O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia reivindica o papel da muller na loita contra a Covid-19 e alerta do aumento das desigualdades pola pandemia

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

As estatísticas son esclarecedoras. Menos do 30% das investigadoras do mundo son mulleres. Só o 30% das estudantes escollen carreiras no ámbito das ciencias, a tecnoloxía, a enxeñaría ou as matemáticas. Detrás desas cifras hai persoas, historias. Elas son as que xustifican a existencia do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora  o 11 de febreiro por iniciativa da Unesco.

Este ano 2021, a actualidade sanitaria define o fío central da celebración: As mulleres científicas, líderes na loita contra a Covid-19. A pesares de ser cuantitativamente menos, a súa aportación neste tempo de pandemia está a resultar decisiva. Os datos así o avalan. Segundo o informe 2020 Global Health 50/50, as mulleres representan o 70% da forza laboral sanitaria e social. Porén, só o 30% dos postos directivos do sector está ocupado por elas.

Con motivo da celebración desta efeméride, a Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso de avanzar na visibilización das mulleres no mundo da ciencia e a tecnoloxía. Cada nena e cada neno debe poder conseguir o que se propoña, con esforzo e ilusión, pero sen obstáculos de xénero. Para conseguir ese obxectivo irrenunciable, a Unidade Muller e Ciencia defende os seguintes seis principios no seu labor diario:

  • As mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental na ciencia e na tecnoloxía, e a súa participación debe fortalecerse
  • É necesario seguir visualizando e difundindo o traballo das científicas e fomentar a vocación investigadora das nenas
  • Hai que seguir poñendo en valor o traballo das mulleres científicas, mostrándoas como referentes para as novas xeracións de mozas
  • É preciso lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, acadando a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e as nenas neste ámbito
  • Hai que manter a loita contra os prexuízos e os estereotipos de xénero na ciencia e a tecnoloxía que condicionan e limitan os estudos das nenas. O actual predominio das mulleres na Educación Superior agocha que, fronte á presenza masiva en determinadas áreas de coñecemento -especialmente en Ciencias da Saúde- mantéñense unhas cifras de matriculación moi baixas nas ramas máis técnicas, nas enxeñarías e en Arquitectura. Esta diferenza na elección condiciona e limita, en gran medida, a empregabilidade das mulleres no entorno produtivo actual, a súa carreira profesional e fai persistir as diferenzas de ingresos con respecto aos homes
  • Débese seguir avanzando na incorporación efectiva dos criterios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación para conseguir un verdadeiro cambio de paradigma no mundo científico

A orixe desta efeméride remóntase á 81ª sesión plenaria da asamblea da Unesco, celebrada o 22 de decembro de 2015. Aprobouse co obxectivo de promover a participación plena e en condicións de igualdade das mulleres e as nenas na educación, a capacitación, o emprego e os procesos de adopción de decisións na ciencia. Neste sentido, a aposta é a de eliminar “toda forma de discriminación contra a muller, mesmo nas esferas da educación e o emprego (…) e promover o establecemento de políticas e plans de estudo no campo da ciencia, incluidos programas escolares, para alentar unha maior participación das mulleres e as nenas, promover as perspectivas de carreira de mulleres na ciencia e recoñecer os logros das mulleres neste ámbito”.

As actividades programadas pola organización das Nacións Unidas inclúen a celebración do evento global Mulleres científicas, na primeira liña fronte a Covid-19, un panel científico que se pode seguir nesta ligazón: https://en.unesco.org/sites/default/files/programme_idwg2021_en.pdf. Igualmente, creouse un interesante kit para medios sociais con tarxetas informativas en varios idiomas para difundir datos, feitos e experiencias das mulleres no ámbito científico. O material, de libre acceso e de gran interese didáctivo, está accesible en: https://trello.com/b/hY0CI34N/womeninscience. Audrey Azoulay, Directora xeral da Unesco, publicou tamén unha mensaxe con motivo desta celebración, onde sinala desigualdades aínda vixentes como que as nenas e as mulleres teñen hoxe catro veces menos de probabilidades que os homes de adquirir as competencias dixitais básicas, tan esenciais no futuro. “Estas desigualdades persistentes deben ser motivo de gran preocupación. En efecto, para facerlle fronte aos inmensos desafíos do século XXI -desde o cambio climático ata os transtornos tecnolóxicos- fainos falta a ciencia e toda a enerxía necesaria e, por iso, o mundo non pode privarse do potencial, a intelixencia e a creatividade das miles de mulleres que son vítimas de desigualdades ou prexuízos tan arraigados”, afirma Azolay nun texto que se pode consultar íntegramente aquí en español: https://unesdoc.unesco.org/ark:/48223/pf0000372680_spa.

Máis desigualdade

No tempo excepcional que vivimos, nunha pandemia global que cambiou as vidas de toda a humanidade desde hai xa máis dun ano, as mulleres están a padecer especialmente as consecuencias. As desigualdades xa existentes en ámbitos como a saúde, a economía ou a protección social aumentaron polo efecto da crise xerada pola Covid-19. Isto manifestase especialmente no feito de que as mulleres e as nenas sofren repercusións económicas máis graves xa que, en xeral, gañan menos, poden aforrar menos e teñen postos de traballo máis vulnerables ou mesmo viven practicamente na pobreza. Estas alarmantes conclusións forman parte do informe As repercusións da Covid-19 nas mulleres, publicado en 2020 pola ONU. No documento afírmase que aumentaron os traballos de coidados non remunerados porque moitos menos e nenas non están acudindo con normalidade á escola, as persoas maiores precisan de máis coidados e os servizos de saúde están saturados. Debido ao illamento e as restriccións, as cifras falan tamén dun aumento exponencial dos casos de violencia machista a nivel global.

Algúns números que axudan a comprender esta situación: as mulleres dedican 3 veces máis tempo que os homes ao coidado doméstico e non remunerado; a diferenza salarial de xénero mantense no 16%, chegando nalgúns países ata o 35%; 740 millóns de mulleres de todo o mundo traballan na denominada economía informal; o 65% das mulleres ten unha conta nun banco fronte a un 72% dos homes; as mulleres novas de 25 a 34 anos teñen un 25% máis de probabilidades que os homes desas idades de vivir na pobreza extrema.

No ámbito sanitario, segundo o mesmo informe, o número de traballadoras sanitarias infectadas polo virus supón o 72% fronte ao 28% dos homes. No caso de Italia, a porcentaxe é do 66%. Pódese consultar aquí o informe completo: https://www.un.org/sites/un2.un.org/files/covid_and_women_spanish_new_t….

O informe O impacto da Covid-19 desde a perspectiva de xénero, publicado polo Instituto Basco da Muller, di que seis de cada dez persoas diagnosticas por Covid-19 son mulleres, o que se relaciona coa exposición deste colectivo fronte ao virus polo tipo de labores que desempeñan. Oito de cada dez persoas do ámbito sanitario que están salvando vidas durante a pandemia son mulleres. Oito de cada dez persoas que traballan no sector das residencias de maiores son mulleres. Nove de cada dez das persoas coidadoras non profesionais de persoas dependentes son mulleres. Todo isto repercute nun aumento maior entre as mulleres de problemas de sono, medo a perder seres queridos, ansiedade, malestar psicolóxico ou a preocupación por contraer unha enfermidade grave.

Estes datos están refrendados por outros estudos, como o publicado en xaneiro deste ano pola Consejería de Políticas Sociales da Comunidade de Madrid, onde se asegura que o 84,5% dos profesionais da enfermería ou o 77,8% das persoas que atenden nas residencias de maiores son mulleres. Pero o ámbito amplíase a sectores como as farmacias (76,1%), as empregadas de fogar (94%) ou o ensino (68%). No caso da violencia machista, durante o confinamento do primeiro estado de alarma incrementáronse as chamadas ao número 016 nun 49,2% con respecto ao mesmo periodo de 2019.

Pola súa parte, o Ministerio de Ciencia e Innovación editou o documento Xénero e ciencia fronte ao coronavirus, onde se sinala que existe unha importe infra-representación das mulleres nos proxectos de investigación sobre a enfermidade tendo en conta a súa presenza no ámbito sanitario. Sen embargo, hai algún datos menos negativos, como o feito de que na Plataforma de Saúde Global, coordinada pola investigadora Margarita del Val, o 40% dos proxectos actuais do CSIC están liderados por mulleres, cifra superior ao 36% de representación de investigadoras nese organismo. O confinamento e a dedicación aos coidados tamén tivo repercusión nunha descompensación do número de artigos científicos presentados por homes fronte a mulleres polo simple feito de dispor de máis tempo para elaboralos. Isto é debido a que as mulleres tiveron que seguir facéndose cargo das tarefas domésticas e dos coidados de persoas maiores, persoas con discapacidade, persoas dependentes e dos nenos e nenas menores de 14 anos.  Aínda estamos lonxe da corresponsabilidade, dun reparto equilibrado entre homes e mulleres das responsabilidades domésticas e da eliminación do estereotipo de que  “conciliar é cousa de mulleres”.

Liderando as investigación en vacinas

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Fronte á dura realidade dos datos, as mulleres están tamén presentes na vangarda da investigación das vacinas da Covid-19 que están empezando a distribuirse entre a poboación. É o caso de Sarah Gilbert, a investigadora británica de 39 anos que encabezou o estudos no caso da vacina de Oxford e AstraZeneca. Ou o de Katalin Karikó, unha bioquímica húngara que desenvolveu avances decisivos nas vacinas de Moderna e Biotech. Tamén Kizzmekia Corbett, líder da investigación da vacina de Moderna, ou a chinesa Chen Wei, por citar outros casos.

Os estudos avalan que os estereotipos de xénero son unha das razóns principais pola que a presenza das mulleres na ciencia é tan pequena. Os datos recompilados por Ep Data do Ministerio de Ciencia e das Universidades fala de que a porcentaxe de mulleres investigadoras en España mantense no 39% desde 2009, de que o 79% dos catedráticos son homes ou de que só o 8% dos rectores son mulleres. A Unesco constatou que só o 2% do capital risco vai destinado a start-ups dirixidas por mulleres ou que só o 22% das persoas que traballan nun ámbito tan esencial no futuro como a intelixencia artificial e os datos son mulleres. No ámbito da educación, segundo se apunta na investigación Gender sterotypes about intelectual ability emerge early and influence children´s interest, publicada en Science en 2017,  desde o seis anos de idade, “as nenas consideran que os nenos son máis propensos a ser brillantes e máis aptos para actividades para xente moi intelixente”. Finalmente, no informe The future of Jobs, asegúrase que só un de cada cinco empregos creado no ámbito do STEM (Ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) é para mulleres.

As administración públicas en Galicia non son alleas a esta situación. Así o demostra a existencia e o traballo desenvolto dende a Unidade Muller e Ciencia de Galicia, órgano colexiado de asesoramento, elaboración de informes e recomendación. No seu propio ADN figura o obxectivo de incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxicos, definir actuacións encaminadas á eliminación dos desequilibrios na formación científica, colocar nun primeiro plano dos estudos e actividades científicas a perspectiva de xénero, así como visualizar as mulleres no ámbito científico, tecnolóxico e da innovación para promover modelos e referentes para a sociedade.

Premio María Josefa Wonenburger

Precisamente con esa perspectiva convócase cada ano o Premio María Josefa Wonenburger Planells, que homenaxea á investigadora e matemática galega, pioneira e referente femenino internacional no ámbito das ciencias. Na súa última edición, a galardoada foi Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961), catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universdidade da Coruña. Dende alí coordina o Grupo LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) pertencente ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC). No acto de entrega do premio, Alonso salientou que só o 13% do alumnado da súa facultade son mulleres. Ese fenómeno, dixo, “ten que ver coa educación que lles damos aos nosos fillos e ás nosas fillas, ás veces sen querer, coa forma na que nos relacionamos na sociedade, coa publicidade, coa visualización tan escasa que se fai das mulleres na ciencia. Ti lle preguntas a un neno ou a unha nena que mulleres científicas coñece e saberán ir pouco máis aló de Marie Curie”.

Para axudar a romper con esa dinámica, na traxectoria do premio destacouse o labor doutras mulleres como Mabel Loza García (2019), Alicia Estévez Toranzo (2018), Begoña Vila Costas (2017) ou Peregrina Quintela Estévez (2016), nunha listaxe que comezou coa primeira edición do galardón, en 2007, con Inmaculada Paz Andrade. A nómina completa de gañadoras pode consultarse aquí: https://unidadedamullereciencia.xunta.gal/gl/premio-maria-josefa-wonenb…. Este organismo publica tamén Unidades didácticas sobre as gañadoras do premio, accesibles de forma libre no seguinte enderezo: https://unidadedamullereciencia.xunta.gal/gl/recursos.

NIN + NIN -, iguais

A actividade da Secretaría Xeral da Igualdade conta con outros programas, como o NIN + NIN -, iguais, co obxectivo principal de favorecer o encontro con mulleres líderes nos seus respectivos sectores para que as rapazas e os rapaces de Educación Secundaria teñan referentes femininos en sectores laborais onde a día de hoxe non existe paridade de xénero. A iniciativa chegou xa a 1.500 alumnos de 13 centros educativos. Tamén, en colaboración co CESGA, organiza o concurso anual #ApuntasTECH, dirixido a centros educativos, que busca propostas divertidas ou innovadoras que fagan uso das TIC de maneira transversal e creativa, onde o uso da tecnoloxía é un medio para espertar vocacións tecnolóxicas entre as rapazas.

Outro proxecto da Xunta de Galicia é o programa Donas de si, que pretende visibilizar e pór en valor a participación e a produción das mulleres como pezas fundamentais na configuración e no desenvolvemento da sociedade galega contemporánea. O programa, dirixido a centros educativos, pretende especificamente recoñecer os valores e achegas das mulleres á innovación cultural, científica e intelectual, situándoas nos contextos que lles tocou vivir. Igualmente, foméntase no alumnado unha educación libre de estereotipos de xénero, a igualdade de oportunidades e a coeducación.

Marisol Soengas, médica galega galardonada co premio Mª Josefa Wonenburger no ano 2009 e especialista destacada na investigación contra o melanoma, afirmaba nunha entrevista publicada en El País en 2018 que “as mulleres científicas non somos bichos raros. Temos que normalizar que unha muller pode ser científica e acadar postos de responsabilidade. E é moi importante traballar coas escolas e tamén o papel dos medios para visibilizar ás mulleres científicas que foron esquecidas pola historia”. Hoxe, 11 de febreiro, é un bo día para reivindicar estas palabras.