Edita de Lorenzo: “O teito de cristal é máis consistente do que indica o seu propio nome”

Edita de Lorenzo

A primeira directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo fala nesta entrevista sobre as dificultades das mulleres no ámbito da investigación e da empresa, e salienta o papel da escola ou dos medios de comunicación para acabar cos estereotipos de xénero. Profesora titular do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, é vicedecana do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) desde maio de 2017, secretaria da directiva do dominio PuntoGal, vogal da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, cofundadora da sección española de Women in Engineering e forma parte do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos da Universidade de Vigo.

P: Fuches a primeira muller ao fronte dunha escola de enxeñería en Galicia como directora da Escola de Telecomunicación de Vigo. Que lembras daquela etapa? Que dificultades enfrontaches durante aqueles seis anos?

R: No ano 2009 comecei como directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, e tiñamos o curso 2010-11 como prazo máximo para comezar coas titulacións dentro do Espazo Europeo de Educación Superior, o EEES, que acabou chamándose moi torpemente Plans de Bolonia. Tiñamos que facer a memoria do grao seguindo a orde CIN (conxunto de competencias publicadas no BOE que definían os requisitos, no noso caso, para a profesión da enxeñaría de telecomunicación e da enxeñaría técnica de telecomunicación). Foron momentos de moito traballo e moitas reunións dentro da escola, nas que aprendín, e moito, das persoas que nela traballan. Tamén na universidade, en colaboración con varias vicerreitorías para o encaixe da proposta nun marco totalmente novo. Naquel momento, as conferencias de directores de escolas de telecomunicación reuníanse con bastante frecuencia tratando consensuar mínimos ou atopar puntos comúns, transmitir a información que se ía coñecendo sobre o proceso de verificación de títulos ante a Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA). Foi un tempo moi enriquecedor, cheo de retos e de aprendizaxe, con moito traballo. Despois do grao veu, un par de anos máis tarde, a preparación do mestrado en enxeñaría de telecomunicación, con menos présas pero buscando unha solución non doada para un problema novo: facer unha titulación que require de máis coñecementos partindo dun nivel, o grao, moi especializado.

Pasaron xa anos desde aquela etapa e, posiblemente, lembro moito mellor os bos momentos e as oportunidades que se me presentaron, que as dificultades. Foi unha etapa de aprendizaxe, de coñecer moitas persoas en situacións moi variadas e que me aportaron moito. Ser a representante da universidade en diferentes organismos foi unha delas. Por exemplo, puiden coñecer o proxecto de PuntoGal, onde tiven a ocasión de participar en foros e reunións en nome da Universidade de Vigo. E non podo deixar de mencionar o que representou poder contactar e traballar coas persoas que dirixían outras escolas, coñecer de preto a xestión universitaria e o seu valor interno e social.

Despois houbo unha parte moi emocionante de reencontro con profesionais que ocupaban postos moi destacados e que me coñecían de ser profesora. Eses xestos de cariño mesturados con certa timidez e co agradecemento á escola, a rapidez para colaborar e o orgullo de poder facelo, son realmente impagables. Diría que foi o mellor desa época, e que aínda me sucede nalgunha ocasión.

P: Na Universidade segue existindo un gap no número de mulleres que están en postos de responsabilidade fronte aos seus colegas homes. Como se pode romper esta dinámica?

R: A distribución en forma de tesoira é moi típica nas gráficas que representan o reparto por xénero no persoal das universidades. E temos unha infrarrepresentación nos postos de maior responsabilidade. Sorpréndeme que isto pasa non só nos ámbitos tecnolóxicos, onde estatisticamente hai poucas mulleres, senón tamén onde son maioría. Penso que o teito de cristal é moito máis consistente que o que indica o seu nome. Moitos estereotipos seguen a funcionar, aínda que teño esperanzas en que aparezan novos métodos ou normativas que axuden no ámbito profesional. Por exemplo, o crecemento na ratio de catedráticas é moi importante desde que comezou o proceso de acreditación (na universidade española para o acceso a un determinado nivel coma o de profesorado titular ou das cátedras, requírese unha certificación de cumprir as condicións mínimas para o posto) porque se trata dun sistema aberto, de libre concorrencia, sen presións nin exposicións e nun marco, coas normas de paridade, moito mais igualitario. Aínda hai moito por facer, e sería bo que existisen, por exemplo, máis escolas infantís, unha maior corresponsabilidade no ámbito familiar, e seguir avanzado en temas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral a todos os niveis.

P: Formaches parte dunha das primeiras promocións da mesma escola como estudante. Cando empezaches, erades moi poucas mulleres. Por que decidiches estudar esa enxeñería?
 
R: No bacharelato gustábanme as matemáticas e a física, resolver problemas. Así que cando coñecín estes estudos, souben que as dúas disciplinas se incorporaban como fundamentais nas enxeñarías. Ademais, as boas saídas laborais e que podía estudar en Vigo fixéronme tomar esa decisión.

P: Que consello lle darías a unha muller que quere dedicarse á docencia ou á investigación no ámbito universitario? Cales son as principais dificultades coas que se vai atopar?
 
R: As dificultades que atopa unha persoa que se incorpora á investigación na universidade céntranse na precariedade dos contratos, o que deriva na imposibilidade de ofrecer estabilidade por parte dos centros e grupos de investigación aos novos doutores e doutoras. Por outra banda, o relevo xeracional non se está a estudar como se debería, tendo en conta a súa importancia e o parón en contratacións pola crise económica nos anos pasados. Todo isto fai que as mulleres nesa situación teñen que pensar se realmente poden conciliar a vida familiar co traballo e, en moitos casos, deciden pospoñer a súa maternidade co custo persoal que supón. E co problema social engadido dunha sociedade, a galega, moi envellecida. Igualmente, as mellores ofertas económicas e de carreira profesional noutros países fan que a fuxida de moitas e moitos titulados e investigadores doutores sexa constante. Penso que só persoas cunha clarísima vocación investigadora poden dedicarse a isto. Aconsellaríalles que analizasen ben a realidade e estudiasen as posibilidades reais que poden ter na universidade.
 
P: O número de mulleres nas carreiras técnicas segue sendo moi inferior ao de homes. Cales poden ser as causas e que se pode facer para cambiar esa dinámica?
 
R: A asociación das carreiras técnicas con empregos e carreiras profesionais duras, frías, masculinizadas, creo que é moi común. A realidade, con poucas mulleres nelas, fai que siga percibíndose así, xunto cunha grande cantidade de estereotipos. Non é doado. É un tema cultural cheo de prexuízos que non se muda rápido nin de forma sinxela. Creo que darlle visibilidade á realidade de moitas enxeñarías en canto ás súas aplicacións, que nacen por e para resolver problemas, que axudan a que o benestar e a vida sexan máis confortable, axudaría neste labor. É necesario, tamén, informar ás persoas máis novas e ás súas familias de que o técnico é un ámbito profesional de desenvolvemento persoal e social moi interesante e cunha altísima oferta laboral dentro e fóra do país.
 
P: Cales son os principais retos no ámbito da igualdade na universidade?
 
R: Na universidade, a nivel formal, a igualdade en dereitos é un feito. Pero se representamos a distribución homes/mulleres por categorías aparece a forma de tesoira deixándonos ver que a porcentaxe é moi menor en posicións laborais con contrato fixo, e decrecendo nas categorías profesionais máis altas. Isto pasa en tódolos ámbitos, no científico e no tecnolóxico, pero tamén no de humanidades, onde o persoal está máis feminizado. Varias normativas como a de acreditación, por exemplo, fixeron que o número de catedráticas medrara moi considerablemente nos últimos anos. Queda pendente resolver o problema da precariedade, realmente serio polas consecuencias que ten nos investigadores, e máis aínda nas investigadoras, pero tamén na propia institución.
 
P: Un dos principais problemas para avanzar na igualdade é a falta de referentes femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía. Que medidas habería que tomar para cambiar esa situación?
 
R: Creo que a visibilidade é unha delas. Hai moitos proxectos que se dedican a tratar de cambiar esa realidade. O problema é o tempo que se tarda en ver os resultados e, sobre todo, cantos estereotipos seguen a estar fixados en libros, contidos audiovisuais, personaxes de ficción, etc. A mellor medida é, polo tanto, traballar proactivamente en cambiar eses contidos, esa información, esa manipulación e desinformación que recibimos.
 
P: A educación primaria e secundaria son claves á hora de incentivar as carreiras científicas. Que se pode facer para incentivar alí as carreiras tecnolóxicas e científicas?
 
R: Darlle visibilidade ás mencionadas referentes de diferentes idades e posicións axuda a que as rapazas se identifiquen e a que os rapaces o vexan como algo normal. A aceptación do grupo é moi importante nas idades en que se deciden estes comportamentos. Penso que é moi importante a revisión do material de estudo na aula. Temos que ser conscientes de que os contidos audiovisuais marcan moito na adolescencia. O traballo ten que facerse de maneira temperá para que as vocacións esperten e non se condicionen. Resulta fundamental a implicación das familias e das escolas porque é neses primeiros anos onde todo está por definir. É preciso que as rapazas non pensen que só as mulleres moi esforzadas e valentes poden, que non é cousa de heroínas, senón que se pode se queremos. Moitas das mulleres neses ámbitos teñen un rendemento académico superior ao dos homes e poderán seguir a ter unha carreira profesional tan destacable, ou máis que eles, se conseguimos que a desigualdade desapareza.
 
P: Acabas de participar nunha campaña na TVG arredor da presenza das mulleres no ámbito das TIC. Que papel deben xogar os medios de comunicación para axudar no avance cara a igualdade?
 
R: É fundamental tanto para a formación de estereotipos como para cambialos. É preciso que desde os medios se contacte con referentes femininas para facer fincapé na súa visibilidade. Se vemos que as expertas falan de todo tipo de temas, que as directivas de empresas e as coordinadoras de proxectos saen nos medios co seu nome e cargo, teremos moito camiño feito. Así moveremos as ideas e mudaremos as mentalidades.
 
P: Nese mesmo ámbito, adoitas colaborar co CESGA na celebración do Día das Rapazas nas TIC. Como foi a edición deste ano e cal é a mensaxe central que lle trasladáchedes ao estudantado que participou nel?
 
R: Esta foi a décima edición do CESGA. Están sempre moi involucrados e é de agradecer a súa contribución. Houbo máis de 1.000 estudantes de secundaria conectados, iso fai que sintas a responsabilidade da mensaxe que vas transmitir. Todas tratamos de amosarnos como somos, dándolle normalidade ao que moitas veces son carreiras profesionais pouco comúns entre mulleres, pero só polo número, non pola capacidade. Queremos que nenas e nenos entendan que querendo, pódese. Dicímoslles que as TIC son un campo en grandísima expansión, que penetra en moitos sectores e que se precisan profesionais constantemente. Son carreiras con moitas aplicacións na vida real e alí contamos algunhas delas para facerlles ver a realidade que é, moitas veces, descoñecida.
 
P: Falando das e dos máis pequenos, cal é o papel na familia no camiño cara a igualdade?
 
R: Persoalmente penso que sempre foi moi importante e, neste momento, aínda máis polo que din os números: hai moi poucas nenas e nenos nas casas. Debemos conseguir que as familias rompan con estereotipos de xénero, que rematen os prexuízos e que desde a infancia se coiden cuestións como os xoguetes que se lles dan ou a información que se lles comparte. Escola e familia deben ir xuntas na educación. O exemplo na casa é fundamental para a educación en igualdade.
 
P: Es vicedecana do Colexio de Telecomunicación de Galicia. Cal é o papel desta institución e que se está a facer para fomentar a igualdade nunha carreira tradicionalmente masculina?
 
R: Unha das tarefas importantes do COETG é a difusión da profesión e o seu coidado. Tratamos de colaborar na visibilidade de profesionais á vez que colaboramos con outras entidades nesa mesma liña. Unha das preocupacións é a caída de vocacións tecnolóxicas, ademais de que estamos a ver unha baixada na ratio de mulleres que entra nestes estudos. Dende o Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación (COIT) estanse a facer actividades para promover o papel da muller, como o Premio Pioneras IT, que vai xa pola súa terceira edición. Tratamos de dar visibilidade e de incentivar actividades nas que as profesionais poidan destacar pero teño que dicir que os números non nos axudan.
 
P: Outro dos problemas é a falta de directivas de empresas tecnolóxicas, postos que normalmente están ocupados por homes. Estase producindo un cambio neste ámbito ou aínda queda moito por facer?
 
R: Queda moitísimo por facer. Neste tipo de empresas tan masculinizadas é aínda moito máis complicada a igualdade. As redes masculinas están moi marcadas, o que dificulta o acceso a postos de responsabilidade. Hai que mellorar a lexislación para que deixe de ser unha anécdota que unha muller sexa directiva nestas empresas ou en calquera outra.
 
P: Formas parte da directiva de PuntoGal e fuches a primeira directora xeral do dominio. Que importancia ten PuntoGal na construción dunha Galicia conectada e na defensa da lingua e a cultura do país?
 
R: PuntoGal é un proxecto asombrosamente incluínte na sociedade galega. O seu labor como aglutinador e como conector de diferentes ámbitos é moi relevante, e pode selo moito mais nun futuro inmediato. A defensa da lingua e o traballo en prol da cultura nunca é pouco, é moi necesario, máis aínda neste momento en que a globalización fai que as minorías queden silenciadas. PuntoGal é un apelido na rede que localiza e sinala o noso e esa diferenciación debería ser apreciada polas empresas. O labor de difusión e información que fai é moi salientable porque está contribuíndo a construír unha cultura na que o galego representa o noso xeito de facer, de innovar, de deseñar dende a perspectiva propia e coas nosas capacidades postas a proba como a historia ben nos amosa. Por outra banda, o dominio inclúe máis de 100 entidades e asociacións de todo tipo. O seu papel como catalizador de proxectos transversais e multidisciplinares pode ser moi relevante e a súa posición pode convertelo co tempo nun ágora de encontro onde a cultura do país e a súa lingua sexan o eixo para un desenvolvemento e un crecemento social e económico efectivo.
 
P: Como vogal da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, que destacarías do seu labor?
 
R: A unidade de Muller e Ciencia organiza un premio anual para recoñecer a unha referente, impulsando así a visualización de mulleres cun currículum extraordinario. Ademais, realiza exposicións e guías docentes sobre as premiadas de forma que se pode afondar no seu coñecemento na escola. A Unidade ten como función a de promover o incremento da presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxicos, poñendo de manifesto a importancia da perspectiva de xénero na investigación. Participa nos plans de igualdade que se elaboran na Xunta de Galicia. Ten moito traballo por facer e, por exemplo, pode axudar a coordinar moitos proxectos que se fan de xeito illado, dándolle continuidade aos que teñan mellores resultados. A súa nova web tamén axuda moito a proporcionar datos sobre mulleres para o coñecemento de toda a cidadanía.
 
P: En que se está a traballar na Cátedra de Feminismos 4.0. da Universidade de Vigo, da que formas parte?
 
R: Estou (e moi ben acompañada, somos 15) no Comité de Sabias dentro da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo. A súa actuación céntrase en perseguir unha maior presenza, participación e visibilidade das mulleres na sociedade dixital. Levamos pouco tempo e estase a traballar na identificación de retos para definir as accións que impulsen unha igualdade real e efectiva no mundo dixital. 
 
P: Levas xa unha importante carreira no ámbito universitario. Na túa opinión, cales son as principais deficiencias da Universidade a nivel xeral? Que habería que facer para fomentar a investigación, mellorar a calidade e darlle estabilidade ás novas xeracións de profesoras/es e investigadoras/es?
 
R: Hai uns meses cumprín 30 anos dando clases na universidade, daquela a de Valladolid, onde comecei a traballar, e aínda penso que non a coñezo tan ben. Os ámbitos, os centros, a realidade é moi diversa e variable así que é difícil falar a nivel xeral con certa obxectividade. Creo que agora mesmo un problema moi grande para o futuro é o relevo xeracional, que non se está a dar pero está aí preto. Outra deficiencia é a escasa valoración “de facto” da docencia, posto que o impulso, o premio están sempre na parte investigadora. Outro problema que naceu hai tempo, e parece aínda aumentar, é a excesiva burocratización na academia, a tódolos niveis. Creo que desde a administración se deben establecer medidas obxectivas que contribúan á estabilización dos e das investigadoras para traballar nese relevo xeracional e facilitar o acceso das persoas máis novas.
 
O pouco valor que se lle da a investigación en España é algo tan arraigado que parece case imposible cambialo. Deberiamos mirar cara outros países e modificar a lexislación, formando e potenciando activamente a investigación tanto no ámbito universitario como no mundo empresarial, onde ten moi pouca presenza. O seguimento e control das subvencións, axudas, pero tamén dos produtos e servizos financiados nos proxectos e nas diferentes convocatorias, debería axudar a que o rendemento real dese traballo tan bo sexa moito maior. É precisa unha aposta clara da administración por liñas de traballo a longo prazo, con achega de investimentos reais e de persoal.
 
P: En que proxectos académicos ou de investigación estás traballando actualmente?
 
R: Na docencia estou vinculada á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e imparto docencia de grao e de mestrado. Relacionado indirectamente coa docencia participo no programa de mentorización da escola e tamén en proxectos Erasmus para potenciar o desenvolvemento de competencias transversais (soft skills, na súa denominación anglosaxona) porque realmente creo que a formación de novas persoas tituladas a universidade debe ser completa, tratando de axudarlles a medrar non só no ámbito puramente técnico senón tamén en habilidades que se precisan no seu desenvolvemento profesional (e persoal) como son a comunicación, o traballo en equipo, a resolución de problemas ou como afrontar os medos.
 
No eido da investigación pertenzo ao centro atlanTTic e estou no grupo de investigación de Sistemas de Radio onde participo en proxectos relacionados coas comunicacións. As miñas liñas de investigación teñen que ver coa análise e deseño de antenas, así como nos radares de penetración, especialmente nunha aplicación na detección de tumores de cancro de mama.

 

(Foto da entrevistada: cedida por Xesús Madriñán)