 
- "O cancro require perseveranza, dedicación e creatividade”.
Científica galega e fundadora de DIVERSA Technologies, unha empresa biotecnolóxica que busca trasladar os avances do laboratorio á sociedade, María de la Fuente impulsa o desenvolvemento de nanomedicamentos innovadores, abordando os desafíos do tratamento do cancro e outras enfermidades mediante a aplicación de nanosistemas lipídicos. Ao longo desta conversa, coñecemos máis sobre a súa traxectoria, os retos da biotecnoloxía, a importancia da transferencia de tecnoloxía e a necesidade de fomentar a igualdade de xénero na ciencia.
P. A súa traxectoria científica é impresionante e diversa, pero que a motivou inicialmente a especializarse no campo da nanotecnoloxía e a súa aplicación na oncoloxía?
Sempre me sentín atraída polas ciencias da vida, o que me levou a estudar Farmacia e, posteriormente, a realizar un doutoramento en Nanomedicina e Terapia Xénica, que me proporcionou unha sólida base científica. A motivación para especializarme en nanotecnoloxía aplicada á oncoloxía xurdiu do desexo de desenvolver terapias máis efectivas e métodos de diagnóstico avanzados para o cancro, aproveitando as propiedades únicas dos nanomateriais para superar as limitacións dos tratamentos convencionais.
Sempre me gustaron os retos, porque é neles onde atopo a miña maior motivación, e o cancro, pola súa complexidade, require perseveranza, dedicación e creatividade, ademais dun traballo altamente colaborativo e interdisciplinar. Por outra banda é unha enfermidade que, dun xeito ou outro, sempre está presente nas nosas vidas, facendo que a motivación sexa aínda maior, dado o seu impacto.
P. Por que decidiu fundar DIVERSA, cales foron os maiores retos que enfrontou no proceso e como describiría o impacto que espera lograr con ela no campo da biotecnoloxía?
Fundar DIVERSA foi un paso natural para trasladar os avances científicos do laboratorio á sociedade, algo imprescindible para maximizar o impacto social da investigación. No caso dos nanomedicamentos, considero que a súa translación á sociedade pasa inevitablemente pola creación de empresas que faciliten este proceso. O obxectivo de DIVERSA é comercializar nanotecnoloxía para a liberación controlada de fármacos e biomoléculas terapéuticas, impulsando o desenvolvemento de medicamentos avanzados e ofrecendo solucións a necesidades médicas aínda non cubertas.
Ademais, queremos contribuír á xeración de emprego de calidade e ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia, aportando a nosa pegada na consolidación da rexión como un referente no ámbito da biotecnoloxía. Entre os maiores retos atopáronse a creación dunha infraestrutura empresarial sólida, a obtención de financiamento e a formación dun equipo multidisciplinar e comprometido. Con DIVERSA, esperamos impactar positivamente no desenvolvemento de terapias innovadoras que melloren a calidade de vida dos pacientes, especialmente en áreas críticas como a oncoloxía e as enfermidades raras.
P. DIVERSA enfócase en superar barreiras biolóxicas no desenvolvemento de fármacos. Que fai que a tecnoloxía patentada de DIVERSA sexa única fronte a outras solucións no mercado?
A nosa tecnoloxía está baseada en nanosistemas lipídicos patentados, deseñados para asociar e transportar unha ampla variedade de moléculas terapéuticas, como ARN mensaxeiro, proteínas, péptidos e fármacos con problemas de solubilidade. Variando a proporción dos compoñentes, podemos modular aspectos críticos das formulacións, como a mellora na asociación e estabilidade das biomoléculas ou fármacos encapsulados, e a optimización da liberación nas células diana, o que incrementa a eficacia terapéutica e permite un efecto máis preciso. Ademais, empregamos exclusivamente lípidos seguros, o que facilita o desenvolvemento regulatorio e converte os nosos nanosistemas nunha solución ideal para a creación de nanomedicamentos. Estas características, combinadas coa nosa tecnoloxía propia, diferénciannos claramente doutras solucións dispoñibles no mercado, permitindo ofrecer un enfoque innovador e eficiente.
P. É responsable de varias patentes, dúas das cales licenciáronse. Que nos pode contar sobre o proceso de desenvolvemento e que importancia ten a transferencia de tecnoloxía para transformar a ciencia en beneficios reais para a sociedade?
Actualmente son co-inventora de sete patentes. O proceso de desenvolvemento dunha patente implica identificar unha innovación con potencial de aplicación e protexela legalmente para facilitar a captación de recursos necesarios para validala e, finalmente, comercializala. Licenciar estas patentes permite achegar a tecnoloxía ao mercado, e polo tanto avanzar cara a o seu uso clínico. A transferencia de tecnoloxía é fundamental para converter os avances científicos en solucións prácticas que melloren a saúde e o benestar da sociedade.
Non obstante, é un proceso complexo que, na miña opinión, debe xustificarse pola necesidade de levar produtos á práctica clínica, máis que como un mérito académico. A transferencia de tecnoloxía debe centrarse na aplicabilidade real dos descubrimentos e na súa capacidade de mellorar a vida das persoas.
P. Nalgunha ocasión mencionou que a súa motivación é levar a ciencia á sociedade para beneficiar aos pacientes. Que tan preto está DIVERSA de ver as súas tecnoloxías aplicadas na práctica clínica?
Aínda que a translación á práctica clínica require tempo debido aos rigorosos procesos de validación e aprobación, confiamos en que as nosa tecnoloxía teña un impacto significativo no futuro próximo, especialmente en áreas con necesidades médicas non cubertas. De feito, esa é a miña principal motivación, que o meu traballo teña un impacto positivo na sociedade.
Estamos traballando intensamente para avanzar nas fases preclínicas dos nosos desenvolvementos, contando cunha rede de colaboradores clave tanto en Galicia como noutras rexións, como Navarra, onde colaboramos co CIMA e tamén somos unha empresa incubada na incubadora da Universidade de Navarra. Ademais, tamén colaboramos con outras empresas que precisan da nosa tecnoloxía para acceder a o mercado, e estas compañías cubren outras áreas terapéuticas.
Por outra banda, estamos avanzando na parte regulatoria, asegurándonos de contar cun mapa de ruta claro, e, de xeito similar, comezamos a definir a estratexia para establecer alianzas con empresas que cumpran os requisitos de fabricación para medicamentos de uso humano. Todo isto nos permite avanzar con paso firme cara aos nosos obxectivos.
P. Na súa experiencia, que papel xogan as políticas públicas no fomento da innovación científica e a súa aplicación?
As políticas públicas desempeñan un papel crucial no fomento da innovación científica e a súa aplicación, xa que proporcionan o apoio necesario para que as investigacións se poidan trasladar á sociedade. A través de financiamento público, a creación de marcos regulatorios adecuados e o apoio infraestructuras de innovación, as políticas públicas axudan a que os avances científicos non queden só no laboratorio, senón que poidan ser aplicados en solucións reais que melloren a vida das persoas. Neste sentido, un apoio institucional forte é esencial para garantir que os avances cheguen ao mercado de forma eficiente e segura. No noso caso, contamos con apoio público dende que a creación da empresa era só unha idea, ata a actualidade, o que tamén contribuíu a que fose posible atraer fondos privados.
P. Como experta que forma parte de distintos comités de innovación e sociedades científicas, como cre que se pode fomentar unha maior colaboración entre a academia, a industria e o sector saúde?
Penso que a colaboración intersectorial é clave para avanzar na innovación, e para iso é fundamental manter unha comunicación constante e fluída entre a academia, a industria e o sector saúde. Unha forma de fomentar esta colaboración é a creación e impulso de redes e asociacións, pero para que estas sexan realmente operativas, é imprescindible contar co apoio de persoas comprometidas co seu dinamismo e xestión, que traballen especificamente para elas. Estas redes deben ser máis que espazos de encontro; deben converterse en plataformas activas que faciliten a transferencia de coñecemento e a colaboración efectiva entre todos os actores implicados, para que os avances científicos e tecnolóxicos poidan ser aplicados no mundo real de forma eficiente e beneficiosa para a sociedade. En Galicia, cabe destacar o papel fundamental que desenvolve BIOGA, promovendo a colaboración entre as empresas biotecnolóxicas e os distintos sectores do ecosistema.
P. Como muller líder no ámbito científico e empresarial, que barreiras de xénero atopou no seu camiño e como as superou?
Eu sempre considerei que vivía nun entorno onde a igualdade non era cuestionada, porque realmente ata ben entrada a miña carreira científica non fun plenamente consciente dos sesgos e discriminacións existentes, a o medrar nun entorno que respectaba a niña visión e formarme nun ámbito feminizado. Foi coa maternidade cando vivín en primeira persoa unha discriminación indirecta de xénero, e comecei a observar cunha mirada máis crítica a o sistema. Para min foi un impacto. De xeito positivo, desa experiencia saíron varias mobilizacións, que promoveron cambios en convocatorias, e tamén aquí en Galicia a Lei Ángeles Alvariño. Volvín a ser cuestionada cando decidín poñerme á fronte de DIVERSA, e sigo a observar pequenos feitos de cando en vez. É moi importante seguir poñendo de manifesto a necesidade de acadar unha igualdade real e efectiva en todos os ámbitos, e celebrar cada avance nesta dirección.
P. Desde a súa experiencia, que medidas considera esenciais para reducir os desequilibrios de xénero no ámbito da investigación e a transferencia de tecnoloxía?
É fundamental realizar análises continuas, xa que o que non se observa nin se identifica non se pode solucionar. Unha vez detectados os desequilibrios, debemos asegurarnos de que o camiño estea despexado para que cada persoa poida desenvolver a súa carreira profesional sen obstáculos que dificulten o seu progreso, promovendo medidas concretas e lexislando para garantir que isto sexa así. Un diálogo continuo entre todos os actores é, sen dúbida, fundamental para avanzar.
Unha das leccións aprendidas é que debemos rachar con determinadas condutas moi perxudiciais, como a idea de que unha boa profesional é aquela que sacrifica todo pola súa vocación, pasando por alto aspectos clave como a conciliación ou o benestar persoal. O cambio cultural é esencial para promover un entorno máis igualitario e xusto para todas as persoas, independentemente do xénero.
P. Cales son os próximos obxectivos para DIVERSA en termos de expansión, alianzas estratéxicas e desenvolvemento tecnolóxico?
DIVERSA busca consolidarse como unha compañía de referencia, ubicada en Galicia pero con proxección global, favorecendo o desenvolvemento de nanomedicamentos innovadores que conecten o sector académico co industrial. O noso obxectivo é converternos nunha compañía recoñecida tanto a nivel nacional como internacional, polo que a nosa estratexia de crecemento pasa pola internacionalización e a expansión dos nosos mercados.
Dentro da nosa liña de I+D propia, centrada no desenvolvemento de nanomedicamentos para cubrir necesidades médicas en áreas terapéuticas como a oncoloxía e as enfermidades raras, temos a intención de avanzar cara aos ensaios clínicos, coa meta de levar os nosos tratamentos á comercialización. Esta transición é clave para que as nosas solucións cheguen aos pacientes que máis as precisan.
P. Cales considera que son as áreas de maior potencial na nanomedicina nos próximos anos, especialmente en relación coa oncoloxía?
Nós estamos traballando en concreto na área da inmuno-oncoloxía, que está demostrando un gran potencial para tratar moitos tipos de cáncer. Esta aproximación ten como obxectivo estimular e modular o sistema inmune, utilizándoo como unha parte fundamental do tratamento. Ademais, as terapias celulares están xogando un papel clave na medicina actual, ofrecendo novas oportunidades para abordar o cancro de maneira máis específica e personalizada. A combinación de inmunoterapia e terapias celulares podería cambiar radicalmente o panorama do tratamento do cancro nos próximos anos.
Para desenvolver a nosa actividade, os nosos proxectos son claramente interdisciplinares, integrando coñecementos de distintas áreas como a biotecnoloxía, a farmacoloxía, a inmunoloxía e a nanotecnoloxía. Para garantir a máxima calidade e impacto, contamos co asesoramento continuo de Key Opinion Leaders (KOLs) e expertos na materia, que nos axudan a definir a nosa estratexia de investigación e a orientar os nosos desenvolvementos cara ás áreas de maior potencial terapéutico.
P. Se puidese dar un consello ás mulleres novas interesadas en carreiras científicas ou tecnolóxicas, cal sería?
O meu consello para as mulleres novas interesadas en carreiras científicas ou tecnolóxicas é que non se freen. Que se escoiten a elas mesmas, sigan a súa motivación e se formen para acadar os seus obxectivos. É fundamental que confíen no seu potencial e formación, e na capacidade que teñen para facer a diferenza en campos tan importantes como a ciencia e a tecnoloxía. Tamén é clave rodearse de xente construtiva, que as apoie e as respecte, que as motive a seguir adiante, superando calquera obstáculo que se poida presentar no camiño.