- A presenza de mulleres científicas con visibilidade é un factor fundamental para fomentar o interese das nenas e adolescentes polas carreiras STEM.
- Só un 30% do persoal que desempeña tarefas especificamente TIC no sector son mulleres, segundo datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia.
Aumentar a representación das mulleres en carreiras científicas e tecnolóxicas segue a ser un reto en Galicia como no resto do mundo. Só un 34% do total de persoas matriculadas en carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) na comunidade galega son mulleres, segundo datos recentes da Consellería de Educación. Esta cifra indica que segue a haber unha fenda de xénero que se inicia en idades temperás e que está fortemente influída por estereotipos sociais e a falta de referentes femininas visibles neste ámbito.
O feito de contar con modelos a seguir é un dos factores que máis inflúe na toma de decisións das adolescentes á hora de escoller a súa traxectoria profesional. Como destaca a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as nenas e mozas precisan ver que as mulleres poden triunfar en disciplinas que tradicionalmente foron percibidas como masculinas. Científicas como Margarita Salas ou Rosalind Franklin non só abriron camiños, senón que hoxe serven como inspiración para unha nova xeración de mulleres que desexan contribuír ao avance da ciencia e a tecnoloxía.
Iniciativas da Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia, consciente desta problemática, impulsa numerosas actividades para fomentar as vocacións tecnolóxicas e a igualdade de oportunidades entre as nenas e adolescentes no ámbito STEM. O plan Digitalent, promovido por Amtega, ten como obxectivo visibilizar as achegas das mulleres científicas galegas, así como promover actividades que axuden a derrubar estereotipos. Estas actividades inclúen charlas en centros educativos impartidas por científicas e tecnólogas, talleres prácticos e visitas a laboratorios ou centros de investigación liderados por mulleres.
Algunhas das iniciativas que integran este programa son Girl STEAM, que organiza obradoiros de experimentación tecnolóxica en aulas da Rede CeMIT, cuxo obxectivo é crear referentes femininos e motivar as mozas cara ás carreiras STEM. Outra acción destacada é Tecnóloga por un día, que ofrece ás estudantes a posibilidade de vivir unha xornada inmersiva en empresas TIC, permitindo que coñezan de preto o ámbito laboral destas disciplinas. Ademais, o Campamento DigiTalia permite achegarse de maneira práctica e lúdica á programación de videoxogos, drons e robótica, mentres que os Espazos maker na Rede CeMIT e GaiásTech ofrecen actividades creativas con impresoras 3D, lentes de realidade virtual e kits de robótica. O programa Tech Kids e o evento Scratch Day complementan estas accións, promovendo o interese pola programación informática e outras disciplinas tecnolóxicas. Estes proxectos, entre outros moitos que se poden consultar nesta mesma páxina web, contribúen a eliminar os estereotipos de xénero e a visibilizar o potencial das mulleres no ámbito dixital, consolidándose como ferramentas clave para fomentar a igualdade nas vocacións STEM. Ademais buscan non só motivar as mozas, senón tamén dotarlles das ferramentas prácticas necesarias para iniciar unha carreira neste ámbito.
Entre outras accións e programas, merece tamén mención especial o programa Ti elixes para fomentar a orientación profesional libre de estereotipos de xénero e a igualdad de oportunidades.
O impacto positivo dos referentes visibles
A evidencia demostra que a presenza de referentes femininos accesibles ten un impacto positivo desde a Educación Primaria ata a Universitaria, xa que as nenas que teñen contacto directo con mulleres científicas ou tecnólogas están máis inclinadas a considerar estas áreas como unha opción profesional viable. Ademais, a representación feminina en ciencia non só é importante desde unha perspectiva de igualdade de xénero, senón que tamén ten un impacto positivo no progreso científico e tecnolóxico. Como sinala o Observatorio Galego de Igualdade, os equipos diversos son máis innovadores e alcanzan mellores resultados.
O papel dos medios de comunicación tamén é esencial neste sentido. A promoción de historias de mulleres pioneiras contribúe a reducir esta fenda de xénero. Margarita Salas, experta en bioloxía molecular en España, a neurocientífica Clara García, ou a biotecnóloga Ángela Nieto, recoñecida internacionalmente polo seu traballo en biomedicina, son exemplos claros de como o éxito feminino en ciencia pode abrir portas e romper barreiras.
Igualmente, resulta fundamental propoñer estes valores no ámbito familiar. Os roles de xénero asumidos de maneira consciente e inconsciente desde a infancia explican, en boa medida, o mantemento da segregación horizontal tanto na elección de estudos como posteriormente no desenvolvemento da carreira profesional. Os datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) amósannos que o 55% das matriculas nas universidades galegas son de mulleres, pero se poñemos o foco nos estudos relacionados coas Ciencias da Saúde esta porcentaxe elévase ao 73%. Se nos fixamos en Arte e Humanidades, a porcentaxe sitúase no 67,3%, e nun 60,3% no caso das Ciencias Sociais e Xurídicas. As mulleres seguen sendo maioría -o 56,3%- nas carreiras de ciencias pero caen ao 26,9% na área de enxeñería e arquitectura, unha porcentaxe que diminúe ata ao 14% na Facultade de Informática da UDC.
Premio María Josefa Wonenburger
Unha das fórmulas para visibilizar o traballo das mulleres neste ámbito é mediante os premios María Josefa Wonenbuger, iniciativa da Unidade Muller e Ciencia de Galicia, que visibiliza e fai chegar á sociedade as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía. O premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger Planels, unha auténtica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias.
A última edición do galardón foi para a catedrática de economía da Universidade de Santiago, María Loureiro, primeira muller académica numeraria da Sección de Ciencias Económicas e Sociais.
Co obxectivo de seguir avanzado neste ámbito, o Parlamento galego aprobou por unanimidade a Lei Ángeles Álvariño que, tal como recolle o seu texto, “busca incorporar a perspectiva de xénero na universidade e na investigación, co fin de facer efectiva a igualdade entre mulleres e homes”. Pola súa parte, o III Programa Galego de Muller e Ciencia 2021-2025 constituiuse como piar para logar un sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. O programa conta con 20 obxectivos específicos e 50 medidas para avanzar na incorporación das mulleres, en condicións de igualdade, ao ámbito científico e tecnolóxico. Son as bases necesarias para andar o camiño que aínda falta por percorrer.