O Día das Rapazas nas TIC pon o foco na seguridade e o acceso ao ámbito tecnolóxico das nenas e mulleres novas

Día das Rapazas nas TIC

Se as nenas e mozas non poden acceder a internet e sentirse seguras en liña, tampouco poderán desenvolver as súas competencias e habilidades dixitais e, por conseguinte, redúcense as súas oportunidades para optar a estudos STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) e prosperar en carreiras profesionais vencelladas aos ámbitos científicos e tecnolóxicos. Por este motivo, o Día Internacional das Rapazas nas TIC, que se celebra o 28 de abril, pon o foco no tema Acceso e Seguridade.

O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha iniciativa impulsada pola Unión Internacional de Telecomunicaciones (UIT), organismo adscrito á ONU, que se celebra o cuarto xoves do mes de abril, co obxectivo de promover o interese das rapazas pola tecnoloxía e polas carreiras e empregos ligados ao ámbito das TIC.

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) -coordinador do proxecto europeo ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT- e a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, organizan un coloquio mediante multiconferencia web no que participarán catro mulleres referentes do panorama tecnolóxico-dixital galego. Falarán das súas respectivas traxectorias e actividades profesionais, desenvolvidas nun mundo de homes e do que a tecnoloxía pode aportar para facer máis doada e mellorar a vida de todas e todos.

Neste encontro manterán tamén un diálogo en directo coas alumnas e alumnos de Primaria e Secundaria que participen na sesión. Os centros interesados en participar aínda poden inscribirse no formulario da páxina web de ICT-GO-Girls!

As catro relatoras participantes no coloquio son:

•    Laura Martínez Calvo, licenciada en Farmacia pola USC, Máster en Investigación Biomédica e doutora en Medicina Molecular cun traballo sobre técnicas xeo-estadísticas no estudo de enfermidades complexas, en colaboración coa Harvard Medical School (Boston). Investigadora da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) no eido da xenética en cancro e enfermidades raras, incorporouse como Técnica Superior de Proxecto á iniciativa EuroCC: National Competence Centres in the Framework of EuroHPC no Centro Supercomputación de Galicia (CESGA).

•    Edita de Lorenzo, profesora Titular do Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións de UVigo. Foi a primeira directora dunha escola de enxeñaría de Galicia, a de Telecomunicación da Uvigo. Ademais é Vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e Vicepresidenta da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Secretaria da Xunta Directiva do dominio PuntoGal, participa na Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, e no Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo. Tamén é cofundadora da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte do IEEE.

•    Dhaunae de Vir é oriúnda dos Ancares, pero hoxe en día reside en Bruxelas traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos, Paradox Interactive. É especialista en esports e conta cun Máster en Xestión e Marketing de Esports pola Universidade Europeia de Lisboa. É deseñadora de futuros certificada polo Institute for the Future de Palo Alto. Está titulada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Oxford e en Transformación Dixital polo MIT. Ademais de ser embaixadora das asociacións WomenTech Network e Women in Games, está a preparar a súa tese de Intelixencia Artificial para o Máster de Xestión Tecnolóxica da Open University

•    Lucía Ardao é licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business e programa Executiva da Xunta de Galicia. A súa traxectoria profesional está vencellada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións, desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de Dirección Rexional e Corporativa, de Unidades de Negocio e Operacións. Actualmente é Directora de Galicia e Directora de Operacións do Mercado Global de Industria e Consumo en Minsait (Indra). Premiada polo Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) pola súa traxectoria profesional.

A sesión iniciarase ás 11:00 da mañá coa benvida da directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do CESGA, Patricia Argerey Vilar. A continuación, intervirá a Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza. O coloquio das catro tecnológas iniciarase despois, moderado por María José Rodríguez Malmierca, coordinadora da área de e-learning do CESGA. A xornada rematará sobre ás 12:30 para, de seguido, proceder a unha visita guiada ao novo superordenador Finis Terrae III e a realización de actividades coas rapazas e rapaces presentes no propio CESGA.

A xornada Acceso e Seguridade, organizada polo CESGA e a Secretaría Xeral de Igualdade, conta cun amplo abano de institucións e entidades colaboradoras: a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia; a sección galega da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-Gal), o dominio PuntoGal; a Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e a Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela (USC); a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC); a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVigo) e GalsTech, Hello Sisters!.

Toda a información actualizada do evento está dispoñible na seguinte páxina web: http://www.ictgogirls.eu/

Informe sobre as mulleres galegas e as TIC

A Secretaría Xeral da Igualdade presentou o pasado 22 de marzo de 2022 ante o Consello Galego das Mulleres o informe A situación das mulleres galegas e as TIC. O documento, elaborado no marco da comisión de traballo Mulleres e as TICS constituída por acordo do Consello Galego das Mulleres, ten por obxectivo identificar cales son as necesidades específicas das mulleres galegas en materia de TIC, “de tal xeito que as barreiras e a fenda dixital de xénero sexan cada vez menores”.

O informe, elaborado a partir de enquisas, entrevistas, mesas de debate e información estatística, fai fincapé na situación na pandemia, co aumento da carga de traballo sobre as mulleres e dos casos de violencia de xénero durante o confinamento. “Atopámonos nunha contorna complexa onde convivimos nunha dicotomía entre o local e o global”, sinala o texto. Nese ámbito, “o rol da tecnoloxía será fundamental, tanto no eido profesional como no persoal. Moitos dos empregos do futuro están aínda por inventar e quen non teña a capacitación tecnolóxica axeitada pode quedar fóra do mercado laboral”. Algúns estudos din que as mulleres teñen máis risco de quedar atrás.

No texto resáltase que máis da metade das matriculacións universitarias en Galicia son realizadas por mulleres, pero en carreiras técnicas esta porcentaxe diminúe ao 12% en informática e ao 28% nas enxeñarías. No caso da formación profesional, o 43% das matriculadas son mulleres, pero na familia de Informática e Comunicación esta porcentaxe baixa ao 15%. O índice de abandono feminino é maior, xa que só o 12% das persoas que rematan estes módulos son mulleres.

O documento conclúe que a “fenda dixital de xénero segue a ser unha realidade” tamén no emprego no hipersector TIC, xa que o 32,6% dos empregos neste sector é feminino fronte ao 67,4% dos homes. A menor representación de emprego feminino obsérvase na fabricación de compoñentes electrónicos e na fabricación de ordenadores.

O informe revélanos tamén que no 30% das empresas TIC que operan en Galicia non hai nin unha soa muller no seu cadro de persoal e tan só no 14% dos casos hai algunha muller nos seus equipos directivos.

A investigación levada a cabo polo Consello Galego das Mulleres confirma que “segue habendo mulleres cunha percepción negativa sobre as posibilidades de acceso das rapazas ás carreiras tecnolóxicas”, ao tempo que di que “entre as xeracións máis novas parece diluírse esta percepción, mesmo non recoñecer a existencia da fenda dixital de xénero”.

O documento remata cunha batería de recomendacións con obxectivos por distintas áreas (percepción e sensibilización, formación e coñecementos, emprego e usos). Entre elas figuran “seguir sensibilizando e motivando ás rapazas para que se formen en carreiras TIC”, a “implicación de familias e de responsables formativos nas escolas e institutos no fomento das carreiras TIC entre as rapazas”, a “aposta pola presenza feminina na formación profesional tecnolóxica”, seguir “visibilizando a fenda dixital de xénero”, a definición de “programas formativos específicos en diferentes eidos no que o uso da tecnoloxía sexa necesario”, fomentar. A “creación de contidos de calidade por parte das mulleres, fomentando o espírito crítico”, “establecer mecanismos para aumentar a empregabilidade das rapazas” con formación tecnolóxica ou “visibilizar as empresas TIC con máis presenza feminina”.

Na reunión na que se presentou o informe, deuse conta tamén dos avances na tramitación do anteproxecto da Lei galega de igualdade. Con este novo instrumento lexislativo, Galicia segue a situarse na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller en todos os eidos da súa vida, contribuíndo a visibilizar as novas desigualdades e avanzando para erradicalas.

Máis información, na páxina da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

Os datos que profundan neste escenario son abafadores. Eurostat sinala que só o 15,4% das profesionais TIC en España son mulleres. La Mesa de género para el ámbito digital do Ministerio de Economía e Empresa constata que apenas o 7,5% dos investidores en novas empresas de base tecnolóxica son mulleres ou que o 15,4% dos directivos das empresas que cotizan en Bolsa en España teñen nome de muller. E as star-ups non quedan á marxe desta realidade: só dúas de cada dez teñen liderado feminino.

Datos do OSIMGA

Pola súa parte, o informe A Sociedade da Información desde unha perspectiva de xénero, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), sinala que homes e mulleres usan a rede por igual nas situacións de emprego, mentres que as mulleres desempregadas usan máis internet que os homes. Sen embargo, as mulleres que realizan tarefas do fogar ou están xubiladas usan menos internet que os homes nas mesmas circunstancias. No caso do estudantado, son as mulleres as que utilizan lixeiramente máis internet (100% fronte a 99,8%).

Un dos usos máis común da rede é a adquisición de bens mediante o comercio electrónico. O manexo destas ferramentas implica unha maior complexidade técnica, especialmente polos medios de pagamento. Nesta estatística, aínda son os homes quen compran máis en liña en Galicia (53% fronte a 50%).

A igualdade de xénero, tamén no eido tecnolóxico, é un dos obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas. A Xunta de Galicia aposta por incentivar o interese das mozas polos estudos STEM/TIC e a empregabilidade das mulleres no sector tecnolóxico e neste sentido promove fórmulas de colaboración con centros educativos, universidades e axentes de emprendemento.