“O verdadeiro avance científico só é posible cando existe unha participación igualitaria de mulleres e homes que o xeran e dende a inclusión da dimensión de xénero”
Unha traxectoria que combina investigación, divulgación e formación de novos talentos, Eva Poveda axudou a mellorar o coñecemento sobre VIH e outras infeccións virais, e xunto con outros dous institutos de investigación sanitaria de Galicia, foi recoñecida este ano coa Medalla Emilia Pardo Bazán. Como directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur), Eva lidera iniciativas pioneiras en saúde pública e igualdade de xénero na ciencia. Hoxe comparte con nós a súa experiencia e logros, así coma a visión e compromisos que marcan o seu traballo.
P. Fuches premiada en varias ocasións polo teu traballo en VIH e outras infeccións de transmisión sexual. Que significa para ti este recoñecemento e como inflúe na túa motivación para continuar investigando?
R. Apostar por facer unha carreira investigadora supón un extra de motivación e resiliencia. Os premios e os recoñecementos oficiais son estímulos necesarios que reforzan a esencia investigadora e poñen en valor o esforzo realizado, os logros acadados e o impacto que ten o noso traballo na sociedade. No meu caso, o premio da Fundación Lòreal-Unesco For Women in Science no ano 2012, chegou nun momento no que, debido á inestabilidade laboral, estaba contemplando a posibilidade dunha retirada do ámbito da investigación e a súa concesión deume folgos e supuxo unha motivación para non facelo.
P. Que papel cres que teñen os biobancos, como o do VIH e o da COVID-19, no avance da investigación clínica e virolóxica?
R. Os biobancos, e moi especialmente cando as mostras biolóxicas están acompañadas de información clínica e epidemiolóxica, son claves na xeración do coñecemento científico no ámbito da biomedicina en xeral. No caso particular do VIH e a COVID-19, permiten abordar os mecanismos moleculares que poden explicar diferentes aspectos fisiopatolóxicos relacionados coa evolución clínica que posibilitan, por exemplo, a identificación de biomarcadores que axuden a optimizar o seguimento clínico das persoas con estas infeccións.
P. Cales son os maiores desafíos para integrar os novos descubrimentos científicos sobre VIH e COVID-19 na práctica clínica diaria?
R. A integración dos coñecementos no ámbito do VIH e da COVID-19 foi precisamente o que cambiou radicalmente a historia natural de ambas infeccións, ben mediante a combinación de tratamentos altamente eficaces capaces de controlar a replicación viral, aínda que non a de eliminar ó virus no caso do VIH, ou a través do deseño de vacinas preventivas no caso da COVID-19. A inclusión dos novos coñecementos na práctica clínica diaria pasa por demostrar que teñen un beneficio global e asegurar unha mellora significativa no diagnóstico, tratamento ou seguimento clínico das persoas afectadas. É imprescindible unha abordaxe multidisciplinar para que os descubrimentos científicos poidan chegar a ter un impacto na práctica clínica.
P. Como foi a experiencia de coordinar un equipo multidisciplinar para a creación da cohorte COVID-19 en Galicia e que aprendiches deste proceso colaborativo?
R. Foi un reto nun momento de moitísima incerteza. Recordo as primeiras visitas ó Hospital Álvaro Cunqueiro en plena pandemia cando aínda estabamos confinados para poñer a Cohorte en marcha cunha sensación de moita responsabilidade. Pola miña experiencia no eido do VIH, eu tiña moi clara a necesidade da creación desta cohorte para poder ter unha base sólida para a xeración de coñecemento e poder dar resposta ás múltiples preguntas que nos facíamos naquel momento. Nestes casos, a abordaxe multidisciplinar e colaborativa é clave, non só durante o proceso de creación, senón tamén no de explotación. A cohorte estivo e está aberta a todos os investigadores e investigadoras que teñan algo que aportar para avanzar no coñecemento desta infección. Foron moitas as solicitudes de datos e mostras biolóxicas a nivel autonómico e nacional recibidas para o desenvolvemento de traballos de investigación. A creación da Cohorte COVID, foi financiada con Fondos COVID-19 do Instituto de Salud Carlos III e supuxo unha gran axuda e soporte, especialmente nos inicios.
P. Sendo membro de numerosos paneis de expertos e comités científicos, como xestionas o equilibrio entre a investigación, a docencia e a divulgación científica?
R. Penso que estas actividades son fundamentais e deben de forman parte da actividade dunha investigadora. O meu traballo non finaliza coa xeración do coñecemento, que xunto coa miña experiencia ten que ser trasladado á práctica clínica, á comunidade científica e a sociedade. Todas elas están integradas na miña actividade diaria e esa é a forma de xestionalo.
P. A túa traxectoria inclúe unha forte aposta pola formación de novas e novos investigadores. Que consideras que son os principais obstáculos para as novas xeracións que queren dedicarse á investigación?
R. Potenciar o novo talento investigador e darlle visibilidade é imprescindible para asegurar o relevo xeracional e dar continuidade a liñas de investigación que son claves para abordar os grandes retos en saúde. Actualmente, temos unha preocupación porque este aspecto non foi coidado suficientemente, e non é algo que se poida improvisar, polo que nalgúns casos hai grupos de investigación que desaparecen cando o/a responsable do grupo finaliza a súa etapa profesional. Ademais, identificamos en xeral, un cambio nas prioridades das novas xeracións, no tan centradas no éxito profesional e máis no benestar persoal e familiar. Se queremos novas xeracións dedicadas á investigación temos que ofrecer estabilidade laboral, unha boa mentorización, e proxectos ilusionantes.
P. A túa implicación en iniciativas de divulgación científica é notable. Que impacto cres que teñen estas actividades sobre a percepción da ciencia por parte da sociedade e como se pode mellorar esta relación?
R. A divulgación da ciencia á sociedade é unha responsabilidade de todas as persoas dedicadas á ciencia. É fundamental que os avances científicos sexan transmitidos á sociedade e fomentar a cultura científica. A forma de facelo dende o noso eido é abrindo as portas dos nosos centros ou institutos de investigación a diferentes públicos, para que coñezan de preto o noso ámbito de traballo e as aportacións que facemos. Pero tamén, acercándonos a outros escenarios máis cotiás, á rúa, ó teatro, ó cine, e dende alí ofrecer actividades orixinais e innovadoras que conecten coa cidadanía. Deseñar contidos atractivos de máximo rigor e adaptados ós diferentes públicos é clave.
P. Como directora científica do IIS Galicia Sur, cales son os obxectivos prioritarios que te marcas a curto e longo prazo para o instituto en termos de investigación e innovación?
R. O obxectivo xeral é ofrecer unha estrutura sólida e de apoio ós investigadores que garanta os recursos óptimos para desenvolver unha investigación de excelencia cun impacto na mellora da saúde da cidadanía. Este obxectivo abordámolo dende o compromiso cos principios de investigación e innovación responsable que favorecen unha ciencia aberta, igualitaria e inclusiva. Nos dous anos e medio que levo na dirección, fixemos realidade diferentes fitos, coma un incremento na captación de fondos de investigación en convocatorias públicas do 150%, a consolidación do noso compromiso coa ciencia aberta a través da creación da Unidade de Cultura Científica e Innovación, acadar a paridade nas nosas estruturas científicas e de goberno, potenciar a política de calidade, fomentar a formación e xerar sinerxías. Seguimos implementando diferentes accións para continuar a nosa tendencia imparable de mellora para atraer máis talento investigador, promover a translación dos resultados de investigación á práctica clínica diaria, dar visibilidade ó traballo que facemos nas Áreas Sanitarias de Vigo e Pontevedra e promovendo tamén a sinerxía coa contorna e con diversas institucións nacionais e internacionais.
P. Que proxectos ou liñas de investigación estás a liderar agora e que resultados esperas acadar nos próximos anos en relación co VIH e outras infeccións virais?
R. Actualmente, os meus traballos de investigación están centrados fundamentalmente no VIH e a infección por SARS-CoV-2. En ambos casos son proxectos cunha translación moi directa xa que están realizados en cohortes de persoas con estas infeccións. Son proxectos destinados a ampliar o coñecemento sobre as características da inflamación asociada a estas infeccións e como esta inflamación poder relacionarse con comorbilidades específicas como poden ser os eventos cardiovasculares. Afondar nos mecanismos fisiopatolóxicos para poder identificar biomarcadores que nos permitan entender a evolución da infección e a mellora do seguimento clínico dos pacientes. No caso de VIH, é de especial relevancia o eido do envellecemento precoz, as comorbilidades asociadas e a polifarmacia. No contexto da COVID-19, estamos moi interesadas en dar resposta á condición de COVID persistentes e os mecanismos implicados.
P. Cal é a túa visión sobre a evolución dos tratamentos antirretrovirais no futuro próximo? Crees que haberá avances significativos cara a unha cura funcional do VIH?
R. A evolución dos tratamentos para o VIH foi extraordinaria nos últimos anos, de forma que conseguir o control da infección e preservar o sistema inmunolóxico das persoas con VIH deixou de ser un reto. Agora, o desafío, en países coma o noso con acceso ó tratamento e un sistema sanitario óptimo, está máis en ofrecer unha mellor calidade de vida, tendo en conta o contexto do envellecemento asociado, cunha maior taxa de comorbilidades e polifarmacia. Os avances cara á cura funcional da infección son diarios pero neste momento, cando máis coñecemos, máis sabemos da complexidade do reto.
P. Que cambios cres que son necesarios para que as mulleres teñan máis visibilidade e oportunidades no ámbito científico?
R. Actualmente, dispoñemos de políticas en favor da igualdade de oportunidades para homes e mulleres, pero o que necesitamos e a implementación activa destas políticas. É dicir, facer realidade esa igualdade en comités científicos, órganos de goberno, participación en proxectos, postos de dirección, visibilidade nos medios...
P. E para que as investigacións biomédicas fáganse con perspectiva de xénero?
R. Pois o mesmo, implementala. Actualmente, nas convocatorias de financiación públicas xa esixen ter en conta este criterio e é puntuable, aínda que dende hai pouco tempo. Para facer correctamente esta inclusión é necesaria a formación dos investigadores para que a teñan en contan en todo o proceso de investigación. O verdadeiro avance científico só é posible cando existe unha participación igualitaria de mulleres e homes que o xeran e dende a inclusión da dimensión de xénero en todas as fases do proceso de investigación.
P. Pensas que faltan referentes femininas para aumentar o interese das rapazas que están na escola pola ciencia?
R. Si, faltan referentes femininas porque levamos demasiado tempo sen elas, aínda que nos últimos anos estase a traballar de forma moi activa visibilizando científicas. Pero o que realmente falta, é un contexto social no que o feito de ser muller non condicione as túas decisións laborais.
P. Que consello lle darías a unha muller que quere dedicarse á investigación?
R. Diríalle que traballe sempre con ilusión, que sexa honesta cos seus valores e obxectivos, que crea nas súas capacidades e que as faga visibles.