O Día das Rapazas nas TIC celébrase en Galicia cunha xornada en liña coa presenza de catro referentes galegas no ámbito da tecnoloxía

O Día das Rapazas nas TIC

Expandir horizontes, modificar actitudes. Ese é o espírito do Día Internacional das Rapazas nas TIC, que se celebra o 22 de abril. A xornada, coordenada pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), da que España forma parte, busca promover unha contorna global que apoie ás rapazas para que realicen carreiras no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Debido á pandemia da Covid-19, o acto en Galicia desenvolveranse exclusivamente mediante multiconferencia web. A sesión, organizada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, contará coas intervencións de Beatriz Paz Santalla, Ana Freire, Úrsula Martínez e Verónica Bolón.

Desde o ano 2012, o CESGA é responsable europeo do proxecto ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e puxo en práctica unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas.  No marco desta iniciativa celébrase esta xornada na que referentes galegas contarán polo miúdo como pode a tecnoloxía mellorar as nosas vidas, ao tempo que se visibiliza o seu papel nunha contorna profesional na que predominan os homes e na que aínda queda moito camiño para conseguir a igualdade plena. Máis de mil estudantes de arredor de trinta centros de ensino galegos participarán na xornada. A listaxe completa de centros pode consultarse aquí

A orixe desta celebración sitúase no ano 2011. A UIT sinala que “a falta de participación das mulleres novas nos estudos relacionados coas TIC reflíctese nas empresas e os organismos gobernamentais de todo o mundo. Na actualidade, o sector está dominado polos homes, especialmente nos niveis superiores”. Como sinala esta organización, o apoio á educación das mulleres e as nenas no sector TIC é coherente cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas, organismo do que forma parte. A nivel global, “non se trata unicamente de que o emprego no sector das TIC permita ás mulleres saír da pobreza”, senón tamén de conseguir “un sector máis equilibrado en termos de xénero”.  Se ben hai avances nos últimos anos, o desequilibro aínda é manifesto, tanto nas TIC como no resto de materias que forman parte do conxunto STEM, asunto do que falamos recentemente nesta reportaxe: Igualdade STEM, un reto global

Este obxectivo tamén forma parte da estratexia galega e compleméntase con outras iniciativas coordenadas pola Secretaría Xeral de Igualdade, como Rapazas Emprendedoras nas TIC, un programa realizado en colaboración Colexio Profesional de Enxeñería Informática no marco do Plan Proxecta da Consellería de Educación, que se dirixe ás rapazas de primeiros anos de secundaria para fornecerlles unha imaxe máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico.

A xornada do 22 de abril iniciarase coa benvida da directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do CESGA, Patricia Arguerey Vilar, e coa intervención da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella. A continuación, as catro convidadas amosarán a súa experiencia coa moderación de María José Rodríguez Malmierca, responsable da área de e-learning do CESGA. Elas son:

Beatriz Paz Santalla, enxeñeira de telecomunicacións pola Universidade de Vigo, Máster en Seguridade da Información e Administración de Empresas. É confundadora da empresa GDI, compañía pioneira en ofrecer solucións de vídeoconferencia, telepresencia e mobilidade.

Ana Freire, enxeñeira e doutora en informática pola Universidade da Coruña. É investigadora e docente na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, onde traballa aplicando a intelixencia artificial a diversas necesidades sociais, como a saúde mental. Ademais, é directora do Centro de Estudos e Sostibilidade UPF e lidera Wisibilízalas, un concurso internacional para romper estereotipos de xénero asociados a estudos científicos e tecnolóxicos.

Úrsula Martínez Álvarez, graduada en Enxeñaría Aeroespacial. O seu traballo céntrase en proxectos sobre deseño, fabricación e ensaio de sistemas e experimentos no espazo. Forma parte tamén do proxecto de educación ambiental Climántica.

Verónica Bolón Canedo, Doutora en Informática da UDC. É investigadora en intelixencia artificial, especialmente en aprendizaxe automática para Big Data. Tamén é responsable do nodo Inspira Steam na Coruña.

O centros interesados en participar aínda poden inscribirse cubrindo un formulario web na páxina da iniciativa ICT-GO-Girls!. Esta xornada, organizada polo CESGA e a Secretaría Xeral de Igualdade, conta cun amplo abano de institucións e entidades colaboradoras, comprometidas co proxecto, entre as que figuran o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia; a sección galega da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas; o Dominio PuntoGal; a facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e a Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela; a facultade de Informática da Universidade da Coruña; a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e GalsTech, Hello Sisters!.

O proxecto ICT-Go-Girls! desenvolveu nos últimos anos un importante traballo de análise de proxectos e iniciativas existentes relacionadas cos obxectivos do programa, que se pode consultar no informe Girls, ICT and entrepreneurship. Learning from existing iniciatives. Igualmente, contan cun manual de 40 páxinas para escolas e educadores con recomendacións para mellorar o número de mulleres que traballan no sector das TIC. O traballo, titulado Manual para centros educativos. Promovendo o espírito emprendedor mediante as TIC, pode descargarse aquíen formato PDF.

Non menos interesante é a súa sección de vídeomensaxes, onde referentes galegas animan ás rapazas a interesarse polas TIC, e onde participan Nieves Brisaboa, Sabela Ramos Garea, Amparo Alonso Betanzos, Ana Freire ou Maica García. A lista de reproducción en YouTube figura nesta ligazón. O proxecto conta, igualmente, cunha sección de recursos relacionados coa celebración deste día, accesibles aquí

A nivel internacional, Nacións Unidas conmemora o décimo aniversario da aprobación da iniciativa cun evento en liña co lemaConnected Girls; Creating Brighter Futures e unha páxina especial con dez momentos para a celebración. Pode consultarse en Girls in ICT: 10 moments