A igualdade, asignatura pendente para o avance da muller no sector tecnolóxico

Mulleres no sector tecnolóxico

As TIC converteron o mundo en global, percorren todos os sectores econonómicos e sociais e determinan as nosas relacións. As empresas de base tecnolóxica son o presente, o futuro e, nos vindeiros anos, incorporarán innovacións que cambiarán a maneira na que entendemos a vida. E, como sector tractor, xerarán moito emprego especializado e de valor engadido. Sen embargo, a modernidade da rede non se aplica do mesmo xeito á igualdade entre homes e mulleres.

Hai tres indicadores determinantes e, ao mesmo tempo, preocupantes: na educación, no traballo e no emprendemento. Só o 12% das mulleres realizan estudos específicos de informática, só o 15% dos postos tecnolóxicos están ocupados por elas e só o 18% das startups levan selo feminino. Trasladado aos salarios, existe unha preocupante diferenza no sector a favor dos homes (8,9%).

A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas recolle entre os seus principios básicos a igualdade de xénero. UN Women, a entidade da ONU dedicada a fomentala, sinala catro obxectivos mundiais relacionados coa innovación: desenvolver o mercado para innovacións que avancen na igualdade de xénero e no empoderamento feminino; promover un achegamento responsable coa igualdade de xénero no proceso da innovación; promover innovacións creadas por mulleres para as mulleres; e apostar por innovacións de alto impacto que beneficien a colectivos de mulleres marxinadas.

En marzo de 2019, o Ministerio de Economía y Empresa publicou o Libro Blanco de las mujeres en el ámbito tecnológico, que sinala que “os sesgos de xénero, cimentados en estereotipos e prezuízos, son o principal factor que incide na menor presenza de mulleres no sector. Estes sesgos teñen un carácter cultural e social. Supoñen, para ambos sexos, unha barreira nas eleccións individuais e nas carreiras profesionais, e contribúen á persistencia de desigualdades entre mulleres e homes”. Ditos xéneros interiorízanse nas idades temperás: “A etapa da adolescencia e a xuventude segue considerándose clave pero as investigacións coindicen en prestar cada vez máis atención ás primeiras etapas da vida, xa que a interiorización do mundo que nos rodea e a forma na que se pertence ao mesmo, apréndense de forma preeminente durante a infancia”.

As conclusións do traballo, que se pode descargar aquí, son demoledoras: a porcentaxe de mulleres matriculadas en estudos superiores de carácter tecnolóxico é moi escaso; a presenza de mulleres no ámbito laboral dixital é minoritaria; as diferenzas de xénero nos empregos dixitais aumenta, as mulleres están sub-representadas nas posicións de liderato, as habilidades relacionadas coa xestión exitosa asócianse frecuentemente de forma estereotipada cos homes; o emprendemento tecnolóxico está masculinizado; a repercusión da maternidade e os coidados son aínda un freo importante para as mulleres no sector; proliferan os casos de acoso sexual no contorno das empresas emerxentes; e os algoritmos e a intelixencia artificial reproducen sesgos de xénero discriminatorios que afectan ao obxectivo da igualdade.

As cifras acompañan tozudamente ás conclusións. O 8,7% das mulleres con empregos dixitais entre os 30 e os 44 anos abandonan os traballos por motivos familares ou de coidados. A porcentaxe de mulleres que lideran startups é dun 18% segundo a Asociación Española de Startups. A Mesa de Género para el Ámbito Digital afirma que, de todos os Bussiness Angels, só 10 son mulleres. E só o 7,4% das persoas que investiron en novas empresas de base tecnolóxica son mulleres. As mulleres unicamente ocupan o 11,5% dos postos directivos das empresas que cotizan en bolsa en España. Eurostat afirma nos seus datos para España que só o 15,4% dos profesionais TIC son mulleres, nunha serie que non mellorou nos últimos dez anos.

En canto aos estudos, a porcentaxe máis alta de mulleres está na área de biotecnoloxía, onde supoñen o 60%. Nas enxeñarías, a media entre as titulacións é do 30%. En Matemáticas, a cifra está no 40%, en Física no 25% e en Informática e similares, no 12%.

Se ben é certo que cada vez hai máis mulleres que van chegando aos postos de alta dirección das empresas tecnolóxicas -incluídas as multinacionais- tamén o é que a súa presenza a nivel global segue sendo minoritaria. E iso trasládase tamén ás feiras e conferencias do sector, onde a presenza masculina é absolutamente maioritaria.

O informe sobre a Situación do Sector Tecnolóxico Europeo aporta algún dato interesante a este respecto. Por exemplo, o 91% do capital total investido en tecnoloxía europea en 2020 foi a parar a mans de equipos fundadores de empresas compostos exclusivamente por homes, fronte a un 9% onde neses equipos había algunha muller.

Outro dos retos pendentes é rematar co acoso na empresa. Women Who Tech, organización sen ánimo de lucro que asocia a mulleres do ámbito das TIC, realizou un estudo entre perfís de empregadas e fundadoras de empresas. O 41% das mulleres afirma que sufriu acoso sexual, o 65% recibiu proposicións para practicar sexo, o 59% experimentou un contacto físico non desexado, o 56% tivo que escoitar palabras desapropiadas dirixidas a elas e o 24% recibiu fotografías non solicitadas con contido explícito de tipo sexual. En moitos dos casos -o 40%- esa situación de acoso procedía do propio inversor, que pode chegar a condicionar a recepción de fondos. O informe completo está dispoñible en internet nesta páxina.

A Enquisa de Poboación Activa confirma como o volume de homes é moi superior ao de mulleres nas actividades relacionadas coas TIC. O informe Muller e tecnoloxía promovido en 2020 por UGT, asegura que hai 550.00 homes máis que mulleres realizando o seu traballo en postos tecnolóxicos, cifra que dobra a de mulleres. “Esa fortísima masculinización reforzase cada ano: no 58% das empresas que contan nas súas plantillas con especialistas en TIC, todos os seus compoñentes son homes, o que supón un forte aumento con respecto a anos anteriores”, indican as autoras do traballo. “Así, o número de cadros de persoal TIC completamente masculinos aumentou case un 10% nun ano”. É máis, só un 9% das empresas españolas teñen equipos TIC con pleno equilibrio entre homes e mulleres.

En sectores concretos, os datos son igualmente malos. No segmento da ciberseguridade, as mulleres son o 7%; na comunidade de especialistas en bitcoin, un 8,78%; en temas de intelixencia artificial, un 19%; só un 12% están en postos de cloud computing; en videoxogos representan o 16%, tendo en conta neste último caso que o 41% das persoas que xogan son precisamente mulleres. Finalmente, do persoal dedicado a I+D no sector TIC, a presenza feminina non supera en ningún caso o 32%, con algúns segmentos claramente por debaixo.

Emprender é una tarefa sempre complicada, que require de recursos, tempo, motivación e coñecemento. No caso das mulleres, ademais, superar a discriminación. O Mapa do emprendemento 2020, publicado pola plataforma Spain Startup-South Summit, sinala que menos dunha de cada cinco persoas emprendedoras en España é muller. Segundo os datos de CrunchBase, na última década rexistráronse no país máis de tres mil empresas, das cales só 300 tiñan mulleres entre as súas fundadoras e só 74 foron creadas exclusivamente por elas.

Sen embargo, a propia Comisión Europea, no seu documento Women in the Digital Age, afirma que, se a participación da muller no mercado dixital estivese en igualdade de condicións que a dos homes, o aumento do PIB da economía da eurozona sería de 16.000 millóns de euros. Ademais do impacto económico, a igualdade daría lugar a empresas máis innovadoras, con máis diversidade e máis resistentes a crises económicas. Os documentos da Comisión están accesibles nesta ligazón.

Para mellorar este panorama, unha das claves é a formación. Nese sentido, a Xunta de Galicia está a intensificar as accións para promover a presenza das mulleres no sector tecnolóxico, como foron o campamento tecnolóxico Mática, organizado pola Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), que ten por obxectivo a creación dunha comunidade de mozas interesadas nas tecnoloxías. Outro programa relevante é Girl SteAm, que impulsa as actividades de difusión de experiencias dirixidas a nenas para espertar o seu interese e refozar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM. Finalmente, a Amtega promoveu os Faladoiros en Mancomún, conversas en formato vídeo na que tanto as condutoras como as participantes son mulleres relacionadas co mundo tecnolóxico, e especialmente as que están en contacto con temas relacionados co software libre.

Estas actividades complétanse cos estudos que realiza o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), como o informe As mulleres no sector TIC, con datos correspondentes a 2020, do que falamos neste outro artigo desta mesma páxina web. De feito, na web da Unidade pódense atopar distintos recursos informáticos e didácticos, especialmente os referidos ao premio María Josefa Wonenburger.