NIN+NIN-Iguais achega ás aulas mulleres referentes na ciencia e investigación na súa aposta a prol da igualdade

Encontro con Alicia Estévez

•  O proxecto da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade botou a andar o 2 de decembro e rematará o 30 de marzo do 2023, tras percorrer 13 institutos de 12 concellos galegos
•  Preto de 2.000 alumnas e alumnos da ESO e 80 docentes de 17 institutos galegos participaron nas dúas primeiras edicións
 
 O programa NIN+NIN-Iguais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade regresa ás aulas no curso 2022-2023 co fin de promover encontros entre mulleres líderes en sectores como a ciencia e estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), para que as rapazas e rapaces coñezan o alcance do seu traballo e teñan referentes femininos en ámbitos laborais, hoxe en día, afastados da paridade de xénero.
 
Erradicar o nesgo de xénero no ámbito educativo, concienciar ás novas xeracións de que o seu futuro non está condicionado polo xénero e educar en igualdade son obxectivos que guían este proxecto que naceu no curso escolar 2018-2019 e que chega a súa terceira edición após a obrigada interrupción da pandemia da Covid-19.
 
Trece institutos de doce concellos galegos acollerán encontros NIN+NIN-Iguais no presente curso académico. Son os seguintes: IES Porto do Son (Porto do Son), IES Terra de Xallas (Santa Comba), IES As Mariñas e IES Francisco Aguiar (Betanzos), IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz), IES da Terra Chá José Trapero Pardo (Castro de Rei), IES Ánxel Fole (Lugo), IES de Valga (Valga), IES de PonteCaldelas (Ponte Caldelas), IES Monte da Vila (O Grove), IES de Celanova (Celanova), IES o Ribeiro (Ribadavia) e IES de Allariz (Allariz).
 
O programa complétase, en cada centro, cunha exposición sobre os Premios María Wonenburger Planells da Xunta de Galicia, que recoñecen a traxectoria profesional e excelencia científica das investigadoras galegas e que recolle tamén datos sobre a presenza da muller na ciencia, que amosan a desigualdade de xénero sistémica que persiste no mundo da investigación e tecnoloxía.
 
As actividades da terceira edición de NIN+NIN-Iguais 2022-2023 botaron andar o pasado 2 de decembro cunha charla-debate das alumnas e alumnos do IES Porto do Son con Alicia Estévez Toranzo,  catedrática de Microbioloxía e líder do Grupo de Patoloxía en Acuicultura da Universidade de Santiago, membro da Real Academia Galega das Ciencias e Premio María Josefa Wonenburger Planells 2018.
 
O programa rematará o 30 de marzo de 2023, pero antes do remate de 2022, outros dous encontros promoveron xa o diálogo entre estudantes de Secundaria con senllas mulleres referentes, nestes casos, no eido das Ciencias da Saúde e das Matemáticas. As citas foron no IES Terra de Xallas de Santa Comba (14 de decembro) e no IES de Valga (día 21).
 
María Rosaura Leis Trabazo, profesora da USC, coordinadora de Pediatría da Área de Xestión Integrada de Santiago, e líder de grupos de investigación como o de Nutrición Pediátrica do IDIS ou do GALNUT da USC, achegouse ao instituto de Santa Comba. Mentres que Josefina F. Ling, doutora en Matemáticas pola USC, profesora de Astronomía e Astrofísica  especialista en Sistemas estelares dobres e múltiples, membro da International Astronomical Union (IAU) estará no centro de Valga. 
 
Os datos acreditan o interese da comunidade educativa polo proxecto NIN+NIN-Iguais da Secretaría Xeral de Igualdade. En dous cursos, preto de 80 docentes e 2.000 rapazas e rapaces da ESO (1.521 no curso 2018-2019 e só 405 no curso 2019-2020 debido á súa interrupción pola pandemia) participaron nos encontros con oito mulleres científicas e profesionais, cuxas traxectorias son exemplo de que non hai disciplinas, carreiras nin traballos de mulleres e de homes. Mulleres como Elena Vázquez, Isabel Aguirre ou Patrocinio Morrondo. 
 
Nin+nin-iguais iniciouse no curso escolar 2018-2019. A pesares do parón motivado pola pandemia, xa percorreu 17 centros escolares situados en 13 concellos. O programa axuda a concienciar acerca das fendas de xénero no eido profesional e os teitos de cristal e contribúe a rachalas xa desde idades temperás.