Galicia, punta de lanza na igualdade real de mulleres e homes no ámbito da Universidade e da investigación grazas á 'Lei Ángeles Alvariño'

Clases na universidade

Galicia conta, desde 2021, cunha das lexislacións máis avanzadas en materia de igualdade de xénero no ámbito universitario e da investigación. A Lei 13/2021, de 20 de xullo, coñecida como Lei Ángeles Alvariño, garante a igualdade real entre mulleres e homes na universidade. O texto, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, establece a obriga de todos os organismos públicos e privados de incorporar mecanismos correctores nas distintas convocatorias públicas de I+D+i  para que o tempo por coidado de fillas e fillos non supoña unha discriminación nos procesos de avaliación.
 
Do mesmo xeito, a norma manifesta que tanto as universidades como os centros de investigación deben contar con protocolos para a detección precoz da violencia de xénero, así como para a formación do persoal universitario e investigador en materia de igualdade. Ademais, garántese o dereito de acceso ao ensino superior e á investigación a mulleres con diversidade funcional.
 
A lei, que modificou o artigo 20 do decreto lexislativo 2/2015, persegue apoiar, promover e visibilizar o traballo investigador das mulleres en Galicia e introduce mecanismos correctores e obxectivos nas convocatorias públicas de I+D+i para evitar a súa discriminación e/ou penalización, e tamén a dos homes, en caso de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso.
 
Na exposición de motivos indícase que “no noso país persisten aínda discriminacións en todos os ámbitos da vida social, cultural, laboral e económica, e tamén no ámbito académico e da investigación”. Neste sentido, existen aínda fendas de xénero que se materializan en fenómenos como o teito de vidro, “segundo o cal as mulleres van avanzando posicións nas súas carreiras profesionais ata se atoparen cun teito ou barreira invisible que impide o seu progreso ata a cima”. Outra situación habitual é a denominada tubaxe que pinga, polo cal as mulleres “van desaparecendo progresivamente, pinga a pinga, das carreiras científicas ás que van accedendo, polos obstáculos e pexas que atopan”.
 
O Instituto Europeo para a Equidade de Xénero xa estableceu unha serie de recomendacións con respecto á carreira investigadora nas que se instaba a crear un marco legal e político e fornecer ferramentas que impidan a progresión feminina. A lei, polo tanto, introduce “medidas reguladoras que garanten a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias públicas de investigación” no referido ás universidades, organismos públicos de investigación e entidades do sistema de I+D+i para “evitar situacións de discriminación e vulneración dos principios de igualdade de trato e oportunidades. Así mesmo, busca incorporar a perspectiva de xénero na universidade e na investigación, co fin de facer efectiva a igualdade entre mulleres e homes”.
 
As medidas concretas que inclúe a lei son as seguintes:
 
- Fomentar a creación de cátedras sobre cuestións de xénero nas universidades galegas
- Apoiar a realización de proxectos de estudo e investigación sobre cuestións de xénero e/ou nos cales se integre a perspectiva de xénero
- Garantir a formación da totalidade do persoal en materia de perspectiva de xénero e prevención de violencia contra as mulleres
- Apoiar a través do establecemento de medidas de acción positiva, do traballo das mulleres no ámbito da investigación, fomentando a súa participación e liderado en grupos de investigación
- Visibilizar as achegas das mulleres no ámbito científico e tecnolóxico ao longo da historia e ata a actualidade, tanto aquelas de recoñecido prestixio e carreira consolidada como o talento emerxente
- Garantir que os períodos de tempo dedicados ao desfrute de permisos por razóns de conciliación ou coidado de menores, familiares ou persoas dependentes non repercutan negativamente na formación e na carreira docente e investigadora
 
Por outra parte, a norma promove distintas obrigas tanto paras as universidades como para os centros e institucións de investigación galegos. Son as seguintes:
 
- Garantir o cumprimento do principio de non-discriminación por razón de xénero e facer efectiva a igualdade de mulleres e homes na carreira docente e investigadora
- Garantir o acceso ao ensino universitario a mulleres con diversidade funcional
- Garantir a participación equilibrada de mulleres e homes en todos os órganos colexiados e na toma de decisións, nas comisións de selección e avaliación e nos comités de persoas expertas. Isto inclúe que as persoas de cada sexo non poden superar o 60% nin ser menos do 40%
- Avanzar no deseño de métodos de avaliación da calidade científica e académica que incorporen a perspectiva de xénero
- Promover un uso dos tempos e da organización do traballo que facilite a conciliación e favoreza a corresponsabilidade de homes e mulleres, permitindo compatibilizar o exercicio da profesión académico-científica-tecnolóxica coas responsabilidades persoais e de coidado
- Garantir que as avaliacións de persoal docente e investigador teñan en conta a perspectiva de xénero e a non-discriminación por razóns de sexo
- Garantir que nos procesos de selección ou avaliación da traxectoria académica, os que se consideren intervalos temporais, resulten excluídos, sen impacto negativo para a persoa interesada, cando sexa por razóns de conciliación, coidado de menores, familiares ou persoas dependentes, ou por razóns de violencia de xénero
- Establecer criterios de acción positiva ás axudas á investigación, de forma que se valore positivamente que os grupos estean liderados por mulleres, integrados por máis dun 40% de mulleres ou incorporen a perspectiva de xénero
- Dotarse de protocolos e establecer medidas de cooperación entre institucións para a detección precoz da violencia de xénero
- Potenciar a vocación científica e investigadora entre as mulleres
 
A lei aprobouse polos tres grupos do Parlamento de Galicia (PP, BNG e PSdeG), e foi apoiada por distintos colectivos como a Rede Galega pola Investigación (Investigal), que xogou un papel importante na súa tramitación. Foron as deputadas Paula Prado (PP), Olalla Rodil (BNG) e Noa Díaz (PSdeG) quen presentaron o texto diante da cámara autonómica antes da súa votación. O texto completo da norma pode consultarse aquí.
 
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, lembrou no pleno da Unidade Muller e Ciencia, celebrado no mes de febreiro deste ano 2022, que “Galicia é punta de lanza” por contar coa chamada lei Ángeles Alvariño. “Estamos a traballar para que as mulleres ocupen o verdadeiro lugar que lles corresponde, liderando o coñecemento e a investigación en todos os seus ámbitos”, afirmou a conselleira, quen reivindicou o traballo constante da Unidade Muller e Ciencia para incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia.
 
O nome da lei homenaxea á oceanógrafa Ángeles Alvariño quen, a mediados do século XX, foi a primeira científica que traballou en campañas oceanográficas realizadas por navíos de exploración británicos. Ao longo da súa carreira describiu 22 novas especies mariñas e está recoñecida como unha autoridade mundial en determinados tipos de zooplancto. A Real Academia Galega de Ciencias dedicoulle o Día da Ciencia en Galicia de 2015. Nesta ligazón hai máis información sobre a súa traxectoria.