEUU), traballando no desenvolvemento de Sistemas Expertos para aplicacións médicas, ámbito no que afondou especialmente na monitorización antenatal. Posteriormente centrou o seu labor científico nas aplicacións da Intelixencia Artificial en ámbitos tan distintos como o medio ambiente, a saúde e a industria 4.0, así como nos avances en algoritmos de aprendizaxe automática.

Nestas áreas segue a traballar xa como catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña (UDC), onde dende o ano 1990 é a coordinadora do Grupo LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) pertencente ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), compaxinando o labor docente e investigador. Actualmente é a comisionada desta Universidade para o desenvolvemento do nodo de Intelixencia Artificial da Cidade das TIC na Coruña.

A súa experiencia como pioneira nesta área e o compromiso co avance no campo das TIC en España, levouna á presidencia da Asociación Española de Intelixencia Artificial e a ser experta de referencia tanto da Comisión Europea, como membro da ‘Reserve List’ do High Level Expert Group on Artificial Intelligence (AI HLG), como do Executivo español. Sendo parte do Grupo de Traballo en Intelixencia Artificial, en 2018 asesorou na redacción da Estratexia Española en Intelixencia Artificial e actualmente forma parte do Consello Asesor de Intelixencia Artificial do Goberno de España.