Verónica Bolón: “Soño cunha IA máis humana, máis responsable e máis xusta”

Verónica Bolón

 

Verónica Bolón Canedo é doutora en Enxeñaría Informática e profesora na Universidade da Coruña. O seu traballo destaca pola aplicación da Intelixencia Artificial (IA) a problemas reais, desde o diagnóstico médico ata a sustentabilidade ambiental. Ao longo da súa carreira, recibiu recoñecementos como o Premio Dona TIC ou o Premio Nacional María Andresa Casamayor, e lidera proxectos punteiros como GREENING ou a Cátedra INDITEX-UDC. Nesta entrevista comparte as súas motivacións, desafíos e visión de futuro para unha IA máis ética e inclusiva.

 

P. Para comezar, gustaríanos coñecer que foi o que te motivou a dedicarte á Intelixencia Artificial. Foi unha vocación dende os teus inicios na informática ou un interese que xurdiu máis adiante?

Eu non tiña realmente nin unha vocación pola informática nin pola intelixencia artificial (que nese momento era unha gran descoñecida). De feito, empecei a cursar enxeñería de telecomunicacións en Vigo, pero ao cabo duns meses descubrín que non me gustaba e ao curso seguinte cambieime a enxeñería informática na Universidade da Coruña. Eu nunca tivera interese especial por andar nas tripas dos ordenadores, pero descubrín unha carrreira que realmente trata de resolver problema con ferramentas informática. Cando estaba en cuarto curso tiven unha asignatura que se chamaba Intelixencia Artificial e fascinoume. Entón, cando foi o momento de facer o Proxecto Fin de Carreira, quixen facelo nese tema e… ata hoxe.

 

P. A túa traxectoria destaca pola combinación entre investigación punteira e a súa aplicación a problemas reais, como o diagnóstico médico ou a protección ambiental. Que importancia cres que ten a transferencia do coñecemento á sociedade na investigación en IA?

Eu creo que fai falta un equilibrio entre ciencia básica e ciencia aplicada; persoalmente eu desfruto das dúas partes. Pero é certo que cando sabes que se vai aplicar a un problema real, parece que é máis enriquecedor. Por suposto é absolutamente necesario que os avances que se fan nos laboratorios poidan ter unha saída, e máis curto ou longo prazo, a resolver os problemas da sociedade, xa que ese debería ser sempre o fin último.

 

P. Lideras proxectos como GREENING ou a Cátedra INDITEX-UDC, centrados na IA sostible. Pódese falar xa dunha conciencia ecolóxica real dentro do campo da Intelixencia Artificial? Que papel deben xogar os algoritmos verdes no futuro da tecnoloxía?

Si, lidero proxectos como GREENING ou a Cátedra INDITEX-UDC, que teñen como eixo a Intelixencia Artificial sostible, e a verdade é que cada vez hai máis conciencia ecolóxica dentro do ámbito da IA, pero aínda queda moito camiño por percorrer. Durante moitos anos, a eficiencia enerxética ou o impacto ambiental apenas se tiñan en conta á hora de deseñar algoritmos ou sistemas intelixentes. Por sorte, isto está empezando a cambiar, tanto desde a investigación como desde a industria e as políticas públicas.

A IA ten un papel crecente en todos os ámbitos da sociedade, pero tamén consume cada vez máis recursos: datos, capacidade de cálculo, enerxía. Se non actuamos agora, corremos o risco de reproducir modelos tecnolóxicos insostibles e profundamente inxustos, nos que só uns poucos actores teñen os medios para adestrar os modelos máis avanzados. Por iso, os algoritmos verdes non son só unha tendencia ou unha mellora técnica: son unha necesidade se queremos unha IA máis democrática, accesible e comprometida co ben común.

Ademais, creo que os algoritmos verdes deben xogar un dobre papel: por unha banda, ser eficientes en si mesmos (isto é o que chamamos enfoque green-in), e por outra, servir como ferramentas para abordar retos ambientais, como a loita contra o cambio climático ou a mellora da xestión enerxética (é o que chamamos enfoque green-by). Esa visión integral é a que estamos promovendo desde os proxectos que lidero.

 

P. Recibiches numerosos recoñecementos, como o Premio Dona TIC ou o Premio Nacional María Andresa Casamayor. Que significado teñen para ti este tipo de distincións, tanto a nivel persoal como profesional?

Estes recoñecementos teñen para min un valor moi especial, tanto no plano persoal como no profesional. A nivel persoal, son unha fonte de motivación, sobre todo porque recoñecen un camiño que non sempre foi fácil: dedicarse á investigación, liderar proxectos, e ao mesmo tempo intentar facer divulgación, formar estudantes, ou conciliar coa vida familiar, require moitas veces traballar en silencio e con moita perseveranza. Cando ese traballo se visibiliza e se valora, é moi reconfortante.

No plano profesional, estes premios tamén teñen un significado importante porque dan visibilidade a campos que aínda están en construción, como a Intelixencia Artificial sostible. Son unha oportunidade para abrir conversacións, para inspirar ás novas xeracións —especialmente ás nenas e mozas—, e para demostrar que se pode facer ciencia de excelencia dende Galicia, dende o público, e con compromiso social.

En definitiva, son un recoñecemento individual, si, pero tamén colectivo: ao equipo que me acompaña, ás institucións que apoian esta liña de traballo, e a todas as mulleres que me precederon e que abriron camiños nun ámbito que historicamente lles foi alleo.

 

P. A súa tese doutoral foi premiada en varias ocasións. Que aprendizaxes ou desafíos lembra desa etapa inicial como investigadora?

Pois lémbroa coma unha etapa moi boa, a verdade, pero tamén moi desafiante. Introducirse no mundo da investigación, no que todo era novo. Facer estancia de investigación noutros países e adaptarse a outras formas de traballar e outras culturas, coñecer xente nova… Pero só podo ter bos recordos desa época.

 

P. Es referente nun ámbito aínda moi masculinizado. Que dificultades ou retos atopaches ao longo da túa carreira por ser muller investigadora en Intelixencia Artificial?

Na miña traxectoria persoal, teño que dicir que non me atopei con grandes obstáculos directamente por ser muller. Sempre tiven a sorte de contar con bos equipos, de traballar nun entorno profesional respectuoso e de sentirme valorada polo meu traballo. Pero iso non quita que, dende moi cedo, fose moi consciente de que estaba nun ámbito profundamente masculinizado.

Cando comezas a asistir a congresos, a participar en comités ou a coordinar proxectos, dáste conta de que a presenza feminina é mínima, sobre todo en postos de responsabilidade ou visibilidade. Iso ten un impacto, porque a falta de referentes perpetúa a idea de que a tecnoloxía ou a IA non son espazos naturais para as mulleres, cando non é certo.

Por iso, aínda que persoalmente non sufrín discriminación directa, si sentín a responsabilidade de abrir camiños, de facer máis visible o traballo das mulleres na IA, e de contribuír a que as xeracións futuras teñan máis referentes, máis oportunidades e menos barreiras invisibles. A diversidade, tamén de xénero, non é só unha cuestión de xustiza: é clave para facer unha ciencia mellor, máis creativa e máis conectada coa sociedade.

 

P. Consideras que se está a dar a visibilidade suficiente ao traballo das mulleres científicas en IA, ou aínda queda moito por facer?

Creo que se avanzou moito nos últimos anos na visibilización do traballo das mulleres científicas en IA, e iso é positivo. Cada vez hai máis espazos, premios e iniciativas específicas que poñen en valor o papel das mulleres na ciencia e na tecnoloxía, e os medios tamén empezan a darnos voz. Iso é importante, porque a visibilidade non é un premiar polo feito de ser muller, senón unha ferramenta para romper estereotipos, para inspirar vocacións e para construír referentes.

Agora ben, tamén creo que aínda queda moito por facer. Moitas veces esa visibilidade é puntual, anecdótica ou vinculada a días conmemorativos, pero non se traduce en cambios estruturais: seguimos tendo menos presenza en posicións de liderado, en comités de avaliación, en órganos de decisión ou nas portadas das publicacións científicas máis relevantes. E sen esa visibilidade estrutural, é difícil acadar unha igualdade real.

Por iso, máis alá de dar visibilidade, temos que garantir que as condicións de traballo, as oportunidades e os recoñecementos sexan realmente equitativos. Só así deixaremos de falar de “mulleres na IA” como unha excepción e pasará a ser algo natural e habitual.

 

P. Participas activamente en iniciativas como o proxecto Inspira STEAM para fomentar vocacións científicas entre as nenas. Que estratexias cres que son máis efectivas para rachar cos estereotipos de xénero na ciencia e a tecnoloxía?

Si, para min participar en iniciativas como Inspira STEAM é unha parte fundamental do meu traballo, porque a igualdade non se constrúe só desde os laboratorios ou as publicacións, senón tamén desde a educación e a inspiración. É necesario actuar dende moi cedo, antes de que as nenas interioricen que certos camiños “non son para elas”.

Creo que unha das estratexias máis efectivas é precisamente o contacto directo con referentes próximos: mulleres que traballamos en ciencia e tecnoloxía e que compartimos coas rapazas non só o que facemos, senón tamén como chegamos ata aquí. Esa conexión humana, sen discursos complexos, ten un impacto enorme, porque lles permite imaxinarse a si mesmas nese futuro.

 

P. Que consello lle darías a unha rapaza que está pensando en dedicarse á investigación en Intelixencia Artificial pero sente inseguridade por cuestións de xénero ou dubida por falta de referentes e apoio?

O primeiro que lle diría é que non está soa. Que esa sensación de inseguridade ou de dúbida é moito máis común do que parece, e que non é un sinal de falta de capacidade, senón a consecuencia dun sistema que durante moito tempo non contou con nós, non nos mostrou como referentes e non nos fixo sentir que pertencemos a este espazo.

Pero tamén lle diría que a Intelixencia Artificial —e a ciencia en xeral— necesitan a súa mirada. Que a diversidade de experiencias, de sensibilidades e de formas de pensar é esencial para construír tecnoloxía útil, ética e que mellore a vida das persoas. E que, se ela sente interese, curiosidade e ganas de aprender, iso xa é unha base moi sólida.

 

P. Como ves o futuro da Intelixencia Artificial nos próximos anos? Que campos cres que van experimentar os maiores avances ou cambios?

Creo que a Intelixencia Artificial vai estar cada vez máis presente nas nosas vidas. Xa o está agora, pero nos próximos anos veremos como se integra de forma aínda máis profunda en ámbitos como a saúde, a educación, a industria, ou mesmo a xestión das cidades e do medio ambiente.

O potencial da IA é enorme, e pode traer avances moi positivos: diagnóstico médico máis preciso, sistemas educativos personalizados, ferramentas para reducir o impacto ambiental, ou solucións para mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Pero todo depende de como a utilicemos.

Por iso me gustaría ver, ademáis de avances tecnolóxicos, un avance paralelo en responsabilidade, transparencia e equidade. Que poidamos desenvolver unha IA centrada nas persoas, que reduza desigualdades en lugar de aumentalas, e que estea ao servizo do ben común.

 

P. Para rematar, se puidese soñar sen límites, que grande avance lle gustaría conseguir coa súa investigación en IA?

Se puidese soñar sen límites, gustaríame que a miña investigación contribuíse a conseguir unha Intelixencia Artificial realmente sostible, accesible e centrada nas persoas. Unha IA que non dependa de enormes recursos computacionais nin de cantidades inxentes de datos, e que poida utilizarse en calquera lugar do mundo, tamén en países con menos recursos, para mellorar a vida das persoas.

Soño cunha IA que sirva para reducir desigualdades, para coidar o planeta, para facer máis eficiente o uso da enerxía e dos recursos, e que se desenvolva con criterios éticos dende o inicio. Gustaríame que os algoritmos verdes deixasen de ser unha excepción e pasasen a ser o estándar, e que Europa —e Galicia tamén— xogase un papel protagonista nesa transformación.

En definitiva, o meu soño é que poidamos demostrar que outra maneira de facer IA é posible: máis humana, máis responsable e máis xusta.