A fenda no uso de internet e dispositivos electrónicos entre mulleres e homes case desapareceu en Galicia

A fenda no uso de internet e dispositivos electrónicos entre mulleres e homes case desapareceu en Galicia

As tecnoloxías son ferramentas democratizadoras e tractoras na xeración de emprego e oportunidades. Como en case todos os ámbitos, persisten diferenzas entre mulleres e homes que impiden a plena igualdade. Sen embargo, é indubidable que se producen avances e que, de cando en vez, as estatísticas son positivas e achegan novas esperanzadoras. E iso é así porque a sociedade avanza. O informe A Sociedade da Información desde unha perspectiva de xénero, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), sinala na súa última edición que a fenda dixital de xénero no uso de internet practicamente desapareceu e que as diferenzas no seu emprego entre mulleres e homes reducíronse nun 80% en só tres anos, situándose na media da Unión Europea.

O Observatorio, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), entidade que forma parte da Unidade de Muller e Ciencia, analiza no informe os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no acceso e uso das TIC. O documento pode consultarse de maneira completa nesta ligazón.

Ao longo de máis de corenta páxinas, o traballo presenta datos esperanzadores en Galicia no referido á igualdade entre mulleres e homes. O 87,4% das mulleres usou dispositivos electrónicos nos tres últimos meses -teléfono móbil con capacidade de acceso á rede, ordenador de sobremesa, portátil ou tableta- fronte a un 88% dos homes. Iso sitúa a fenda nun 0,6%. En canto á análise por idade, os resultados amosan que o uso deste tipo de dispositivos é mesmo maior entre as mulleres, agás nos tramos de idade máis avanzados. Entre 25 a 34 anos (99,6%-99,2%), 35 a 44 anos (99%-97,3%), 45 a 54 anos (96,7%-93,4%) e 55 a 64 anos (83,4%-82,8%) son as mulleres as que máis empregan este tipo de dispositivos, coincidindo co desenvolvemento da vida laboral habitual. No caso das persoas máis novas, o uso é practicamente idéntico. No caso das máis maiores é cando, efectivamente, os homes fan un uso máis intensivo. Iso nótase especialmente entre os 65 e 74 anos, cando a diferenza acada un 6,7%.

O uso de dispositivos está relacionado tamén co nivel de estudios. As persoas cunha maior formación son aquelas que fan un uso máis continuado deles. Así, non hai diferenzas entre mulleres e homes entre as persoas que contan con doutouramento e é case nula entre aquelas que disponen dun grao universitario.
Sobre o uso de internet, o padrón repítese. Practicamente non hai distincións, agás a partir dos 65 anos. Aí, os homes usan as redes un 6,4% máis que as mulleres. No extremo contrario, entre 45 e 54 anos, son as mulleres as que usan máis internet, cunha diferenza dun 3,5%. Os desequilibrios tamén desaparecen segundo aumenta o nivel dos estudos. Sen embargo, quedan grupos nos que a fenda dixital aínda é importante, como é o caso das persoas que só teñen estudos primarios. Aí, os homes usan as redes un 11,3% máis que as mulleres.

En canto á situación laboral, homes e mulleres usan a rede por igual nas situacións de emprego, mentres que as mulleres desempregadas usan máis internet que os homes. Sen embargo, as mulleres que realizan tarefas do fogar ou están xubiladas usan menos internet que os homes nas mesmas circunstancias. No caso do estudantado, son as mulleres as que utilizan lixeiramente máis internet (100% fronte a 99,8%).
Un dos empregos máis común da rede é a adquisición de bens mediante o comercio electrónico. O manexo destas ferramentas implica unha maior complexidade técnica, especialmente polos medios de pagamento. Nesta estatística, aínda son os homes quen compran máis en liña en Galicia (53% fronte a 50%). Neste caso, os datos en España son diferentes: 59,1% de mulleres fronte a 57% de homes. Como nos casos anteriores, a idade é un factor determinante. As menores de 55 anos usan a rede para comprar máis que os homes, tendencia que cambia nos seguintes tramos de idade, sendo especialmente relevante entre os 45 e 55 anos, cun 9,5%.
No relativo ao uso da rede para a relación coas administracións públicas, as diferenzas son mínimas. O único dato salientable é que os homes descargan máis documentos persoais (1,9%).

O informe do OSIMGA achega igualmente datos relacionados co territorio.  A fenda no uso de dispositivos electrónicos é maior entre os homes nas provincias da Coruña e Pontevedra, mentres que é maior nas mulleres nas de Lugo e Ourense. En calquera caso, as marxes son moi estreitas en todos os escenarios. O mesmo pasa en canto á densidade de poboación, onde o único dato relevante é o uso lixeiramente superior de dispositivos entre mulleres nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

O maior uso de dispositivos entre as mulleres, entre os sete grandes concellos de Galicia, acádase en Lugo (95,2%) e A Coruña (93,5%). Nestas cidades, o desequilibro maior témolo en Ferrol (85% mulleres, 91,4% homes).
O Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia, como instrumento para analizar e avaliar o estado do desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia, publica periodicamente informes no ámbito da cidadanía, a administración electrónica, as empresas ou o sector TIC. Entre os seus obxectivos figura estudar os avances nas TIC para toda a poboación, pero cun foco especial en colectivos como mulleres, persoas con discapacidade, persoas maiores e persoas en risco de exclusión. O documento sobre a fenda entre homes e mulleres actualízase de forma periódica, polo que é posible consultar as edicións anteriores na súa páxina (aquí pódense ver os de 2019 e 2018).