Carme Pampín “Desde o rural tamén se pode facer investigación e colaborar co resto do mundo”

Galchimia Carmen Pampín

Carme Pampín, Cofundadora e CEO de GalChimia 

 

Carme Pampín é doutora en Química e cofundadora de GalChimia, unha empresa biotecnolóxica galega pioneira na síntese orgánica, con sede en Touro (A Coruña). Fundada no ano 2001, GalChimia consolidouse como referente internacional no desenvolvemento de procesos químicos para a industria farmacéutica, mantendo sempre unha clara aposta pola I+D+i, a internacionalización, a innovación, a igualdade e a conciliación. Ademais, Pampín foi presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga) entre 2010 e 2023 e participa activamente noutras iniciativas como DATALife. Nesta entrevista reflexiona sobre os inicios da compañía, os retos da biotecnoloxía galega e a súa traxectoria como muller directiva no sector científico. 

P. Cando fundou GalChimia en 2001, imaxinaba que chegaría a converterse nun referente internacional? Cal era a súa visión inicial da empresa? 

Cando fundamos a compañía no ano 2001, un dos principais obxectivos era a creación de emprego, en primeiro lugar para os promotores, pero tamén converternos nunha saída profesional para as doutoras e doutores en Química que saían das universidades galegas cada ano, contribuíndo desa maneira á creación de emprego cualificado e á retención de talento. Sempre tivemos claro que a empresa debía ter proxección internacional, pero tamén aprendemos que para ser referente internacional primeiro debes gañar a confianza do mercado nacional. 

P. Para que GalChimia chegase ata onde está agora. Que momentos foron claves na súa traxectoria? Houbo decisións especialmente difíciles ou determinantes? 

En calquera nova empresa é clave o primeiro cliente, e para GalChimia non foi unha excepción, tivemos a sorte de empezar a traballar desde os inicios con dúas das principais empresas farmacéuticas a nivel nacional (Almirall e Esteve). Neses momentos iniciais nos que a ilusión compensa a falta de experiencia, tamén é fundamental a colaboración público-privada, e para nós foi clave a participación no proxecto Genius Pharma do programa CENIT do CDTI, proxecto liderado polas 3 farmacéuticas máis importantes do país (Almirall, Esteve e Uriach). Esta colaboración foi sen dúbida un pulo importante para posicionarnos no mapa nacional e o preámbulo da saída ao mercado internacional. 

Outro momento clave foi o lanzamento do Plan de Internacionalización no 2012, xa que en 10 anos pasamos do 15% ao 75% de facturación internacional. 

Por outro lado, a inauguración no 2020 dos novos laboratorios con sede en Touro supuxo un fito importante para afianzar o crecemento e a competitividade a nivel internacional. Contamos con 1.000 m2 de laboratorios que acollen equipamento de última xeración en tecnoloxías químicas e nos permiten demostrar que desde o rural tamén se pode facer investigación e colaborar co resto do mundo. A pura definición de “Dende Galicia para o mundo”! 

E, sen dúbida, outro pilar importante na evolución da empresa foi a aposta pola I+D+i propia. Non sempre foi doado, pero desde moi cedo decidimos reinvestir de forma sostida unha porcentaxe dos ingresos en proxectos de I+D+i. Esta aposta, ademais de posicionarnos como líderes europeos en síntese química no campo de Descubrimento de Fármacos levounos a creación de varias compañías co obxectivo de desenvolver os nosos propios programas de Química Médica. 

No 2017 creamos Origo Biopharma co obxectivo de centrarse no descubrimento de fármacos para o tratamento da enfermidade de Crohn, cancro de colon e fibrose idiopática pulmonar. No 2021, Origo foi adquirida polo grupo belga, Agomab Therapeutics, que con esta operación incorporou ao seu porfolio o proxecto para enfermidade de Crohn, xa en fase Clínica I, e outro en fase preclínica regulatoria para fibrose pulmonar. 

A día de hoxe ambos proxectos continúan activos no porfolio de Agomab e progresan adecuadamente en fase clínica en pacientes en todo o mundo para tratar enfermidades de gran relevancia. Ademais o equipo orixinal de químicos segue involucrado nos proxectos e traballando desde Touro para conseguir sacar adiante un fármaco “made in Galicia”. 

A finais do 2024 constituímos Iteria Biopharma, unha compañía centrada no descubrimento e desenvolvemento de fármacos contra o cancro. Comezamos esta nova andadura con gran ilusión e a experiencia gañada con Origo. 

P. O proceso de descubrimento de fármacos é longo e custoso. Como afronta GalChimia os retos de innovación para seguir sendo competitiva nun sector tan esixente?

Efectivamente, o proceso de descubrimento e desenvolvemento de fármacos require de grandes investimentos e non está libre de riscos, en calquera momento o proxecto pode caerse por diferentes motivos. Por tanto, é moi importante contar con estratexias que axuden a minimizar os riscos inherentes ao sector. 

Na nosa experiencia en programas de descubrimento propios, está sendo clave contar cun equipo fundador formado por “emprendedores en serie”, con ampla experiencia empresarial e valores comúns. Na parte técnica é fundamental conformar un equipo de investigadores altamente especializados e con capacidade para integrarse en equipos multidisciplinares. A terceira pata sería contar con investidores que ademais do apoio financeiro aporten valor á compañía. 

P. O ecosistema biotecnolóxico galego medrou moito nos últimos anos. Que diferenzas observa respecto ao panorama de hai dúas décadas? 

Sobre todo no número de empresas e na proxección nacional e internacional que estamos acadando entre todos. Cando empezamos eramos moi poucos e había pouca interconexión, tamén era difícil conseguir colaboradores e profesionais expertos, normalmente había que saír de Galicia ou incluso de España para atraer o talento necesario ás empresas. Aínda queda marxe pero desde logo hoxe en día a situación é moito máis favorable, por exemplo, algo tan sinxelo como que agora o ecosistema ten a masa crítica suficiente para organizar a asistencia conxunta a eventos internacionais, promover proxectos de I+D+i conxuntos... 

P. Como presidenta de Bioga entre 2010 e 2023, cales cres que son os desafíos principais para a biotecnoloxía galega no contexto global? Que medidas serían necesarias para fortalecer o sector? 

O sector experimentou un desenvolmento incrible nas dúas últimas décadas, durante varios anos posicionámonos como a primeira comunidade a nivel nacional en creación de empresas biotecnolóxicas. Desde o meu punto de visto o seguinte reto sería a consolidación destas empresas, conseguir que medren de forma sostible. O valor da aposta polo emprendemento universitario a principios dos 2000 tivo o seu impacto e a día de hoxe contamos con exemplos de compañías que non só son líderes a nivel internacional senón que ademais actúan como catalizadores para o ecosistema impulsando a creación de novas compañías e aportando o coñecemento e experiencia que permiten acelerar o proceso e minimizar os riscos. 

P. GalChimia colabora con universidades e centros de investigación. Que importancia teñen estas sinerxías para o desenvolvemento da empresa? 

Desde a base de que o negocio de GalChimia é a I+D+i está claro que a colaboración con centros de coñecemento é importante. Colaboramos con universidades e centros de investigación de moitas partes do mundo, pero sen dúbida a sinerxía máis relevante é coas universidades galegas que nos nutren de químicas e químicos cunha formación de primeiro nivel. 

P. Como valora o apoio institucional e o financiamento dispoñible para proxectos biotech en Galicia? Hai marxe de mellora? 

En materia de financiamento sempre hai marxe de mellora, por suposto. Pero debo dicir que en Galicia nos últimos ano acadáronse fitos importantes como a Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía, seguida da Estratexia de Consolidación, que supuxeron un pulo importante para as compañías de base científico-tecnolóxica. 

Esta aposta conxunta do Goberno galego e do sector biotech foi clave para impulsar proxectos biotecnolóxicos que requiren de elevados investimentos, onde os tempos de desenvolvemento son longos e o risco elevado. 

Un exemplo que non podo deixar sen mencionar é a convocatoria CONECTA-PEME da Axencia Galega de Innovación, un programa a medida para as empresas galegas que fomenta a colaboración público-privada e permite levar proxectos de investigación a fases máis avanzadas e próximas a mercado. Esta convocatoria foi clave para nós no desenvolvemento do proxecto que dou lugar á spin-off Origo Biopharma. 

Por suposto, sempre se pode mellorar e neste apartado pediría constancia, algunhas liñas de axudas funcionan ben e aportan valor, hai que mantelas. Tamén é importante avanzar cara a simplificación administrativa á hora de xustificar as axudas. 

P. A conciliación e a igualdade de oportunidades son aspectos que defende activamente. Como se traballan estes valores dentro de GalChimia? 

A nosa motivación principal é a de ofrecer produtos e servizos de alto valor engadido para os nosos clientes e colaboradores, para elo requírese contar cun equipo de profesionais altamente cualificados e altamente motivados para desenvolver a súa carreira profesional no eido da investigación. E iso é exactamente o que buscamos cando realizamos os nosos procesos de selección: profesionais coas competencias axeitadas para sacar adiante os retos e aportar solucións aos problemas que nos plantexan os nosos clientes, o xénero non é un factor a ter en conta. 

No ámbito das ciencias, e da química en particular, existe unha alta porcentaxe de mulleres, co cal o normal é que o cadro de persoal sexa maioritariamente feminino e iso conleva de forma natural a que tamén haxa unha maior representación de mulleres en postos directivos en GalChimia. 

Internamente promovemos políticas que favorezan a conciliación entre a vida persoal e profesional do noso equipo, o cal repercute nun equipo altamente comprometido e motivado. 

P. O sector biotech conta cunha porcentaxe elevada de mulleres en I+D+i, pero a presenza en postos directivos segue sendo menor. A que cre que se debe esta fenda? Como se pode corrixir? 

A nivel directivo, as esixencias de tempo e esforzo persoal son maiores, e por iso é fundamental ofrecer horarios racionais e medidas de conciliación que promovan unha vida persoal e profesional equilibrada. En calquera caso, non chegaremos á igualdade de oportunidades ata que haxa un reparto real das responsabilidades familiares entre homes e mulleres. 

O sector da biotecnoloxía require profesionais altamente cualificados, e estes son valorados máis polo seu talento e as súas capacidades técnicas que polo seu xénero ou factores persoais. Este debe ser o punto de partida para construír empresas máis igualitarias e un mercado laboral que ofreza igualdade de oportunidades para todos os profesionais. 

P. Desde a súa experiencia, atopouse con obstáculos no seu camiño profesional por ser muller? Como os superou? 

A verdade é que a miña experiencia persoal neste aspecto é positiva, nos case 25 anos como CEO de GalChimia e como promotora de diversas iniciativas empresariais ou formando parte da directiva de asociacións tanto rexionais como nacionais non me atopei con ningún obstáculo por ser muller. 

É certo que é un reto compaxinar a vida persoal e a profesional, sempre hai unha parte de sacrificio. Pero non debería ser diferente para unha muller ou para un home. A conciliación é a clave e para iso creo que tanto a empresa privada como a administración pública deben traballar xuntas para crear as condicións axeitadas que convertan a conciliación nunha realidade asequible e accesible para todas e todos. 

P. A innovación e a tecnoloxía avanzan a gran velocidade. Como ve o futuro de GalChimia e do sector biotecnolóxico galego nos próximos anos? 

En GalChimia temos claro que imos seguir apostando pola I+D+i, desde os inicios ese foi un dos pilares fundamentais do noso crecemento, xunto coa internacionalización e a especialización. O sector biotecnolóxico está en fase de crecemento e expansión tanto a nivel rexional como internacional, e creo que nos vindeiros anos Galicia conseguirá posicionarse como Biorrexión de referencia internacional actuando como panca de progreso económico, social e tecnolóxico. 

P. Como compaxina a dirección dunha empresa en crecemento con outras responsabilidades, como a presidencia de Bioga ou a súa participación en DATALife? 

Non vou negar que ás veces a miña axenda é un pouco caótica e o nivel de esixencia vaise incrementando con cada nova responsabilidade. Pero creo que as funcións que desempeño nas diferentes iniciativas son importantes e que están axudando a marcar unha diferencia. Só por iso merece a pena o esforzo. Por outro lado, a única forma que coñezo de sacar proxectos adiante e non morrer no intento é rodearme de profesionais excelentes e comprometidos, que me dean soporte para poder levar a cabo cada unha das funcións. 

P. Se puidese darlle un consello á Carme Pampín de hai 20 anos, cal sería? 

Uf, que complicado… Non sabería que consello darme porque aínda estou en proceso de aprendizaxe; esta é unha carreira de fondo que require grandes doses de resiliencia, ilusión e esforzo. O meu consello sería desfrutar de cada etapa do camiño e non desanimarse coas dificultades que van xurdindo (máis doado de dicir que de facelo…).