Begoña Vila: “Co telescopio James Web veremos imaxes e espectros de obxectos nunca vistos ata agora”

Begoña Vila

* “Aínda que non dea a resposta definitiva, co James Webb vaise avanzar na procura da resposta   á eterna pregunta de se hai vida noutros planetas”

* “É un privilexio traballar cunha morea de xente moi boa nos seus campos e de moitos países, unha colaboración internacional cun obxectivo común”

* “Os avances que se fan para enviar telescopios ao espazo acaban beneficiando o noso día a día na Terra”

* “Cando empecei había poucas mulleres no meu campo e cando es nova vives momentos moi duros, sobre todo cando es a única muller”

O seu interese polo universo guiou e guía a carreira académica e profesional de Begoña Vila Costas (Vigo,1963), hoxe en día enxeñeira de Sistemas de Instrumentación para o telescopio James Webb no Centro Goddard da NASA.

Licenciada en Físicas pola Universidade de Santiago (USC), especializouse en Astrofísica no Instituto de Astrofísica de Canarias e, máis tarde, realizou o seu doutoramento no centro Jodrell Bank de Manchester, onde investigou sobre galaxias espirais. No 2006 marchou a Canadá onde traballou en empresas ligadas á Axencia Espacial de Canadá para, de seguido, dar o salto á NASA.

Citada como referente no eido da ciencia, da tecnoloxía e da innovación en numerosas ocasións, Begoña Vila anima ás mozas a soñar e a loitar polos seus soños. Recoñecida internacionalmente tamén na súa terra, recibiu o Premio María Josefa Wonenburger Planells, que outorga a Xunta de Galicia, no ano 2017.

P: O 11 de marzo o James Webb -que foi lanzado ao espazo o pasado 25 de decembro-  completou a súa rolda final de axuste da aliñación de espellos e xa nos deixou unha primeira imaxe nítida dunha estrela… todo vai segundo o previsto?

R: Despois de que os espellos estiveron aliñados, comezaron as operacións polo miúdo para calibrar todos os instrumentos do James Webb (JWST- James Webb Space Telescope). Tomáronse datos de referencia nos detectores para cada un dos modos de observación e comprobouse que todos os mecanismos funcionaran de xeito correcto. En abril tamén chegaron os instrumentos ás súas temperaturas finais de operación e comprobouse a súa estabilidade.

P: Cales foron e son os momentos críticos que teñen marcados na axenda do James Webb ata que estea plenamente operativo?

R: A un alto nível, o lanzamento, todos o despregamentos críticos do primeiro mes -panel solar, antena, parasol, espellos, etc.-  e as correccións de traxectoria necesarias para chegar ao lugar axeitado (punto L2); o aliñamento dos espellos; a posta a punto dos instrumentos de forma controlada e a súa estabilización a ~ 40 K (-233 C) e tamén as fases de arrefriado do instrumento MIRI que chegou aos 6K (-267C); as operacións do instrumento de guía e do sistema de control de altitude;  e as múltiples calibracións e operacións do resto de instrumentos do James Webb.

No período de operacións subiranse os plans das observacións científicas a bordo semanalmente e, a diario, seguirase a comprobar a saúde de todos os compoñentes do observatorio e a supervisar as operacións.

P: Comeza a mirada cara atrás no tempo. Cando chegaremos a eses momentos inmediatamente posteriores ao Big Bang, que agardan atopar? Que lles sorprendería ver?

R: Veremos imaxes e espectros de obxectos nunca vistos ata agora, grazas a sensibilidade incrible deste observatorio. Aparte da ciencia para a que foi deseñado o JWST - observación das primeiras galaxias e estrelas no Universo; a súa evolución no tempo; o estudio de zonas de formación estelar e planetaria; o estudo das atmosferas de exoplanetas; observacións de obxectos no noso sistema solar…- penso que teremos algunhas sorpresas de cousas que non agardamos e que nos axudarán a aprender máis do Universo no que vivimos.

P: Que esperan chegar a coñecer da formación das estrelas e das galaxias?

R: Os datos do JWST axudarán a validar modelos de formación e evolución estelar e de galaxias. Xa sabemos que as galaxias primordiais son distintas da galaxia na que vivimos, houbo un período de evolución e interacción entre elas. Agora sabemos que todas ou case todas as galaxias teñen buracos negros nos seus centros, pero non sabemos como se formaron. As primeiras estrelas no universo foron moito máis masivas que as que se forman agora e nas súas explosións de supernovas enriqueceron o medio interestelar. Os astrónomos poderán estudar esa época e tamén as zonas de formación estelar máis recentes.

P: Pensa que os datos que recolla permitirán responder á eterna pregunta de se estamos sós? Hai vida noutras partes do universo?

R: Aínda que non dea a resposta definitiva, vaise avanzar na procura da resposta. Hai uns 30 anos non sabiamos se outras estrelas tiñan planetas arredor; agora coñecemos centos de exoplanetas. O JWST seguirá esa busca, mais tamén pode observar a atmosfera de eses exoplanetas e estudar a súa composición para ver se teñen ou non elementos que son necesarios para a vida que coñecemos (auga, metano, dióxido de carbono, …). Será un pasiño máis para saber como de común é unha atmosfera como a da Terra.

P: O telescopio James Webb ten detrás case 20 anos de traballo, compromiso e colaboración de centos de científicos, axencias espaciais e empresas. Como é estar nun proxecto que xa hoxe en día é un fito da exploración do Universo?

R: Levo traballando no JWST dende 2006 e foi, e segue sendo, unha experiencia incrible. É un privilexio traballar cunha morea de xente moi boa nos seus campos e de moitos países, unha colaboración internacional cun obxectivo común. Viaxei co telescopio nas probas por moitos sitios, con moitas horas de preparación para cada unha desas probas, moitas horas na execución e enfrontando retos, pero tamén vivín momentos moi especiais a medida que se cumprían con éxito os obxectivos. E agora, desfrutando no período de comisión co equipo vendo realizados eses obxectivos. Gústame ir a traballar cada día.

P: O James Webb supón un gran reto para a ciencia e para a tecnoloxía e cunhas implicacións aínda por descubrir, pero podemos falar xa de aplicacións cotiás derivadas do coñecemento que hai detrás del?

R: Os avances que se fan para enviar telescopios ao espazo acaban beneficiando o noso día a día na Terra. Por exemplo, no caso do JWST, o proceso de medición e aliñación dos espellos úsase na medicina para medir con moita precisión e poder corrixir mellor algúns problemas dos ollos; os detectores e circuítos que os controlan empréganse noutras misións e observatorios na Terra; igualmente utilízanse algúns dos materiais deseñados para ser lixeiros e tolerar ben cambios de temperatura moi grandes ou as tecnoloxías desenvolvidas para a medición de movementos de alta velocidade, etc.

P: Cal foi o camiño académico e profesional que tiveches que percorrer para chegar á NASA e chegar a ser unha peza clave na organización: enxeñeira xefa de sistemas de instrumentación do telescopio James Webb?

R: Foi un camiño lento, andado pasiño a pasiño. Estudei a carreira de Físicas especializándome en astrofísica, facendo a tese fóra de España e continuando o traballo na Universidade e logo na empresa privada. Sempre tratei, e sigo tratando, de facer ben o meu traballo. E tamén é verdade que traballo moitas horas. Gústame aceptar responsabilidades e cumprilas, buscar oportunidades e seguilas cando xorden. É importante non ter medo aos cambios e non desanimarse cando, ás veces, as cousas non saen como queremos e á primeira.

P: É muller no mundo da ciencia no que o sesgo de xénero está moi presente. Tivo que superar atrancos engadidos por ser muller? Pensa que gozou dunha igualdade de oportunidades real?

R: Cando empecei había poucas mulleres no meu campo e cando es nova vives momentos máis duros, sobre todo cando es a única muller na reunión ou presentando algo nunha habitación chea de homes. Co tempo chegas a afacerte e xa non o notas pero, ao principio, en ocasións, non foi sinxelo. Si, tiñas que traballar un pouco máis para que aceptaran a túa contribución e sempre tes algunha anécdota de cousas que puideron ser distintas. Hoxe en día somos un 25% de mulleres nestas profesións e é importante seguir adiante para ter unha representación máis diversa.

P: Que mensaxe lle transmitirías ás nenas e mozas que soñan con ser científicas? E a aquelas que non se atreven a soñalo porque pensan que “é moi difícil”, que “é para homes”?

R: Animaríaas a seguir cara adiante, estudando o perseguindo o que lles gusta. Malia que algunhas cousas semellan difíciles, é cuestión de perseverar. O certo é que non hai nada que sexa "para homes" ou "para mulleres", é dicir, temos capacidades iguais. Diríalles que todos temos días non tan bos e semanas onde parece que as cousas non van ben, pero aí é cando é importante non desanimarse e continuar cara adiante, lembrando ese soño que teñen. Eu diríalles que elas son os modelos paras nenas que veñen detrás e que é importante non perder o desexo de aprender cousas novas.

P: Como poden exemplos de éxito como o teu contribuír a que a xente nova teña unha mirada sen prexuízos de xénero das disciplinas STEM?

R: É moi importante ver xente que se parece a nós en distintos traballos porque é a inspiración para pensar que si esa persoa puido chegar alí, nós tamén podemos. No meu caso, estou moi contenta de contribuír un pouco a animar ás rapazas a seguir calquera carreira de STEM que lles guste, a que non teñan ningunha dúbida de que o poden facer. Gústame tamén falar de STEAM, engadindo as artes, xa que a moitos científicos gústanos ler, tocar algún instrumento, escribir, pintar, etc.

P: Tamén foi a voz que guiou o programa especial da NASA en español durante o lanzamento do telescopio, como viviu esta experiencia divulgadora?

R: A divulgación encántame. Penso que a NASA fai un traballo de divulgación moi bo, a moitos niveis, e sempre gozo participando en propostas neste eido.  Gustoume que pensaran en presentar o lanzamento do JWST en español e estou moi orgullosa e contenta de ter ese papel. Desfruteino moito e foi especial tamén, sendo o lanzamento no Nadal, ao pensar na miña nai e familia en España pois foi un pouquiño como si estivéramos vivindo ese momento xuntas.