Unha aposta polo presente e o futuro da ciencia en feminino

Día da Muller e a Nena na Ciencia

Visibilizar o traballo das nosas científicas e tecnólogas, que as nenas teñan referentes femininos na ciencia que incentiven o seu interese e vocación polas áreas STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e corrixir o rumbo de xénero que lastra a carreira profesional das científicas son obxectivos que guían a conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
 
O 11 de febreiro é desde 2015, por acordo da Asemblea de Nacións Unidas, un día para apostar pola ciencia en feminino e para denunciar os obstáculos que atopan as investigadoras e tecnólogas á hora de desenvolver as súas carreiras só polo feito de ser mulleres. É un día no que a  Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia avoga por rachar cos estereotipos que condicionen as aspiracións das nenas, ao tempo que reafirma o seu compromiso coa igualdade de oportunidades.
 
Neste sentido, a declaración institucional da Xunta de Galicia neste día sinala que “a conmemoración desta data fainos mirar cara atrás, cando as mulleres participaron de forma invisibilizada e discreta nos avances científicos da historia, pero tamén nos fai ollar ao futuro dunha maneira máis optimista, onde elas están chamadas a ocupar o verdadeiro lugar que lles corresponde, liderando o coñecemento e a investigación en todos os seus ámbitos, xa que a diversidade sempre achega novas perspectivas, talento e creatividade”.
 
A segregación horizontal nos estudos e o mundo do traballo, a persistencia de fenómenos como o teito de vidro (glass ceiling) ou a tubaxe que pinga (leaky pipeline) deixan en evidencia que a igualdade na ciencia é aínda unha meta a acadar.
 
Os roles de xénero asumidos de maneira consciente e inconsciente desde a infancia explican, en boa medida, o mantemento da segregación horizontal tanto na elección de estudos como posteriormente no desenvolvemento da carreira profesional. Os datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) amósannos que o 55% dos matriculados nas universidades galegas son mulleres, pero se poñemos o foco nos estudos relacionados coas Ciencias da Saúde esta porcentaxe elévase ao 73%. Se nos fixamos en Arte e Humanidades, a porcentaxe sitúase no 67,3%, e nun 60,3% no caso das Ciencias Sociais e Xurídicas. As mulleres seguen sendo maioría -o 56,3%- nas carreiras de ciencias pero caen ao 26,9% na área de enxeñería e arquitectura, unha porcentaxe que diminúe ata ao 14% na Facultade de Informática da UDC.
 
Estamos diante dun mapa que restrinxe o acceso futuro de mulleres á ciencia e á tecnoloxía, á investigación e a carreiras profesionais que enfrontarán os retos do século XXI. Malia os avances rexistrados nos últimos anos, o adianto do informe europeo She Figures 2021 deixa constancia da persistencia da segregación horizontal no mercado laboral, con actividades e profesións ocupadas de xeito maioritario por homes e outras, vinculadas á educación e aos coidados, altamente feminizadas e menos valoradas.
 
Tan só o 23% das universidades españolas teñen unha reitora á fronte. En Galicia, con máis de 520 anos de historia universitaria, aínda non houbo ningunha. A Real Academia Galega de Ciencias-RAGC omezou o ano con menos dun 20% de escanos ocupados por mulleres, e todas as que hai ingresaron a partir do 2014, segundo un informe entregado á propia institución pola  AMIT- Gal. Non chega ao 24% a porcentaxe de directoras nos ICUs (institutos, centros e unidades) do CSIC, segundo o Informe Mujeres Investigadoras 2021 . Son moito máis que cifras, son o reflexo dunha loita oculta polo recoñecemento público e o ascenso das mulleres a postos de decisión en organizacións dominadas tradicionalmente por homes.
 
Esta loita esténdese ao longo de toda a carreira investigadora e profesional das nosas científicas e investigadoras. A chamada tubaxe que pinga (leaky pipeline) amósanos a perda continua do talento feminino ao longo da carreira profesional. Xa non é tan só a infrarrepresentación de mulleres en determinadas áreas de coñecemento, senón a perda do talento feminino conforme se ascende na carreira científica, mesmo en organismos públicos como o CSIC, que desenvolven plans para promover a igualdade de oportunidades entre as súas investigadoras e investigadores.  A evolución da presenza de investigadoras -é o 42% do total do seu persoal- por categoría profesional é a seguinte:
 
•   Pre-doutoral: 50,54%
•   Post-doutoral: 45,8%
•   R e C (axudas Ramón e Cajal): 41,3%
•   Científicas titulares: 40,4%
•   Investigadoras científicas: 34,9%
•   Profesoras de investigación: 26,9%
 
A pesar dos déficits, debemos subliñar que se está traballando para cambiar esta realidade e hai avances, chanzo a chanzo e sen volta atrás, cara á igualdade. Neste camiño, Galicia é pioneira á hora de garantir a igualdade de oportunidades no campo da investigación e a universidade, ao regular por lei cuestións como que as novas convocatorias de axudas públicas -nas universidades galegas, organismos públicos de investigación de Galicia ou outras entidades do sistema I+D+i galego- poidan aplicar un factor corrector para compensar os períodos de inactividade (maternidade, paternidade, permisos temporais por embarazo, lactación ou coidado de persoas dependentes) para que non supoñan unha discriminación nos procesos de avaliación.
 
O Parlamento galego aprobou por unanimidade a Lei Ángeles Álvariño que, tal como recolle o seu texto, “busca incorporar a perspectiva de xénero na universidade e na investigación, co fin de facer efectiva a igualdade entre mulleres e homes”.
 
A Xunta traballa, a través da Unidade Muller e Ciencia, no obxectivo de incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia, visibilizando as súas achegas e dando a coñecer referentes galegas a través de distintos programas. Nese sentido, está a piques de ver a luz o III Programa  Galego  Muller e Ciencia co afán de lograr un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de forma efectiva o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e  homes, que lle dea prioridade as necesidades das mulleres para  mellorar a súa  calidade profesional e sexa respectuoso coa diversidade; e que forneza ferramentas para reter o talento tanto das mulleres como dos homes na nosa comunidade, para ser o motor do desenvolvemento tecnolóxico, económico e social sostible que se quere para Galicia.
 
O presente e o futuro están ligados á tecnoloxía e ao coñecemento, e as mulleres non poden quedar á marxe. As mozas teñen que romper estereotipos -non hai  estudos e profesións de homes e de mulleres-  incorporarse ao ámbito  STEM e, se é a súa elección, converterse en científicas, enxeñeiras ou investigadoras.
 
A declaración institucional da Xunta conclúe que “resulta fundamental poñer o acento en dotar de bos exemplos e referentes reais ás nenas galegas, que serán as científicas do futuro. Prover de modelos á seguir que inspiren ao alumnado dos nosos centros educativos, e tamén ás familias, así como apoiar a traxectoria investigadora das mulleres, e fomentar vocacións innovadoras nas nenas, son algunas das motivacións que nos levan a centrar o noso apoio e compromiso coas vindeiras xeracións de científicas de Galicia”.
 
Pódese consultar a declaración institucional completa, aquí.