Covid-19, unha nova barreira para a igualdade na ciencia

Covid-19, unha nova barreira para a igualdade na ciencia

Como crise global, a pandemia aféctalle a toda a sociedade. E a ciencia, como parte integrante dela, non é unha excepción. Sen embargo, coma case sempre, o xénero marca unha diferenza substancial na maneira en que altera as nosas vidas. Esta cuestión xa se puxo de relevo na celebración, o pasado mes de febreiro, do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Naquel momento, Nacións Unidas alertaba tanto do papel decisivo da muller na loita contra a pandemia como da súa maior exposición ás consecuencias da Covid-19.  Na Unidade Muller e ciencia falamos do tema nunha reportaxe que se pode consultar aquí.

A Unidad de Mujeres y Ciencia, organismo dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, publicou a este respecto un informe onde analiza as consecuencias da pandemia cunha visión de xénero. O documento, titulado Género y ciencia frente al coronavirus, sinala que “a crise sanitaria, económica e social global a consecuencia do Sars-cov-2 non está sendo neutra en termos de xénero”. De feito, a incidencia da enfermidade entre o persoal sanitario amosa unha sobrerrepresentación de mulleres, especialmente polo seu papel clave en profesións como a enfermaría. Igualmente, o persoal feminino é máis numeroso noutros traballos que estiveron en primeira liña, como a educación, a limpeza, o coidado de colectivos de risco ou o persoal sociosanitario.

Agora que se empeza a ver a luz ao final do túnel, grazas en grande medida ás vacinas, é momento de analizar como a Covid-19 afectou aos distintos colectivos. No caso das mulleres, detectouse que o impacto da crise complicou aínda máis a conciliación familiar e aumentou os casos de violencia machista, especialmente durante o período do confinamento. Outro factor relevante ten que ver coa dispoñibilidade de tempo por parte das mulleres científicas para publicar en revistas ou participar en congresos e reunións en liña. A necesidade de compatibilizar o traballo coas tarefas domésticas ou de coidado fixo que nun período breve de tempo xa se apreciase unha diferenza clara entre o que elas publicaron, ou enviaron para publicar, e o que fixeron os seus colegas homes.

Pódese exemplicar esta situación coas publicacións no ámbito médico, fundamental neste momento de pandemia. Un equipo da Universidade de Michigan revisou os traballos publicados entre xaneiro e xuño de 2020 nun grupo de revistas e concluiu que a porcentaxe de primeiras autoras diminuiu nun 14% con respecto a 2019, porcentaxe que sube ao 23% entre marzo e abril, cando o pico da epidemia era máis alto. Outro traballo da Universidade de Oxford constata que as mulleres representan só o 34% das publicacións en PubMed sobre coronavirus. Resulta especialmente interesante a ferramenta creada pola profesora Cassidy Sugimoto, da Universidade de Indiana Bloomington, que monitoriza en tempo real se a tendencia varía ou non co paso do tempo e a evolución da pandemia. Pode consultarse aquí. Neste outro traballo, de BMJ Global Health, analízase esta desigualdade para concluir que as mulleres só son autoras dun terzo das publicacións.

A carga de traballo esixente do ámbito investigador inclúe non só a publicación, senón tamén a docencia, a atención a estudantes, a dirección de teses, proxectos, xustificación de fondos, divulgación e visibilidade, que non se puideron atender en igualdade pola asignación das tarefas do ámbito familiar maioritariamente ao colectivo feminino. Se ben o teletraballo amosouse como unha ferramenta útil durante o confinamento e polas restricións de mobilidade, non é unha medida de conciliación, senón un instrumento máis de flexibilización laboral.

O informe propón unha serie de actuacións para reforzar a consecución da igualdade de xénero en materia de ciencia, medidas que deben realizarse en colaboración con todos os axentes do sistema estatal de I+D e as redes de xénero e ciencia. Ditas medidas inclúen a análise en profundidade por parte dos axentes financiadores de proxectos científicos de como o impacto da pandemia afectou ás carreiras científicas das mulleres. Nese sentido, as convocatorias deberían esixir unha representación equilibrada de líderes de proxectos nas propostas científicas,  unha composición equitativa do equipo investigador, estatísticas desagregadas por sexo da produtividade científica, medidas temporais para evitar o denominado muro da maternidade nas carreiras profesionais, limitar as esixencias de mobilidade internacional incompatibles coa vida persoal e familiar, e promover a existencia de plans de igualdade e protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo nas institucións receptoras das axudas.

O documento aposta igualmente por introducir varias liñas de actuación. A primeira refírese á incorporación de contidos de xénero na formación metodolóxica do persoal predoutoral, “de xeito que a dimensión de xénero chegue a todos os proxectos de investigación de forma sistemática e coa calidade que require”. A segunda é o establecemento de mecanismos de seguimento e avaliación “da integración da análise de sexo/xénero en todas as fases do proceso investigador”. A terceira, financiar investigación con perspectiva de xénero sobre o coronavirus e as súas consecuencias. Finalmente, a cuarta aposta por achegar “coñecemento e experiencia de xénero nos distintos grupos asesores e de toma de decisións relacionados coa Covid-19, de forma que ditas decisións teñan en conta os potenciais impactos de xénero presentes e futuros”.

O texto afirma que as organizacións do sistema de I+D+i teñen “unha oportunidade única para impulsar a transformación das súas culturas organizativas, estruturas xerárquicas e redes informais de poder, co obxecto de erradicar as aínda existentes desigualdades de xénero en ciencia e innovación”. O camiño para facelo inclúe a necesidade de involucrar á comunidade científica na diagnose desta situación, impedir que a conciliación penalice as carreiras científicas ou o impulso de medidas de cambio organizativo e cultural que aceleren os avances cara a igualdade real entre mulleres e homes.
O informe conclúe que “ante a tarefa de captar e reter ao mellor talento, e de frear os estragos da pandemia en termos de igualdade de xénero na ciencia, todos os axentes do sistema tanto español como europeo de I+D+i deben coordinar esforzos na mesma dirección. Algúns dos efectos adversos requirirán medidas compensatorias da desigualdade xerada, mentres que outros aínda se poden evitar coas accións axeitadas”. O documento completo pode consultarse en versión pdf aquí.

A Unidade Muller e ciencia de Galicia lembra a este respecto os principios que deben guiar o camiño cara unha igualdade real de xénero. Ditos principios sinalan que as mulleres e as nenas deben desempeñar un papel fundamental na ciencia e na tecnoloxía, e que a súa participación debe fortalecerse. Ademais, é necesario seguir visualizando e difundindo o traballo das científicas e fomentar a vocación investigadora das nenas, poñer en valor as mulleres científicas e o seu papel de referentes para as novas xeracións, lograr o acceso e participación plena e equitativa da ciencia, manter a loita contra os prexuízos e os estereotipos de xénero que condicionan e limitan os estudos das nenas e seguir avanzando na incorporación efectiva dos criterios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no sistema galego de ciencia para conseguir un verdadeiro cambio de paradigma no mundo científico.