María José Alonso: “Traballamos no desenvolvemento de nanoterapias oncolóxicas personalizadas para atallar cancros moi graves”

María José Alonso

•   “As vacinas ARN e as terapias baseadas en fármacos biolóxicos son prometedoras: poden previr e tratar de forma moi eficaz distintas enfermidades infecciosas (como a covid-19) e poderemos tratar con elas enfermidades raras de orixe xenética, o cancro ou enfermidades autoinmunes”
 
•   “Frústrame ver mulleres que renuncian ao seu progreso científico e á súa carreira profesional porque pensan que é incompatible cunha vida persoal e familiar”
 
•   “Sen dúbida, a formación de persoal investigador, a colaboración co equipo e o debate colectivo é o máis satisfactorio do traballo”
 
Doutora en Farmacia e catedrática de Famacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, María José Alonso Fernández puxo en marcha hai máis de tres décadas un laboratorio pioneiro en nanomedicina e nos sistemas de liberación de fármacos e vacinas, que sigue dirixindo. Estivo na primeira liña de investigación na loita contra a covid-19 e traballa na procura de nanoterapias que combatan con maior eficacia enfermidades como o cancro, doenzas autoinmunes ou de orixe xenética. Coñecida e recoñecida internacionalmente, a investigadora e profesora Alonso é tamén valorada en Galicia, e así o acreditan galardóns como o Premio María Josefa Wonenburger Planells (2013) que concede a Unidade Muller e Ciencia de Galicia, ou a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2018).
 
-  A covid fixo que a sociedade mirase cara á ciencia na busca de respostas e ferramentas para combater unha pandemia que nos obrigou a tomar conciencia da fraxilidade humana. Como afrontaron as investigadoras e investigadores este reto?
 
- Afrontámolo con gran inquedanza e, á vez, entusiasmo. Desde o primeiro momento fun consciente de que o meu grupo, contando cunha experiencia de 30 anos no desenvolvemento de vacinas, tiña que contribuír á causa. Desde marzo do 2020 ata xullo do 2021 traballamos nisto intensivamente 6 persoas, en colaboración cun gran consorcio europeo. Foi unha época de moita tensión emocional, pero tamén moi formativa para os meus colaboradores.
 
-  Cre que o interese da sociedade pola ciencia manterase no tempo ou será algo puntual, froito do medo?

 
- Eu agardo que este recoñecemento do valor da ciencia, que aínda é limitado, medre co tempo. Penso que agora a sociedade está máis alerta sobre as noticias de carácter científico ainda que tamén aumentou o número das noticias falsas. Isto provoca un estado de confusión que os científicos, en alianza cos medios de comunicación, temos que aclarar.
 
-  O seu grupo traballou nunha vacina ARN para a covid. Ata onde chegaron neste proxecto e que queda por andar?
 
- O noso grupo traballou no desenvolvemento dunha vacina ARN no marco dun consorcio no que había expertos en intelixencia artificial, inmunoloxía, viroloxía e biotecnoloxía. O noso traballo consistiu na incorporación das moléculas de ARN ás nanopartículas, coa fin de protexelas fronte á súa degradación e facilitar a integración do ARN nas células do sistema inmune. Os nosos prototipos testáronse en animais de experimentación e o procedemento para a súa preparación e caracterización trasladouse á empresa Hipra. O noso traballo concluíu ao esgotarse os recursos económicos.
 
-  Cualidade investigadora, innovación, transferencia do coñecemento ao nivel asistencial e industrial definen ao grupo que lidera. Por que con equipos de investigación tan punteiros en España, aínda non fomos quen de sacar adiante unha vacina?
 
- Son varios os factores que influíron. En primeiro lugar o financiamento, que no noso caso foi moi inferior ao dispoñible nos países que desenvolveron as vacinas, como Estados Unidos, Alemaña ou Inglaterra -da orde de miles de veces inferior-. Non menos importante é o ecosistema para a translación e a traxectoria. As vacinas  ARN son froito de décadas de traballo -nada casual, como se divulgou nalgunha ocasión-  tanto a nivel das secuencias de ARN como das nanopartículas lipídicas que as transportan. Ademais, non cabe dúbida de que a localización central das grandes farmacéuticas nos países máis desenvolvidos acelerou de xeito drástico a súa comercialización. O esforzo foi fenomenal tanto desde a perspectiva académica como industrial. Nesta liña, en España, as empresas do sector gañaron forza de modo que agora estamos moito máis preparados para afrontar a produción de vacinas ARN que hai 2 anos. 
 
-  Estamos falando da gripalización da covid  e xa non só falamos de vacinas senón tamén de fármacos para tratar a enfermidade. O seu grupo tamén está a deseñar un fármaco para a covid. En que fase están?
 
- Efectivamente, estamos a deseñar un tratamento dirixido a etapas temperás da infección que quizais poida tamén actuar para previr non só a covid, senón outras enfermedades virais. Estamos nunha fase moi temperá dirixida á realización da proba de concepto en animais de experimentación. Se os resultados son positivos procederemos á realización dun pequeno ensaio clínico no prazo de algo máis dun ano.
 
- O seu grupo leva unha década investigando unha vacina para o VIH. Como van os traballos?
 
- Levamos 10 anos colaborando con grupos americanos e canadienses no desenvolvemento dunha vacina fronte a VIH. Testámola xa en varias series de grupos de macacos. Porén, neste intre, estamos pendentes de lograr o financiamento para facer o desenvolvimento preclínico completo. Trátase dunha vacina particularmente complexa á que creo que non se dedicaron os recursos necesarios como aconteceu coa covid.
 
- Tanto na vacina anti- covid como na da sida ou en tratamentos para outro tipo de  enfermidades,  vostedes apostan pola administración vía nasal. Que  vantaxes supón isto para os pacientes?
 
- Si, nós estamos particularmente especializados nas vacinas nasais, actividade que no seu día foi promovida pola fundación Bill & Melinda Gates. A vacinación por vía nasal permítenos evitar o uso de agullas inxectables, e polo tanto, a necesidade de acudir a un centro sanitario para a vacinación. Ademais, obtemos acceso ao sistema inmune dunha forma directa.
 
-  Que outros proxectos centran a súa actividade investigadora?
 
- Traballamos de xeito intenso no desenvolvemento de nanoterapias oncolóxicas personalizadas, coa fin de atallar cancros moi graves como o de pulmón ou de páncreas. Tamén traballamos no desenvolvemento de nanoterapias dirixidas ao tratamento de enfermidades que afectan ao sistema nervioso central, axudando aos fármacos na súa chegada ao cerebro e finalmente ás células diana. Por último, dedicamos esforzos á enxeñería tisular co obxecto de desenvolver un menisco artificial. Todos eles son proxectos europeos consorciados nos que participamos expertos especialistas en distintos ámbitos para afrontar un importante problema de saúde.        
                       
-  Os fármacos nanodirixidos demostraron a súa eficacia e menores contraindicacións para as persoas enfermas. Que podemos agardar deles no futuro?
 
-  As vacinas ARN, e en xeral todas as terapias baseadas en fármacos biolóxicos, ofrécennos un futuro altamente prometedor. Ademais de poder previr e tratar de forma moi eficaz enfermidades infecciosas -como ocorreu coa covid-, poderemos tratar doenzas raras orixinadas por defectos xenéticos relevantes, o cancro, enfermidades autoinmunes e moitas outras. Este é o noso ámbito de especialización, a formulación de fármacos biolóxicos, independentemente de cal sexa a patoloxía a tratar. O que conseguimos é que estes fármacos, que son complexos estruturalmente e vulnerables, sexan máis estables e sexan quen de atravesar as barreiras biolóxicas ata chegar á súa diana terapéutica.
 
-  Desde 1992 lidera un grupo pioneiro en nanomedicina e en sistemas de liberación de fármacos e vacinas. Que lle fixo adentrarse neste ámbito da investigación?
 
- Eu iniciei a miña formación neste campo no ano 1986, cando comezaba a albiscarse como a vertente máis innovadora na tecnoloxía farmacéutica. En 1986-87 formeime en Francia co doutor Patrick Couvreur, un dos grandes pioneiros da nanotecnoloxía farmacéutica. De seguido puxen en funcionamento o meu laboratorio na Universidade de Santiago de Compostela pero, sendo consciente da necesidade de maior formación, despraceime ao Instituto Tecnolóxico de Massachussets, onde me formei en bioenxeñería da man do líder mundial, o doutor Robert Langer. Alí traballei na formulación de vacinas e en terapia xénica, eidos nos que se centra a miña especialidade.

- Que é o que lle resulta máis satisfactorio do seu traballo?
 
- Sen dúbida, a formación do persoal investigador, o traballo en equipo, o debate colectivo. Ademais de desfrutar mentres colaboro co grupo, éncheme de satisfacción velo tan feliz e observar a súa traxectoria de desenvolvemento profesional. Acudo aos meus compañeiros e compañeiras con frecuencia na procura de asesoramento, o que xera en min sentimentos de orgullo.
 
-  É a autora máis citada en España na área de farmacia e farmacoloxía, estivo entre os TOP TEN en farmacoloxía e está na Power List dos investigadores máis influentes no campo da Biofarmacia, pero tamén é nomeada repetidamente como referente feminino da ciencia, como un exemplo para as mozas que queren ser científicas.
 
- Eu véxome como unha muller normal, como vía á miña nai ou ás miñas irmás, moi traballadoras, amantes dos retos e cun gran sentido da responsabilidade. Cando me citan como persoa influente ou referente, quedo coa idea de que, se esa citación pode inspirar ás mozas no seu desenvolvemento profesional, está ben. Frústrame ver a mulleres que renuncian ao seu progreso científico e á súa carreira profesional porque pensan que é incompatible cunha vida persoal e familiar plena; mulleres que priorizan o desenvolvemento profesional das súas parellas, cando en realidade elas teñen grandes valores que achegar á sociedade a través do seu traballo.
 
 - A súa traxectoria permítelle avaliar a situación da muller na ciencia nas últimas décadas. Que retos quedan por diante para acadar a plena igualdade entre investigadoras e investigadores?
 
- Creo que se avanzou de xeito importante a nivel lexislativo e a nivel social. Recoñécense moito máis que antes os dereitos das mulleres e estámonos desprendendo deses roles profesionais que relegaban á muller a un segundo plano. Con todo, este desprendemento é aínda moi lento e creo que queda bastante por facer a nivel educacional -primeiro no contexto da familia pero tamén das institucións-, dos medios de comunicación e das redes sociais. De feito, as redes están a promover un retroceso no recoñecemento do papel da muller na sociedade, sobre todo entre adolescentes e mozas. A través das asociacións científicas tentamos axudar ás mulleres para que se valoren máis e asuman máis libremente as súas aspiracións profesionais.
 
María José Alonso foi galardonada no ano 2013 co premio María Josefa Wonenburguer Planells, que recoñece ás mulleres científicas de Galicia, mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras. O galardón, creado pola Xunta de Galicia e que outorga desde 2007 a Unidade de Muller e Ciencia, leva o nome da investigadora e matemática galega, unha auténtica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e unha científica adiantada ao seu tempo. Máis información sobre o premio, aquí.