Xoana Pintos Barral: “O coñecemento que fixo posible a mellora da saúde, da vida e as innovacións técnicas tamén é patrimonio das mulleres”

Xoana Pintos Barral

Doutora en Bioloxía, Xoana Pintos Barral publicou en Galaxia o libro Tiven a chave, a bicicleta e os catros libros. Primeiras científicas na Universidade de Santiago. Nesta entrevista falamos con ela sobre as primeiras investigadoras galegas pero tamén sobre a situación actual e os pasos que aínda debemos dar para acadar unha verdadeira igualdade en todos os ámbitos e, especialmente, no científico.
 
- Un libro como Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Primeiras científicas na Universidade de Santiago mostra a historia invisibilizada das mulleres investigadoras da USC. Cales eran as principais dificultades que tiñan para acceder a unha carreira científica?
 
- Os principais obstáculos viñan da man dos estereotipos sobre o papel das mulleres na sociedade e na familia que as consideraban seres subordinados, esposas obedientes e nais entregadas e sufridas. O seu papel debía ser o de coidadoras e non o de persoas valiosas, fortes e intelixentes.
 
Unha vez que a lexislación permitiu que as alumnas accedesen aos estudos universitarios, as mulleres tiveron que convencer ás súas familias do apropiado da súa elección e da súa propia capacidade, para que lles permitisen matricularse. Como seres considerados febles e fráxiles, permanecían baixo tutela e eran acompañadas ata a facultade por algún varón da familia. Algunhas tiveron que agardar a que os seus irmáns remataran o bacharelato e as acompañasen ás clases.
 
Xa dentro das aulas tiveron que encarar a actitude desfavorable e os prexuízos do profesorado sobre as súas capacidades intelectuais. Os propios compañeiros de carreira, nalgúns casos, mostraban reticencias á presenza destas mulleres, ben pola súa persoal actitude machista ou porque lles parecía que producía demérito nos seus estudos.
 
- Neste traballo de documentación histórica, podes contarnos a achega dalgunhas delas que te chamaran especialmente a atención, sexa polas súas aportacións, sexa polas dificultades que tiveron que superar?
 
- Detrás de cada unha hai unha historia de superación e de loita. Vou destacar a Mª Eugenia Pereira Rodríguez, natural do Carballiño. Licenciada en Química e en Farmacia, con premio extraordinario fin de carreira. É a primeira licenciada que obtén dúas titulacións e tamén dous doutoramentos. Ademais é a primeira bolseira de Ciencias para ampliar estudos no estranxeiro, estudando enoloxía en Burdeos, pois estaba interesada na mellora dos viños de Ourense. Tamén estudou no Instituo Pasteur, onde acudiu acompañada polo seu irmán, encargado da súa “preservación”.
 
Mª Eugenia aproba a oposición á xefatura do laboratorio químico da aduana de Barcelona e nesta cidade funda un laboratorio, Pemur, onde comercializa produtos químicos, sanitarios e farmacéuticos, sendo autora de varias patentes.
 
Cómpre nomear aquí a Jimena Fernández de la Vega, investigadora e divulgadora da xenética médica en España, neste ano no que a Academia de Galega de Ciencias lle rende homenaxe.
 
E se de destacar achegas se trata, sen dúbida sempre temos que referirnos a Ágeles Alvariño, a nosa investigadora máis recoñecida internacionalmente.
 
- Como xurdiu a idea de contar estas biografías e como acabou convertida no libro que edita Galaxia?
 
- Dende que comecei a estudar a participación das mulleres na ciencia e na universidade dinme conta da súa escasa ou nula presenza nos libros, en especial a nivel educativo, e o descoñecemento a nivel de rúa sobre as súas vidas. Levaba algúns anos dándolle voltas a unha publicación que amosara a todas estas científicas e as súas achegas así que cando a editorial Galaxia me preguntou se o faría, non tardei nadiña en contestarlle afirmativamente.
 
- Explícanos o título do libro…
 
- Explicar o título é un pouco como destripar o conto, facer spoiler. Só dicir que xorde dunha conferencia impartida por Fernanda Monasterio na que fala das diferenzas no trato a homes e mulleres na súa infancia e como lle serviron de acicate para estudar Medicina.
 
- É o volume un acto de xustiza para reivindicar a memoria destas mulleres?
 
- En realidade é un pequeño grao pois queda moito por facer como estudos detallados das súas achegas, traballos biográficos, recoñecemento público, etc. O dito, o libro só é unha pequeña pinga.
 
- Con que argumentos lle recomendarías o libro a unha persoa que non ten vencellos nin coa ciencia nin coa Universidade? Que pode descubrir lendo as súas páxinas?
 

- Pode descubrir que os avances que trae a ciencia, esa empresa colectiva de todos, é realmente de todos, tamén das mulleres. O coñecemento que fixo posible a mellora da saúde, da vida, innovacións técnicas tamén son patrimonio das mulleres. E sobre todo pode descubrir persoas que perseguiron os seus soños, contra marea, con afouteza e que son de aquí. Tamén entre nós hai destacadas investigadoras e non só Marie Curie. Coñezámolas.
 
- O ocultamento do traballo de moitas mulleres na ciencia debeuse sobre todo a homes que, desde as institucións ou desde o ámbito familiar, impediron que se visualizase o seu traballo ou que progresasen na súa carreira. Isto segue acontecendo hoxe en día?

 
- A ocultación das mulleres e das súas achegas por parte de titores, profesores, compañeiros ou maridos para apuntarse eles o tanto existe, de maneira cotiá, dende o principio dos tempos. Hai quen pensa que debemos consideralo un erro sistémico. A invisibilización das científicas e os seus achados é o que hoxe chamamos efecto Matilda. Aínda segue acontecendo, non se ve pero está aí. Se a ocultación fose visible, sería ilegal.
 
Só o 23,5% das fontes expertas consultadas pola prensa ou o 21 % dos científicos entrevistados son mulleres. Polo tanto, unha cifra tres veces inferior á dos varóns. Isto é ocultamento.
 
- Un dos problemas no camiño cara a igualdade é a falta de referentes femininas na ciencia. Que se pode facer para que as novas xeracións teñan máis referentes que Curie e coñezan o labor doutras mulleres contemporáneas e máis próximas ao seu contorno xeográfico?
 
- Pois si que é fundamental ter referentes femininos, científicas e tecnólogas, e mellor que sexan próximas e, a ser posible, de diferentes idades, non só maduras, para que lles resulten máis próximas. Tamén é bo presentar científicas normais, para que as mozas vexan que a ciencia é asequible e que non todo son premios Nobel.
 
- Resulta evidente que hai un desequilibro de xénero no ámbito universitario. Menos catedráticas, menos rectoras, máis dificultades para investigar para as mulleres, tribunais maioritariamente masculinos, dificultades para unha conciliación real… Que medidas efectivas se poden tomar para corrixir isto definitivamente?
 
- A realidade é teimuda. A desigualdade, o machismo, o androcentrismo permanecen e a universidade debe ser un referente para a sociedade. A lexislación está aí pero non garante a posta en práctica das medidas tomadas. Por exemplo, respecto das tan debatidas cotas de representación, un tribunal de tese debe ser paritario pero, realmente é así?, quen comproba que se cumpre a norma?
 
Esta diferenza entre o que debería ser e a vida real é flagrante na conciliación familiar. A atención á familia segue sendo, moi maioritariamente, feminina, así que a carga de traballo das investigadoras e docentes é moi superior á dos seus compañeiros, o que condiciona os seus méritos académicos.
 
A maternidade interfire na carreira académica, supón un parón, unha diminución da actividade científica. As cifras sinalan que a reducción de xornada para o coidado dos maiores descansa nas mulleres. Isto crea lagoas no seu curriculum. Xa hai datos de que a pandemia fixo que as científicas publicasen menos ao estar máis tempo ao coidado dos nenos e da casa. Repercutirá nas súas carreiras.
 
Calquera medida en apoio da concilición será favorable. Outras medidas serían que os procesos de promoción sexan transparentes; que as comisión avaliadoras e os tribunais sexan certamente paritarias; que os datos aparezan sempre desagregados por sexo; establecer medidas de promoción para as mulleres; evitar as reunións fóra de horarios laborais; promover a solicitude de permiso de coidados por parte dos homes; favorecer os convenios con grupos de investigación cun número elevado de mulleres ou dirixidos por mulleres, etc.
 
- As carreiras relacionadas coas disciplinas STEM marcarán en grande medida os avances científicos e tecnolóxicos da humanidade nas vindeiras xeracións. Por que segue habendo menos mulleres matriculadas nestas especialidades?
 
- Todo parece sinalar que segue existindo falta de confianza nas mozas respecto das súas capacidades científicas e tecnolóxicas. Ante un problema non resolto pode que un rapaz pense que era difícil mentres que unha nena pensará que a ela faltábanlle coñecementos, que non soubo resolvelo. Simple e infelizmente pensará que é menos brillante. E iso sabendo que claro que non é certo que non teña coñecementos, xa que os expedientes académicos demostran a súa valía. Polo tanto, hai que reforzar a súa autoestima e proporcionarlles referentes femininos nestas áreas tecnolóxicas e animalas a dedicarse profesionalmente a estes campos.
 
- Falamos da educación, pero a igualdade créase tamén no ámbito familiar e dos medios de comunicación. Que importancia teñen, ao teu criterio, estes ámbitos, e como se pode fomentar desde a casa ou desde a televisión e internet ese obxectivo?
 
- É a mesma sociedade a que ensina a desigualdade, polo que para acadar resultados debemos traballar dende a base, dende a propia familia. Educar en igualdade. O principal será o exemplo que damos, o que ven na casa, a distribución de tarefas domésticas. Tamén semella imprescindible promover unha actitude crítica activa co que ven e escoitan, por exemplo na tele ou nas redes sociais. E un feito fundamental é darlles confianza ás nenas en si mesmas e nas súas capacidades pois os estudos demostran que desde idades moi temperás as nenas perciben que son “menos capaces”. O desenvolvemento das capacidades e o potencial de todos e cada un, correspóndelle non só a familia senón a toda a sociedade.
 
Respecto dos medios de comunicación todos sabemos o que inflúen na conduta colectiva e podemos ver que seguen debuxando unha imaxe das mulleres que xa hai tempo debimos deixar atrás. Gustaríame que aumentase a presenza das científicas e as súas achegas nas súas cabeceiras, contribuíndo á súa visibilización e evitando asimetrías respecto dos homes, destacando que as achegas científicas das mulleres non son contrarias ás masculinas, pero son diferentes.
 
- Que lle dirías a unha muller nova a que lle gustaría desenvolver unha carreira investigadora na Universidade ou na empresa?
 
- Diríalle que adiante, que pode facelo, que pode liderar o seu propio grupo de investigación, que vale para iso, que é perfectamente capaz. Seguro que haberá quen lle diga que non. Neste sentido non debe facer caso. Que loite porque estudo, traballo e paixón sexan os únicos argumentos válidos na carreira investigadora.
 
- A nivel xeral, cales son as principais deficiencias actuais da Universidade para promover a investigación e estabilizar a carreira das súas investigadoras e investigadores? Que medidas habería que tomar ao respecto?
 
- Nos anos trinta a Junta para a Ampliación de Estudos concedía bolsas para estadías no estranxeiro cuxo fin era mellorar a formación dos investigadores que logo a súa volta melloraban o nivel da ciencia no país. Agora é ao revés, exportamos mozas e mozos con alta formación e capacidade investigadora, beneficiándose outros países do esforzo en formación. Así que hai que darlle a oportunidade de quedarse ofrecendo salarios mellores e oportunidades reais para continuar investigando. Precisamos máis contratos postdoc e axudas e eses contratos.
 
- Cales son os teus seguintes proxectos? En que estás a traballar agora?
 
- Entre pesticidas, cambio climático e, sobre todo, degradación do medio, cada vez hai máis especies de lepidópteros en perigo de extinción. No Museo de Historia Natural, partindo da importante colección entomolóxica, máis algunhas novas achegas, estamos preparando unha exposición sobre bolboretas.
 
Ademais teño dúas tarefas entre mans. A primeira, en colaboración cun amigo, é un estudo sobre a vida e obra dun mestre compostelán xa falecido que tiña un innovador sistema pedagóxico.
 
O segundo traballo é a análise dun ensaio de Emilia Pardo Bazán, publicado en 1877, no que reflexiona sobre darwinismo. Sempre interesante e sorprendente.