 
- O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participaron hoxe en Santiago no acto de entrega de diplomas a parte das participantes das catro provincias galegas
- Enfocada no fomento do talento e do liderado femininos e na formación específica en xestión de equipos, a iniciativa estivo conformada por obradoiros ou clases maxistrais, así como por encontros para compartir e intercambiar experiencias
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participaron hoxe no acto de entrega de diplomas a parte das preto de 150 mulleres participantes no programa autonómico Lideramos. Trátase dunha iniciativa formativa centrada no impulso ao talento e liderado femininos, así como na mellora profesional e na xestión de equipos.
No encontro púxose en valor esta iniciativa que promove eliminar fendas de xénero e fortalecer a creación de novos perfís profesionais, motivar e crear cadros de persoal diversos. Todo no marco do compromiso da Xunta coa igualdade efectiva entre mulleres e homes, apostando polo liderado feminino e pola competencia da xestión executiva.
En concreto, organizáronse clases maxistrais e obradoiros telemáticos para os diferentes equipos de traballo. Xa de xeito presencial, houbo encontros onde compartir e intercambiar experiencias e formacións para os grupos de acción de cada provincia, co fin de abordar diferentes temáticas e obxectivos de modo transversal.
Nese senso, segundo os representantes autonómicos, programas como Lideramos favorecen a interrelación entre as participantes, mellorando as capacidades de liderado e comunicación e destacando as fortalezas individuais. Do mesmo xeito, promóvese o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións individualizadas.
Obxectivos específicos
O programa Lideramos naceu para fortalecer o liderado feminino e a competencia en xestión executiva en Galicia, así como para incidir na xestión efectiva de equipos como clave para desenvolver o talento e o benestar nas empresas. Nese camiño, avogouse por mellorar as competencias brandas das mulleres galegas (unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional moi demandadas polo mercado laboral) e por tecer redes nas sesións presenciais.
Máis aló da formación práctica ofertada en xestión e liderado, cómpre sinalar que se empregou o informe DISC para analizar e mellorar as capacidades de liderado e comunicación, destacando fortalezas e talentos individuais. Trátase dunha ferramenta de grande utilidade en aspectos como o recrutamento e selección de persoal, así como para a capacitación e o desenvolvemento persoal.
A maiores, Lideramos conseguiu fomentar o autocoñecemento e o crecemento persoal a través de sesións individualizadas, ademais de extraer as principais motivacións de cada participante co gallo de conformar equipos compenetrados e efectivos.