
María Josefa Wonenburger Planells foi unha matemática galega, ata hai pouco tempo máis coñecida fóra das nosas fronteiras que no noso país. Esta unidade didáctica pretende divulgar entre o alumnado de educación secundaria a figura desta científica e dar deste xeito un referente próximo de muller entregada na súa vida laboral e persoal, que tivo que superar importantes dificultades para conseguir desenvolver unha actividade profesional acorde cos seus méritos e o seu currículo.
As persoas expertas en igualdade coinciden en que é nestas etapas da formación, e mesmo antes, cando se pode e debe influír na formación do alumnado, sen diferenzas por razón de sexo, para que logo as poñan en práctica na súa vida persoal e profesional.
A linguaxe alxebraica e a resolución de ecuacións sinxelas forman parte dos temarios de Matemáticas desde os primeiros cursos da educación obrigatoria. Unha das cuestións fundamentais é decidir como se aborda o ensino destes contidos, co fin de que o alumnado chegue a dominar a máis universal das linguaxes e adquira destreza na resolución de problemas. A nosa proposta consiste en transmitir contidos relativos a eses temas a través da figura da destacada matemática galega María Wonenburger. Isto serviralles de exemplo de superación, de esforzo e de modelo a seguir. Cremos que lles resultará máis sinxelo aprender matemáticas combinándoas con problemas reais e con outras materias, á vez que tentamos transmitirlles valores fundamentais nesta etapa crucial da súa formación, entre os cales poderiamos destacar a igualdade de xénero.
A maioría dos exercicios e actividades contidos na unidade poden ser utilizados en calquera dos cursos da ESO.
Con este traballo buscamos cubrir, entre outros obxectivos, o ensino da materia, familiarizar o alumnado coas matemáticas e dar a coñecer a vida dunha muller que lles sirva de exemplo e referente.
É importante que, ademais de aprender conceptos e resolver problemas, o alumnado, unha vez finalizada a unidade, reflexione entre outras cuestións sobre:
- Unha muller estudando Matemáticas naquela época.
- Unha estudante en Madrid, lonxe do seu medio familiar.
- Unha licenciada que opta por irse aos EE.UU. para realizar a súa tese doutoral.
- A única profesora de Matemáticas na Universidade.
- Unha investigadora e docente preocupada polo seu alumnado.
- Unha investigadora que se move entre varias universidades e países.
- Unha investigadora que publica nas mellores revistas.
- Unha investigadora que forma alumnos/as e crea escola.
- Unha persoa que o deixa todo sen pedir nada a cambio.
- Cómo influíu na súa traxectoria persoal e profesional a súa condición de muller.
Para alcanzar os obxectivos, formularanse enunciados de problemas nos cales se introduciron datos e situacións relativos á vida cotiá, facendo un percorrido polas etapas máis destacadas da vida de María Wonenburger e tratando de que o alumnado se senta identificado con algúns deles. Ademais, cremos que a súa motivación pola materia se verá incrementada pois María Wonenburger foi unha persoa que realizou grandes achegas no ámbito da álxebra.