Referentes, en feminino

Maria-Josefa-Wonenburger

Hipatia. Ada Lovelace. Marie Curie. Ángela Robles. Jane Goodall. Barbara McClintock. Margarita Salas. Emmy Noether. María Josefa Wonenburger. Ao longo da historia da ciencia e a tecnoloxía, houbo -e hai- moitas mulleres que, co seu traballo, determinaron o avance nas súas disciplinas e, polo tanto, serviron aos intereses colectivos da sociedade. Sen embargo, e agás algunhas excepcións, a historia colocounas sempre en segundo plano, no mellor dos casos, ou esqueceunas cunha nota ao pé dunha páxina. Para acadar unha igualdade real, as nenas que inician os seus estudos precisan de referentes onde mirarse, coñecer as vidas doutras mulleres que, fronte a todas as dificultades, foron determinantes nas súas áreas de coñecemento. Pero tamén son necesarios exemplos de científicas que hoxe en día desenvolven o seu traballo en empresas e universidades, mulleres máis próximas no tempo, coas que poidan falar e que lles conten en directo a súa experiencia.

A historia non tratou, nin trata, por igual a mulleres e homes. En ningún ámbito, da política á literatura, da medicina ao deporte. No caso da ciencia, esa ocultación é evidente. Nótase nos libros que usa o estudantado nas etapas preuniversitarias pero tamén no tratamento destas figuras nos medios de comunicación. En ocasións, cámbiase o esquecemento pola representación das súas vidas como raras e excéntricas, con matices mesmo despectivos. Un estudio publicado en Nature en 2013 pola investigadora de Cambridge Patricia Fara, Women in science: Weird sisters?, laiábase do feito de que no pasado os biógrafos e as publicacións presentaban ás mulleres en roles estereotipados, convertindo os rasgos diferenciais das súas personalidades en elementos negativos. Tamén, como no caso de Marie Curie e tantas outras, criticábanse aspectos persoais como as súas relacións ou o seu aspecto físico.

No caso dos libros de texto, o traballo Las mujeres en los contenidos de la ESO, presentado como tese doutoural por Ana López Navajas, da Universidade de Valencia, sinalaba que tan só un de cada oito personaxes que aparecen nos libros de texto, a nivel xeral, son mulleres. Esta desigualdade é maior no ámbito da ciencia e a tecnoloxía, chegando a porcentaxes de dúas mulleres fronte a 228 homes.

A proporción de mulleres no persoal investigador en España segue sendo moi reducido. Os propios datos do Ministerio de Ciencia e Innovación afirman que só representan o 39% do total. No informe Científicas en cifras, publicado por este organismo, dise tamén que as catedráticas supoñen unicamente o 21% deste grupo docente. Outro documento do ministerio analiza a presenza feminina nos premios científicos, chegando á conclusión de que as mulleres están infrarepresentadas tamén nese ámbito, obtendo o 17,63% dos galardóns. A nivel global, e segundo a Unesco, a porcentaxe de investigadoras no mundo non chega ni ao 30%. A desigualdade é aínda máis grave no caso das carreiras STEM, que só contan cun 12% de alumnado feminino, tal e como lembra o Informe Empleo IT y Mujer.

A Secretaría de Estado para o Avance Dixital publicou en 2019 o Libro Blanco das mulleres no ámbito tecnolóxico, onde se recollían os factores que explicaban esta situación. Aí figuran elementos socioculturais como as normas e valores que aínda perviven na sociedade, os estereotipos na educación e na familia e o papel pouco exemplificador que xogan ás veces os medios de comunicación e a publicidade. Un caso especialmente visible está constituído polos xoguetes sexistas (coches/bonecas, azul/rosa) pero tamén polos contos infantís, onde as mulleres quedan moitas veces en papeles secundarios ou como trofeospara os heroes masculinos.

O Libro Blanco Situación de las mujeres en la ciencia española, da Unidad de Mujeres y Ciencia, recolle que as taxas de titulación feminina en educación superior en España e na UE-15 superan ás dos homes en boa parte dos graos. Tamén se observa que o número de abandonos dos estudos é superior entre as mulleres, situación causada por circunstancias familiares, nomeadamente a crianza de fillos e fillas. En canto ás bolsas preodoutorais, o 50% son para as mulleres, pero nas posdoutorais, hai unha maior presenza de homes, o que resulta altamente significativo.

Unha das claves para romper esta dinámica, ademais do cambio xeral do paradigma na sociedade, son as mulleres referentes. Unha investigación realizada pola Fundación Lyda Hill e o Instituto Geena Davis demostrou que hai unha relación directa entre a mellora da representación das mulleres nos medios de entretemento e o interese das nenas polos campos científicos. O estudo alertaba sobre o feito de que o 62% das personaxes con perfil STEM corresponden con homes brancos.

Milagros Sáinz, investigadora principal do grupo Xénero e TIC (GenTIC) da UOC, sinala que “é fundamental que haxa referentes de mulleres científicas e tecnólogas. Pero tamén é importante que as referentes sexan exemplos de mulleres normais, non só mulleres de moito éxito que den a impresión de que as rapazas normais non poderán acadar os seus obxectivos”.

O proxecto Inspira STEAM ten por obxecto o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas, baseadas en accións de sensibilización e orientación. O seu corazón, de feito, son as mentoras que, de maneira voluntaria, achegan o seu día a día a nenas e nenos en sesións de traballo en horario lectivo. A iniciativa, que partiu da Universidade de Deusto, sinala no seu manifesto que a desigualdade “non se debe a un menor gusto, a unha menor capacitación, a unha inferior vocación ou a un inferior desempeño. Son os factores sociais, culturais e educativos os que empoderan, recoñecen e incentivan menos ás mulleres que aos homes”. As súas liñas de acción inclúen “visibilizar ás mulleres científicas e tecnólogas, históricas e actuais, poñendo en valor o seu traballo e construíndo novos referentes”.

Nesta mesma liña traballa a iniciativa #nomorematildas, da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas. A campaña di: “Imaxinas que puido pasar se Einstein nacese muller? Pois que probablemente, hoxe non saberiamos quen é Einstein. E é que os éxitos dos seus descubrimentos levaríaos algún compañeiro de investigación, ou mesmo o seu marido”. O efecto Matilda refírese a Matilda Gage, primeira activista que denunciou a inxustiza de ignorar de forma sistemática as brillantes aportacións do sexo feminino. Dito esquecemento afecta ás súas vidas, pero tamén ás novas xeracións, que non poden contar con ese exemplo para o seu desenvolvemento profesional. #nomorematildas quere recuperar o traballo das científicas esquecidas e levalas aos libros de texto para axudar a fomentar novas vocacións femininas. O seu traballo pode coñecerse nesta páxina web.

Entre as funcións da Unidade muller e ciencia de Galicia figura a de colaborar no “deseño de accións formativas e de sensibilización para fomentar en todos os ámbitos e niveis educativos a orientación non sexista e promover a presenza das mulleres nos itinerarios e especialidades científicas e tecnolóxicas”. E unha das formas de facelo é promover referentes femininas no ámbito científico, o que se materializa no premio María Josefa Wonenburger. Con el, preténdese recoñecer ás mulleres científicas de Galicia “que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron caminos a moitas outras”. O galardón visibiliza e faille chegar á sociedade “as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía”. O plantel de mulleres premiadas desde 2007 é todo un catálogo de referentes para as novas xeracións:

2007: Inmaculada Paz Andrade

2008: María Teresa Miras Portugal

2009: María Soengas González

2010: Carmen Navarro Fernández-Balbuena

2011: Ofelia Rey Castelao

2012:  María Tarsy Carballas Fernández

2013: María José Alonso Fernández

2014: Carmen María Mateo

2015: Isabel Aguirre de Úrcola

2016: Peregrina Quintela Estévez

2017: Begoña Vila Costas

2018: Alicia Estévez Toranzo

2019: Mabel Loza

2020: Amparo Alonso Betanzos

A páxina web da Unidade conta igualmente cunha interesante colección de recursos didácticos que se poden empregar no ámbito educativo e familiar, dispoñibles aquí. Outros proxectos relacionados coa visibilización son o NIN + NIN -, iguais, o concurso ApuntasTECH ou o programa Donas de si.