Mulleres pioneiras: liderando o futuro das startups científicas e tecnolóxicas

Mulleres pioneiras
  • As mulleres representan só o 18% dos perfís emprendedores en startups a nivel estatal, pero en Galicia están a liderar proxectos innovadores en ciencia e tecnoloxía.
  • En 2024, o 23,4% dos proxectos financiados polo CDTI Innovación foron liderados por mulleres, un avance significativo fronte ao 18,2% en 2019.
  • Iniciativas como o Programa Emega da Xunta de Galicia e súa modalidade específica para o apoio a emprendementos de base innovadora e tecnolóxica son un impulso clave

Unha presenza crecente, pero aínda minoritaria

O emprendemento feminino no ámbito das startups, especialmente nas áreas de ciencia e tecnoloxía, está a experimentar un crecemento notable en Galicia e España. Segundo o Mapa de Emprendemento elaborado por South Summit, só unha de cada cinco persoas que fundan unha startup en España é muller, o que reflicte unha brecha de xénero significativa. Porén, en 2024, o 36% das startups españolas contan con mulleres nos seus equipos fundadores, unha cifra que evidencia un progreso gradual. En Galicia, emprendedoras como Tatiana López ( Nanogap ), Cristina Gamallo ( Situm ) ou Pilar Vila ( Forensic & Security ) están a romper barreiras, liderando proxectos en sectores como a nanotecnoloxía, a ciberseguridade ou a localización en interiores.

Este avance está apoiado por programas específicos como Neotec Mujeres Emprendedoras do CDTI Innovación, que en 2023 financiou 35 proxectos liderados por mulleres cun total de 11 millóns de euros. Non obstante, as mulleres emprendedoras seguen enfrentándose a retos como o difícil acceso á financiación e a conciliación da vida profesional e persoal, segundo un estudo do Instituto de la Mujer.

O papel clave das políticas públicas e os programas de apoio

As políticas públicas están a desempeñar un papel esencial para impulsar o emprendemento feminino. O CDTI Innovación, a través de programas como Neotec Mujeres Emprendedoras e Ayudas Cervera, promove a participación das mulleres en proxectos de base tecnolóxica. En 2024, as mulleres representaron o 42,1% dos participantes en proxectos Deep-Tech de Ayudas Cervera para Centros Tecnológicos, destacando especialmente nas áreas de biotecnoloxía (58,6%) e farmacia (67,7%). Ademais máis do 40% do emprego xerado polos proxectos financiados polo CDTI en 2023 foi feminino, con sectores como as TIC e a biotecnoloxía á cabeza.

En Galicia, iniciativas como o III Programa Galego de Muller e Ciencia 2021-2025 fomentan a creación de redes de apoio e formación para emprendedoras. A este esforzo súmase a labor de asociacións como Empresarias Galicia e programas como Innovadoras TIC de Fundación Cibervoluntarios, que visibilizan referentes femininos e promoven a innovación a través das tecnoloxías da información e comunicación.

O Programa Emega, impulsado pola Xunta de Galicia, é unha das principais ferramentas de apoio ao emprendemento feminino. A convocatoria inclúe tres modalidades específicas adaptadas a distintas fases e perfís de proxectos empresariais liderados por mulleres, e unha complementaria para o impulso da conciliación. Entre elas destaca especialmente a modalidade Emega Innova, orientada ao apoio de iniciativas innovadoras e tecnolóxicas, pero o programa tamén contempla outras opcións relevantes que reforzan a viabilidade, continuidade e conciliación.

  • Emega Emerxe: Dirixida a empresas de nova creación constituídas por mulleres, esta modalidade busca fomentar a creación de emprego por conta propia e allea.
  • Emega Impulsa: Enfocada á reactivación ou mellora de empresas xa existentes constituídas por mulleres.
  • Emega Innova: Pensada para proxectos de base innovadora ou tecnolóxica impulsados por mulleres. Os requisitos principais son:
    • O proxecto debe ter un claro carácter innovador, con alto contido científico ou tecnolóxico, relacionado coa I+D+i ou aplicación de coñecemento.
    • As promotoras deben estar desempregadas previamente (mínimo 50 % se son varias).
    • Como mínimo unha promotora debe ter titulación universitaria relacionada co ámbito científico ou tecnolóxico do proxecto, cunha proporción de 1 titulada por cada 4 postos de traballo creados.
    • Non deben ter desenvolvido actividade na mesma actividade económica nos últimos tres anos. 
  • Emega Concilia: É unha liña complementaria das anteriores que fomenta a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, tanto das promotoras como do persoal contratado.

Referentes galegas que transforman o panorama tecnolóxico

Galicia conta cunha xeración de emprendedoras que están a marcar a diferencia no ámbito científico e tecnolóxico. Algúns exemplos destacados son:

  • Tatiana López (Nanogap): Fundadora e CEO dunha startup de nanotecnoloxía que desenvolve clústeres cuánticos atómicos e nanofibras, con presenza en Silicon Valley e proxectos en desenvolvemento de fármacos anticanceríxenos.
  • Cristina Gamallo (Situm): Lidera unha empresa de localización e navegación en interiores que captou 3 millóns de euros en 2023 e traballa con clientes como Acciona ou Hospitais Quirón.
  • Pilar Vila (Forensic & Security): Experta en ciberseguridade, dirixe dúas startups centradas en peritaxe informático e é unha das impulsoras do congreso Inspiring Women Leaders in the Digital Era.
  • Rosa Vázquez (Appentra): Fundadora dunha deep tech que ofrece ferramentas de software para computación de alto rendemento, con 2 millóns de euros captados en 2023.

Estas mulleres non só están a innovar, senón que tamén inspiran a novas xeracións a través da súa participación en diferentes eventos e proxectos, como foi co caso de Pilar vila participando na 9.ª edición de Inspiring Women Leaders in the Digital Era, celebrada en febreiro de 2025 en A Coruña. Este congreso, liderado por Teresa Alarcos e un equipo galego, conectou a emprendedoras con inversores e promoveu proxectos innovadores a través de sesións de pitch.

Retos e oportunidades cara a un futuro igualitario

A pesar dos avances, as mulleres emprendedoras en startups científicas e tecnolóxicas seguen enfrentándose a barreiras. A menor presenza de candidatas en áreas como as enxeñarías e as TIC, xunto coa dificultade para acceder a rondas de inversión, limita o seu crecemento. O estudo do Instituto de la Mujer recomenda impulsar ferramentas de financiamento como fondos de capital semente e incentivos fiscais, ademais de crear programas de formación específicos para mulleres.

Eventos como Inspiring Women Leaders e programas como TecnoLóxicas están a axudar a normalizar a figura da muller emprendedora, pero é necesario redobrar os esforzos para eliminar estereotipos de xénero e fomentar referentes femininos dende a educación. En Galicia, a combinación de talento, apoio institucional e redes de networking está a posicionar á comunidade como un referente no emprendemento feminino tecnolóxico, cun impacto que se estende a nivel nacional.