Andrea Muras: “A ciencia necesita de mentes curiosas para facela”

Andrea Muras: “A ciencia necesita de mentes curiosas para facela”
  • “Unha poboación informada tomará mellores decisións”.

Investigadora en microbioloxía e divulgadora científica, Andrea Muras está especializada no comportamento das bacterias e na loita contra a resistencia aos antibióticos. O seu traballo combina a investigación de vangarda coa difusión accesible do coñecemento científico a través de proxectos como Ciencia Miúda. Consciente do impacto que a ciencia pode ter na sociedade, Andrea destaca a importancia de educar e informar para previr a desinformación e mellorar a comprensión pública sobre temas tan cruciais como as infeccións bacterianas e a saúde global. Ao longo desta entrevista, coñecemos o seu percorrido profesional, os desafíos da súa investigación e divulgación, e a súa visión sobre o futuro da microbioloxía.

P. Como xurdiu o teu interese pola microbioloxía e que te levou a especializarte no comportamento das bacterias?

O meu interese pola microbioloxía xurdiu nos meus anos universitarios. Creo que contei con moi boas profesoras que me permitiron descubrir o incrible mundo das bacterias. Ademais, en cuarto de carreira puiden adentrarme nun laboratorio de microbioloxía ao facer un traballo academicamente dirixido (TAD) sobre o feito de que interromper a comunicación das bacterias podería previr enfermidades infecciosas. Sen dúbida ese foi un punto de inflexión.

P. Poderías explicar en termos sinxelos cal é o maior reto na loita contra as superbacterias e por que é tan importante previr as infeccións por microorganismos multirresistentes?

O maior reto na loita contra as superbacterias é que non basta con actuar só nun ámbito. Este é un problema que hai abordar dun xeito conxunto dende a medicina, a veterinaria e o medio ambiente ao mesmo tempo porque a saúde das persoas, dos animais e do planeta están conectadas. Isto coñécese como nome de "One Health".

A perigosidade das superbacterias radica en que poden causar infeccións moi difíciles de tratar (ou mesmo imposibles), aumentando moitísimo o risco de complicacións e morte. Ademais, hai que ter en conta que se os antibióticos deixan de funcionar, moitos tratamentos médicos modernos pasarán a ser tremendamente arriscados. Imaxina un mundo sen poder facer cirurxías como os transplantes de órganos ou as cesáreas.

P. Ademais do teu traballo como investigadora, tamén te dedicas á divulgación científica a través de Ciencia Miúda. Que te motivou a crear este proxecto e como valoras o impacto que está a ter nas redes sociais?

Gústame falar e gústame a ciencia así que para min ten moito sentido que xurdira un proxecto como Ciencia Miúda que permíteme contar cousas sobre ciencia como eu adoito contarllas aos meus amigos. Sempre intento empregar curiosidades e datos sorprendentes que parecenme interesantes para compartir. Saber que o que fago esperta curiosidade e axuda a xente a comprender mellor o fascinante mundo das bacterias paréceme incrible.

P. A través de Ciencia Miúda, tratas de achegar a ciencia dun xeito accesible. Houbo algunha anécdota ou reacción do público que te impactase especialmente?

Unha das cousas que adoita sorprender máis aos adultos e a capacidade que teñen as bacterias para comunicarse, que teñan a súa propia linguaxe. Unha vez que estaba dando un dos meus primeiros faladoiros para nenos e nenas de primaria dixenlles coma sempre: Sabíades que as bacterias poden comunicarse e falar entre elas? E a rapazada respondeume que claro! Por que as bacterias non ían ser quen de falar?

Esta anécdota encántame porque creo que reflicte a perfección como a curiosidade e a mente aberta da rapazada poden darnos auténticas leccións. Moitas veces, os adultos tendemos a ver a ciencia con ideas preconcibidas e limitacións, mentres que os máis pequenos teñen esa capacidade innata de marabillarse sen barreiras. Ao final, cando divulgo tamén aprendo moito no proceso. Cada charla, cada obradoiro, cada pregunta inesperada fai que vexa a ciencia con outros ollos... e iso é algo que non ten prezo.

P. Que relación ves entre a divulgación científica e a loita contra a desinformación, sobre todo en temas tan complexos como as bacterias e as infeccións?

A divulgación científica é unha ferramenta fundamental na loita contra a desinformación, especialmente en temas onde os mitos e os malentendidos están á orde do día. Eu creo que é clave que a xente entenda que as bacterias teñen un gran impacto no noso día a día e que podemos facer a cidadanía para axudar na loita contras as superbacterias (como o uso responsable dos antibióticos). Unha poboación informada tomará mellores decisións.

P. A ciencia, como mencionas, pode axudarnos a comprender mellor o mundo. Cres que a sociedade en xeral valora o suficiente a investigación científica no ámbito das infeccións bacterianas? Que podería facerse para mellorar esta percepción?

Creo que a investigación científica non sempre recibe o recoñecemento que merece, sobre todo por parte das administracións, mais a pe de rúa creo que estamos bastante ben considerados. Porén sempre se pode mellorar.

Sería moi útil que desde os medios de comunicación se dese unha maior visibilidade as investigación e as persoas que están detrás dos avances científicos. Se conseguimos que a sociedade entenda o valor da ciencia no día a día, será moito máis doado avanzar e conseguir recursos para seguir investigando.

P. Cales son os principais desafíos aos que te enfrontas no teu traballo de investigación e divulgación? Como logras equilibrar ambas responsabilidades?

A divulgación require bastante máis dedicación do que poida parecer a simple vista, polo que sendo investigadora e nai recente para min o máis complicado é atopar tempo. Intento organizarme e aproveitar os momentos creativos pero sei que non podo chegar a todo. Así que intento disfrutar do que vou facendo e non estresarme por xerar todo o contido que me gustaría.

P. Cales son os erros máis comúns que percibes na sociedade sobre as bacterias e as enfermidades infecciosas? Como intentas corrixilos na túa divulgación?

Os erros máis típicos que adoito atopar son pensar que todas as bacterias son perxudiciais para nos, que os antibióticos serven para calquera infección (mesmo as causadas polos virus) e que canto máis desinfectemos, mellor. Para corrixilos, nos meus faladoiros e divulgación sempre que me é posible utilizo exemplos cotiáns, historias e datos curiosos que me permiten cambiar esa percepción e desmontar mitos dunha forma amena e sinxela.

P. En relación co teu libro, como foi o proceso de escribir e traducir un tema tan técnico nun formato comprensible e atractivo para todos os públicos?

A miña idea era facer un libro que puidera ler (e entender) calquera persoa independentemente do seu nivel de estudos. Por iso intentei buscar historias interesantes e datos curiosos que me permitisen ir contando diferentes aspectos sobre o incrible mundo das bacterias e a problemática das superbacterias. Ademais ao final de cada capítulo incluíronse unhas ilustracións a modo de resumo feitas por Cirenia Arias que creo que axudan a entender os conceptos máis importantes do libro.

P. Como ves o futuro da investigación en microbioloxía? Hai avances prometedores que nos acheguen á solución do problema das superbacterias?

O que está por vir na microbioloxía será todo un desafío. En canto a ameaza das superbacterias o persoal investigador está traballando arreo para atopar unha posible solución. Así non so se están a desenrolar novos antibióticos senón que tamén se están explorando alternativas, como o uso dos fagos. Tamén se están estudando terapias baseadas na microbiota por exemplo. Ademais, a intelixencia artificial tamén está a procura de novos compostos antimicrobianos. Eu creo que a clave será combinar as diferentes investigacións. Porén non podemos esquecer a importancia do uso responsable de antibióticos para frear o avance das superbacterias.

P. Cales son os maiores prexuízos ou estereotipos que aínda existen sobre as mulleres na ciencia? Que podemos facer para combatelos?

Afortunadamente a idea de que as mulleres son menos aptas para as carreiras científicas xa se foi desbotando nos últimos anos, pero os estereotipos seguen presentes. Aínda que a presenza das mulleres e moi numerosa nas carrereiras de ciencias e na investigación os postos de liderado seguen a ser maioritariamente dos homes. Sen dúbida, a conciliación do laboratorio coa maternidade segue sendo un gran reto.

Eu creo que para combater estes problemas non é suficiente con visibilizar referentes femininos senón que tamén necesitamos apoio institucional para poder compatibilizar sen penalizacións a carreira investigadora coa maternidade. Se realmente queremos romper barreiras necesitamos cambios culturais, e a mellor forma de conseguilo é educando á rapazada para fomentar a igualdade de oportunidades.

P. Que mensaxe lle darías ás nenas e mozas que están considerando unha carreira no ámbito científico pero que quizais dubidan por barreiras de xénero ou falta de referentes?

A ciencia necesita de mentes curiosas para facela. Quen queira dedicarse a ciencia que non dubide da súa capacidade, o talento non entende de xénero. O camiño non será doado (nunca o é) pero se é o que lle interesa valerá a pena.