Alicia Estévez Toranzo

(
2018
)
Alicia Estévez Toranzo

Doutora en Bioloxía e licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Desenvolveu parte da súa formación postdoutoral nas universidades de Maryland e Oregón.

É catedrática do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, que dirixiu entre 2004 e 2013, e coordinadora do Programa de doutoramento en avances en bioloxía microbiana e parasitaria.

Dende 1984, codirixe o grupo de investigación en Patoloxía de Animais Acuáticos, Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia.

É inventora de 8 patentes de uso en acuicultura, relacionadas con vacinas e procedementos diagnósticos para enfermidades en peixes de consumo habitual.

Participou en arredor de 90 proxectos de investigación neste eido, impulsados tanto por entidades públicas como por empresas, máis da metade como investigadora principal.

Na súa produción científica, é autora de 275 artigos, 30 capítulos de libros e máis de 300 comunicacións, ademais de dirixir 17 teses de doutoramento.

Foi merecedora do Premio Nacional de Fin de Carreira (Ministerio de Educación e Ciencia), e tamén do Premio Nacional ‘Jaime Ferrán’, da Sociedade Española de Microbioloxía, entre outros recoñecementos.

É membro da Real Academia Galega de Ciencias e da Academia de Farmacia de Galicia.