Galicia celebra o XIII Día das Rapazas nas TIC para inspirar ás novas xeracións

Galicia celebra o XIII Día das Rapazas nas TIC para inspirar ás novas xeracións

Hoxe, 24 de abril celébrase unha nova edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC, unha cita para fomentar vocacións tecnolóxicas entre as máis novas. Galicia súmase cunha programación especial promovida polo CESGA, a Xunta e entidades como o CPEIG.

Galicia conmemora a XIII edición do Día das Rapazas nas TIC, unha efeméride internacional promovida pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) co obxectivo de espertar o interese das nenas e mozas nas carreiras tecnolóxicas e científicas, especialmente nas áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), onde as mulleres seguen infrarrepresentadas.

Na comunidade galega, a celebración está coordinada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), coa colaboración da Xunta de Galicia, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) e outras entidades que buscan promover a igualdade e a participación activa das mulleres na tecnoloxía.

Charlas en directo con referentes tecnolóxicas

A programación arrancou ás 11:00 horas coa benvida por parte da directora da Axencia Galega da Innovación e presidenta do CESGA, Carmen Cotelo Queijo e a intervención do Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) Fernando Suárez. De seguido, houbo un coloquio en liña aberto aos centros educativos de toda Galicia, no que participaron catro mulleres galegas que desenvolven a súa carreira no ámbito das TIC. Durante a sesión, compartiron as súas traxectorias, falaron dos seus retos e responderon ás preguntas do alumnado.

As protagonistas da charla foron:

  • Marta Losada Estévez, física e investigadora no CESGA, especialista en computación cuántica.
  • Yolanda Blanco Fernández, doutora en Enxeñaría de Telecomunicación e docente na Universidade de Vigo.
  • Nadezhda Lucía Techera Salvador, estudante de Enxeñaría Aeroespacial e membro activa do equipo UVigo Motorsport.
  • Alejandra Lugilde, enxeñeira informática centrada na Intelixencia Artificial e divulgadora científica coñecida nas redes como Simbeli.

Esta sesión en liña puido seguirse desde as aulas de centros de ensino primario e secundario de toda Galicia. Preténdese así achegar exemplos reais de mulleres que traballan en tecnoloxías emerxentes a rapazas que están na etapa de decidir os seus futuros académicos e profesionais.

Ao remate do coloquio, as estudantes presentes realizaron unha visita guiada ás instalacións do Cesga para coñecer o superordenador Finis Terrae III, unha das infraestruturas computacionais máis potentes de España, e o ordenador cuántico galego Qmio, unha aposta de futuro na computación en Galicia.

Para pechar esta xornada, a Directora Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez, adicou unhas palabras as rapazas presentes, alentádoas a seguir loitando por unha igualdade real. Tamén anunciou que dende a Xunta de Galicia están a elaborar a estratexia Galega de emprego feminino en sectores masculinizados e que farán moito fincapé nas rapazas nas TIC.

Por que é importante este día?

A celebración do Día das Rapazas nas TIC é máis necesaria ca nunca. Aínda que as mulleres representan máis do 55% do alumnado universitario en Galicia, só un 28% está matriculado en carreiras técnicas, segundo datos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

As cifras son similares ás do resto do Estado e mesmo a nivel europeo, onde informes da Comisión Europea sinalan que só un 17% dos profesionais TIC son mulleres. Esta fenda tradúcese nunha menor representación en postos de decisión, menos presenza nos proxectos de innovación e unha perda de talento que afecta a toda a sociedade.

Eventos como o Día das Rapazas nas TIC buscan romper estereotipos, ofrecer referentes e abrir vocacións en ámbitos como a ciberseguridade, a intelixencia artificial ou a enxeñaría de datos. É moi importante seguir amosando referentes nun día coma hoxe, pero sempre debe ser así, para que todas as rapazas saiban que poden ocupar espazos que históricamente foron masculinizados.