Igualdade STEM, un reto global

Stem

Detrás dunhas siglas poden agocharse moitas realidades. E tamén desigualdades. Ultimamente escoitamos falar moito da importancia da educación STEM. O acrónimo, acuñado pola National Science Foundation (NSF) de Estados Unidos nos anos noventa do pasado século, refírese á necesidade de investir nun novo modelo de formación baseado na ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (Science, Technology, Engineering and Mathematics). O sistema aposta pola interdisciplinariedade entre estas áreas, que se enriquecen entre si mediante a práctica, co obxectivo de incluílas no currículo de Primaria e Secundaria. A proposta completouse coa ampliación á arte desta metodoloxía, creando o STEAM, no que ademais das metodoloxías científicas engádese o pensamento crítico e creativo das artes.

O STEM é, polo tanto, un novo paradigma educativo integrador, práctico, imaxinativo e que constrúe habilidades para o futuro profesional das nenas e dos nenos. Sen embargo, e ao igual que ocorre noutros ámbitos, existe unha forte desigualdade de xénero na formación nestas disciplinas. Unha diferenza que impide a igualdade plena. A importancia da formación científica e tecnolóxica das mulleres forma parte da axenda dos principais organismos internacionais, da Unión Europea, dos gobernos e as organizacións non gobernamentais. Tamén é un reto de gran importancia para a Xunta de Galicia. Non é para menos: na educación está a chave do futuro.

Medicina, xenética, química, robótica, física, matemáticas, electrónica, estatística ou informática son só algunhas das disciplinas englobadas nas metodoloxías STEM. A ninguén se lle escapa a gran cantidade de empregos que xerarán estas materias nun futuro próximo, máis agora cunha pandemia que acelerou os desenvolvementos tecnolóxicos para posibilitar o funcionamento económico e educativo nunha situación de distanciamento social. 
Calcúlase que nos vindeiros dez anos podería existir unha bolsa de 650.000 empregos só no ámbito da dixitalización. Sen embargo, no informe Indicadores de género de la sociedad digital, publicado en 2020 pola Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial, afírmase que “as graduadas en carreiras tecnolóxicas son moi escasas a nivel europeo e as españolas non son unha excepción. No extremo superior da táboa figura Estonia, onde as mulleres graduadas en disciplinas tecnolóxicas acadan tan só o 2,2%. España está na zona media baixa da táboa: só un 0,5% das mulleres cursaron estudos tecnolóxicos”. No ámbito profesional, só o 19,7% das posicións de especialistas en tecnoloxía están ocupados por mulleres.
Durante a pandemia, o número de persoas que están teletraballando creceu en España. Antes da Covid-19 (2019, segundo datos de Eurostat), unicamente o 4,8% das e dos traballadores desenvolvían o seu labor a distancia. Cunhas cifras ao nivel do resto dos países da Unión Europea, en 2019 o 91% das persoas traballadoras nunca teletraballaba, porcentaxe que baixou ao 84% en 2020. Curiosamente, ao longo da pandemia o número de mulleres que teletraballan acabou por superar ao dos homes, o que podería significar que as mulleres son as que tiveron que facer un maior esforzo de conciliación de cargas laborais e familiares.
O cambio de paradigma cara ao enfoque STEM chega a toda a sociedade. O documento El desafío de las vocaciones STEM, publicado por DigitalES, sinala que o 73% do estudantado de secundaria ten dificultades para entender as matemáticas. E un 30% non cursou ningunha asignatura de tipo tecnolóxico. O 25% afirmou que non seguiría a súa formación en materias STEM, como a enxeñaría, porque descoñecen as oportunidades laborais deste tipo de educación. O problema dispárase analizando as cifras da presenza feminina. Se ben as mulleres son maioría no ámbito universitario (55%), a súa representación nas enxeñarías non chega ata o 25%. O estudo sinala ademais que se trata dunha tendencia en negativo, cunha porcentaxe que podería mesmo diminuír no futuro. Un dos motivos que axuda a elixir este tipo de carreiras é a existencia ou non de referentes: as mulleres que os teñen amosan un interese moi superior no STEM que as que non contan con eles (un 41% fronte a un 26%). Neste mesmo sentido, o informe PISA revela que en 51 dos 67 países ou economías que participan nel, os rapaces expresan un maior interese polos temas científicos que as rapazas.

O informe da Unesco Cracking the code: girls' and women's education in science, technology, engineering and mathematics, aposta por examinar os factores que explican as diferenzas de xénero en STEM: “os estudos suxiren que a desvantaxe das rapazas en STEM é o resultado da interacción dunha serie de factores integrados nos procesos de socialización e aprendizaxe. Entre eles figuran as normas sociais, culturais e de xénero, que inflúen no modo en que as nenas e os nenos se educan, aprenden e interactúan dos seus pais, a familia, os amigos, os profesores e a comunidade en xeral, e que conforman a súa identidade, as súas crenzas, comportamentos e eleccións”. Así, o sesgo da autoselección, cando unha muller decide non seguir unha carreira STEM, é o resultado do proceso de socialización e dos estereotipos que se “transmiten explicita e implicitamente ás nenas desde unha idade temperá. Moitas veces edúcase ás nenas na crenza de que as STEM son disciplinas masculinas e que a capacidade feminina neste campo é innatamente inferior á dos homes. Isto pode chegar a socavar a confianza das nenas para dedicarse ás materias STEM”.

Tanto a familia como o ambiente educativo son fundamentais nesta cuestión. Os contidos e materiais de aprendizaxe inflúen no rendemento das nenas en STEM. O documento conclúe que “o sexo dos profesores de STEM tamén axuda a marcar a diferenza. As profesoras de STEM inflúen positivamente no rendemento das nenas e no seu compromiso con este tipo de materias”. Ademais, “a experiencia de aprendizaxe das nenas en STEM vese comprometida cando os docentes teñen crenzas estereotipadas sobre a capacidade en STEM en función do sexo ou tratan aos nenos e nenas de forma desigual na aula”.
Distintos estudos sitúan o momento clave na decisión sobre a formación STEM na educación secundaria. Un traballo realizado no Reino Unido descubriu que á idade de 10-11 anos, rapaces e rapazas interesábanse por igual pola ciencia. Os seus contidos parecíanlles interesantes ao 75% deles e ao 72% delas. Sen embargo, aos 18 anos esa porcentaxe reduciuse a un 33% no caso deles e un 19% no caso delas. Outro estudo elaborado en Suecia determinou que as aspiracións profesionais da xuventude defínense arredor dos 13 anos e que é difícil volver a atraer ás e aos estudantes a contidos STEM despois desa idade.
No ensino superior, só o 35% do estudantado matriculado nas carreiras vinculadas coas STEM son mulleres. Só 28% das investigadoras do mundo son mulleres. Segundo datos da Axenda 2030, en España, só o 28% das mulleres realiza unha carreira tecnolóxica e só un 7% unha enxeñaría. Tres de cada catro alumnos matriculados na rama de enxeñaría e arquitectura son homes. En informática, as mulleres representan o 12,9% das matriculacións. En base aos datos do Ministerio de Universidades, a presenza feminina é maioritaría, sen embargo, nas Ciencias da Saúde, onde supoñen o 70,3% das matriculacións. As estatísticas do INE tamén sinalan que, no ano 2018, a taxa de graduados dos homes en ciencias, matemáticas e tecnoloxía é superior ao das mulleres (36,6% fronte a un 12,9%).
Con estas cifras, o principal reto é como fomentar as carreiras STEM entre as mulleres. É un compromiso necesario sobre o que xa chamaron a atención tanto a OCDE como moitas outras institucións europeas e nacionais. O informe Empleo IT Mujer: 10 profesiones con futuro, de Infoempleo e UNIR, salienta a necesidade de atraer o talento feminino a este ámbito, desenvolvendo programas educativos que motiven ás adolescentes a seguir estudos STEM, reforzar a presenza das mulleres na formación profesional, crear programas de atracción das mulleres ás escolas de negocio e aumentar o número de mulleres encargadas da formación técnica nos campus universitarios. Todo isto sen esquecer a necesidade de referentes femininos, o que se debe reflectir nun maior número de mulleres na dirección ou nos postos de relevancia de empresas tecnolóxicas ou científicas.

Programas

Na Comisión Europea existen programas dedicados a aumentar o atractivo da educación científica, como Scientix ou STEAM Alliance. Outros programas de interese son o STEMadrid, da Comunidad de Madrid, ou o plan STEMcat, en Cataluña. No ámbito privado tamén hai iniciativas como os programas de Microsoft, Stembyme da Fundación Telefónica ou a Aliança Stem da Universidade Rovira i Virgili.
Outros proxectos enfócanse xustamente na motivación e axuda a mulleres para que elixan estudos relacionados co STEM. É o caso da Alianza Steam polo talento feminino (Nenas en pé de ciencia), #girlsgonna (dirixido á educación primaria), Girls who code (no ámbito da computación), Hypathia Project (para promover a ciencia e a tecnoloxía en igualdade), Inspira STEAM, Inspiringirls, Made with code (para fomentar a paixón pola ciencia e a tecnoloxía das adolescentes) ou MujeresTech. Moitas destas iniciativas están recollidas polo Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado no seu proxecto Code Intef. Existen outros programas de interese no ámbito da mentorización, como MillionWomenMentors ou Digigirlz.
A preocupación polas vocacións STEM é tamén unha prioridade en Galicia, especialmente no ámbito da Unidade de Muller e Ciencia, pero tamén na Secretaría Xeral de Igualdade e no Goberno galego de maneira transversal. Esta cuestión está no Programa Galego de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia. Exemplo deste compromiso son, igualmente, iniciativas como #ApuntasTech, no marco do proxecto europeo ICT-Go-Girls!; o proxecto Nin + nin -, iguais, que favorece o encontro con mulleres singulares líderes nos seus respectivos sectores; os programas ADA e DIANA; o Plan Proxecta para fomentar a innovación educativa nos centros ou as liñas de actuación no ámbito do emprendemento feminino e a igualdade no emprego da Secretaría de Igualdade.
De grande interese é, por outra parte, o ciclo de conversas con mulleres referentes para impulsar as vocacións STEM organizadas por Agasol e Amtega, polo que pasaron Rebeca Atencia, Begoña Vilas Costas ou Rocío Martínez, por citar só algúns exemplos. Esta iniciativa enmárcase no Plan de Talento Dixital da Xunta de Galicia, e concretamente no programa GIRL STEM, para incentivar a vocación das rapazas en estudos científicos e tecnolóxicos. Finalmente, a visualización de referentes é unha das motivacións do premio María Josefa  Wonenburger Planells. O CiMUS da Universidade de Santiago acolleu ata este mesmo mes de marzo unha exposición sobre cinco científicas deste campus que recibiron o premio.
A igualdade STEM é un reto complexo pero necesario para darlle a volta a unha situación que fai que as mulleres só sexan o 33% das empregadas de Apple (o 29% en postos de liderado); o 37% en Facebook (34,2% en postos de liderado) ou o 31,6% en Google (26,1% en postos de liderado), segundo un documento do BBVA. Ademais da porcentaxe de mulleres nos empregos, mantense unha diferenza nos salarios. As estatísticas afirman que en distintas profesións de informática e enxeñería, as mulleres poden cobrar entre un 86% e un 93% dos ingresos medios dos seus colegas homes (datos da Society for Women Engineers). Queda, polo tanto, moito camiño por andar. Como dixo Begoña Vila no acto no que recibiu o premio María Wonenburguer, é preciso seguir avanzando para que as futuras xeracións de mulleres “cheguen a ser o que queren ser”.