A matemática Elena Vázquez Cendón obtén o premio María Josefa Wonenburguer

Elena Vázquez Cendón

A matemática e decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, Elena Vázquez Cendón, será distinguida co premio María Josefa Wonenburguer de 2022, unha decisión comunicada no último pleno da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia. Con este premio, a Xunta recoñece a traxectoria de mulleres galegas que destacan pola súa contribución á área das ciencias e á tecnoloxía.
 
Vázquez Cendón (Ourense, 1966) é licenciada e doutora en Ciencias Matemáticas pola USC e profesora titular de Matemática Aplicada. Decana da facultade de Matemáticas en Santiago, estudou as leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos, o que se aplica a análises de movemento de augas. A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia tivo en conta, ademáis da súa traxectoria profesional, o seu compromiso na divulgación das matemáticas no proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia). Desta iniciativa e doutas cuestións falaba nunha entrevista publicada nesta mesma páxina e que se pode consultar aquí.
 
O premio María Josefa Wonenburger foi creado en 2007 pola Xunta para distinguir a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego desde a Consellería de Emprego e Igualdade. Trátase de facer chegar á sociedade as contribucións feitas por elas e que sirvan de exemplo a xeracións vindeiras.
 
Desde a Xunta considerase prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxico de Galicia, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuirá a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.
 
O Premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha autentica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e que foi unha científica adiantada ao seu tempo.
 
Nos últimos anos, foron merecedoras deste recoñecemento mulleres como Amparo Alonso, catedrática de Ciencias da Computación de Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña; Mabel Loza, farmacéutica referente no descubrimento de medicamentos, ou Alicia Estévez, farmacéutica especializada en bioloxía microbiana e parasitaria. Na edición pasada, en 2021, o premio foi para a catedrática de Medicina Legal e Forense, Victoria Lareu Huidobro.
 
A entrega do premio terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro día 20 de decembro coa presenza de membros do goberno galego así como de representantes do ámbito universitario e científico.

(Foto: Xurxo Lobato)