Mulleres na ciberseguridade: unha reivindicación nun sector clave para o futuro dixital

Mulleres na ciberseguridade: unha reivindicación nun sector clave para o futuro dixital
  • As mulleres ocupan só o 25% dos postos no ámbito da ciberseguridade a nivel global, pero a súa presenza medrou un 150% na última década.
  • A ciberseguridade preséntase como unha carreira prometedora para as mulleres, con máis dun 90% de satisfacción laboral entre as profesionais activas.
  • O Encontro CIBER.gal 2024 subliñou a importancia de fomentar o talento feminino neste sector estratéxico.

O pasado mes de novembro celebrouse en Santiago de Compostela o Encontro CIBER.gal 2024, a principal cita sobre ciberseguridade en Galicia, onde se destacou a necesidade de promover a igualdade de xénero nun sector onde a representación feminina aínda é minoritaria. Segundo datos recentes, só o 25% dos postos de traballo no ámbito da ciberseguridade a nivel global están ocupados por mulleres, unha cifra que, a pesar de ser baixa, reflicte un avance notable respecto ao 10% de hai unha década (ECSO, 2024).

Un espazo para visibilizar ás mulleres na ciberseguridade

O encontro, organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade (CIBER.gal) coa colaboración da Xunta de Galicia, serviu de plataforma para debater como atraer máis mulleres a un sector con alta demanda de profesionais cualificados. Actualmente, a ciberseguridade enfróntase a un déficit global de persoas expertas, con miles de vacantes sen cubrir, o que converte a inclusión feminina nunha prioridade estratéxica. Reuníronse especialistas, ademais de institucións públicas e privadas para promover un ecosistema dixital seguro e inclusivo. Unha das mensaxes centrais foi a necesidade de visibilizar ás mulleres xa activas neste ámbito e fomentar a formación entre as mozas, garantindo que poidan acceder ás oportunidades dun sector en crecemento. 

A falta de referentes femininos constitúe un dos desafíos principais, pero Galicia está a traballar para superalo a través de programas educativos e iniciativas de mentoría que buscan inspirar ás novas xeracións. O Nodo CIBER.gal, coa colaboración de departamentos da Xunta como a Amtega, aposta por integrar a ciberseguridade en todos os niveis educativos, desde a Formación Profesional ata a universidade, como medio para captar novos talentos. A diversidade de xénero nos equipos de ciberseguridade demostrou ser clave para enriquecer as estratexias e solucións, aportando perspectivas diferentes e habilidades colaborativas esenciais para resolver problemas complexos nunha contorna en constante evolución.

As mulleres como axentes de cambio

Un dos argumentos máis sólidos para incrementar a representación feminina na ciberseguridade reside na diversidade de perspectivas que achegan os equipos con equidade de xénero. Os equipos diversos son máis creativos e eficaces na resolución de problemas, sendo así unha característica esencial nun sector no que as ameazas cambian constantemente.

As mulleres destacan pola súa capacidade de adaptación e resiliencia, habilidades cruciais para facer fronte aos desafíos do ciberespazo. Ademais, a colaboración facilita a coordinación en equipos que deben reaccionar rapidamente ante incidentes cibernéticos. Estas calidades non só benefician ás empresas senón tamén á seguridade global dos seus activos e infraestruturas dixitais. Pero alén diso, porque as mulleres precisan seguir superando chanzos e ocupar espazos que tamén son delas.

Tendo en conta que en 2022 quedaron vacantes 3,5 millóns de postos de ciberseguridade, e se estima que esta cifra se manterá estable ata 2025, a falta de traballadoras e traballadores cualificados é un problema real. O número de postos de traballo dispoñibles neste sector aumentou un 350 % desde 2013, polo que vólvese unha necesidade a incorporación persoal femenino cualificado no campo da ciberseguridade. 

Barreiras persistentes e retos no sector

A pesar dos avances nos últimos anos, aínda persisten barreiras que dificultan a entrada e o crecemento das mulleres neste ámbito. A percepción dunha formación insuficiente, alimentada por estereotipos de xénero, seguen desanimando a moitas mozas a optar por carreiras tecnolóxicas. Segundo o informe Women In Cybersecurity 2022 Report, apenas existe unha representación feminina en postos de dirección, como os de Director/a de Seguridade da Información (CISO), que é unha evidencia máis desta desigualdade: só 85 de 500 empresas Fortune 500 contan cunha muller neste cargo.

A conciliación entre a vida laboral e persoal tamén representa un reto significativo, xa que o 37% das mulleres vinculadas ao sector recoñecen dificultades neste equilibrio (BCG ,2024). Este tamén é un punto importante que as empresas deben abordar con políticas laborais máis flexibles e inclusivas.

Programas como os impulsados por CIBER.gal, que inclúen talleres e actividades educativas, buscan romper estas barreiras. Ademais, a visibilización de referentes femininos no sector é fundamental para inspirar novas xeracións e fomentar a participación activa das mulleres na protección do ecosistema dixital.

Oportunidades e metas a curto prazo

A ciberseguridade é un dos sectores máis atractivos na actualidade, non só pola súa alta demanda laboral senón tamén polas oportunidades de desenvolvemento persoal e profesional que ofrece.  Segundo unha enquisa realizada por BCG, en 2023 o 68% das mulleres graduadas en disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) optaron por cursos de especialización en ciberseguridade, un sinal esperanzador de que máis mulleres están interesadas en explorar esta área. De memos xeito, o informe Women in IT and Cybersecurity asegura que máis de dous terzos das mulleres en Tecnoloxías da Información consideran a ciberseguridade como unha especialización atractiva, e o 92% das profesionais activas afirman estar satisfeitas coa súa elección laboral (Tehtris, 2024).

A diversidade como estratexia para un futuro dixital seguro

A nivel global, prevese que a representación feminina na ciberseguridade alcance o 30% en 2025 e o 35% en 2031 (cybersecurityventures, 2024).

En Galicia, iniciativas como o Nodo CIBER.gal están demostrando que a colaboración entre institucións públicas e privadas é clave para impulsar a presenza feminina e enriquecer un sector que precisa de novos talentos. Construír equipos diversos non é só unha cuestión de xustiza social, senón tamén unha estratexia intelixente para mellorar a innovación e a seguridade no mundo dixital. Deste xeito, é esencial continuar promovendo políticas inclusivas que aseguren a igualdade de oportunidades e proporcionen unha contorna laboral que permita equilibrar a vida persoal e profesional. 

A ciberseguridade non só é unha carreira con futuro, senón tamén un espazo para o empoderamento feminino no ámbito tecnolóxico. Construír un ciberespazo seguro e diverso pasa por integrar plenamente ás mulleres en todos os niveis deste sector esencial para o futuro dixital.