Ana Jesús López Díaz: “Hai unha preocupante e persistente perda de talento feminino a medida que se avanza na carreira científica”

Ana Jesús López Díaz

Ana López Díaz é profesora titular de Enxeñería Mecánica da Universidade da Coruña e presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnológas en Galicia. Nesta entrevista falamos con ela sobre os retos da igualdade e a preocupante baixada no número de matrículas de mulleres nas carreiras de base científica ou técnica.

- Un dos principais problemas para avanzar na igualdade é a falta de referentes femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía. Que medidas habería que tomar para cambiar esa situación?

- É fundamental visibilizar ás mulleres en xeral, pero máis en particular ás mulleres científicas e tecnólogas, nos libros de texto e outros materiais docentes xa desde os primeiros niveis de escolarización. Iso pasa por mudar os exemplos, as imaxes, os contidos que se traballan nas aulas. Hai que amosar as achegas das mulleres en todos os ámbitos, e hai que desmontar ese mito da “xenialidade”. A ciencia e a tecnoloxía son un traballo colectivo, acumulativo, no que todas e todos podemos aportar cousas. 

- Que se pretendía coa iniciativa #NoMoreMatildas? Como pode axudar neste ámbito? 

- O que se pretendía era precisamente demostrar que existen e existiron as mulleres científicas, pero que foron e seguen a ser invisibilizadas ou minusvaloradas fronte aos seus compañeiros varóns. O principal logro da campaña foi dar a coñecer esta realidade, que moita xente descoñecía, que fixo pensar e ser conscientes a moitas persoas e entidades, nacionais e internacionais (mesmo a embaixada chinesa traduciu a campaña ao seu idioma). Os materiais que se elaboraron e que están a disposición do profesorado, ou de quen os queira usar, poden servir non so para dar a coñecer a esas “matildas” senón tamén para inspirar á busca de moitas outras. Nese sentido, desde AMIT-Gal, o nodo galego de AMIT, lanzamos o 8 de marzo unha campaña para buscar as “matildas galegas”. 

- A educación primaria e secundaria son claves á hora de incentivar as carreiras científicas. Estase facendo o suficiente para que cada vez máis nenas decidan dedicarse a elas?

- Eu penso que se están a facer cousas moi interesantes, pero que dependen sempre do voluntarismo e do compromiso desinteresado de moitas mulleres científicas, profesoras, etc. Isto non pode seguir así. Se de verdade se queren mudar as cousas ten que haber un compromiso institucional, ten que entrar nas axendas políticas, ten que haber orzamentos… Hai que formar ao profesorado, hai que  mudar a forma en que se ensina a ciencia e a tecnoloxía como algo abstracto, frío e sen aplicación directa sobre o benestar das persoas e do medio ambiente. 

- Cal é o papel na familia no camiño cara a igualdade?

- É moi importante porque pode perpetuar os estereotipos e roles tradicionais pero, ademais, está demostrado que as expectativas que as familias teñen sobre as fillas e os fillos son diferentes. Isto segue a condicionar o tipo de estudos que escollen. Por iso é necesario un duplo esforzo nas institucións e políticas educativas para romper o círculo. 

- Na Universidade segue existindo unha gap no número de mulleres que están en postos de responsabilidade fronte aos seus colegas homes. Como se pode romper esta dinámica?

- Eu son firme defensora das accións positivas, non é cuestión de tempo.

- Como vai a evolución da presenza de mulleres como estudantes nas carreiras técnicas, onde houbo sempre máis presenza dos homes?

- A realidade é que a situación está empeorando. Houbo unha importante suba pero desde hai anos, atrévome a dicir que desde que as titulacións se adaptaron ao Espazo Europeo de Educación Superior cos graos e mestrados, a presenza feminina nas enxeñarías sufriu un retroceso. Segundo o informe Científicas en Cifras 2021, as alumnas representan o 56% nos títulos de Grao e Máster nas universidades españolas, pero en enxeñaría e arquitectura tan só unha de cada catro estudantes de grao (o 25%) é muller. Se facemos unha análise máis polo miúdo, hai enxeñarías onde a porcentaxe feminina está arredor do 10%.

- Que medidas se deben tomar a nivel lexislativo para fomentar a igualdade de mulleres e homes no ámbito da Universidade?

- A AMIT forma parte da Mesa sobre Género y Universidades do ministerio de Universidades así como do Observatorio Mujeres, Ciencia e Innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación, polo que participamos activamente aportando o noso coñecemento sobre a situación das mulleres no ámbito da investigación en universidades e OPIS, tanto na Lei da Ciencia como na LOSU. Tamén, xa desde AMIT-Gal, ofrecemos a nosa colaboración aos distintos grupos políticos do parlamento de Galicia sobre as emendas da Lei Ángeles Alvariño, aportando ideas e comentarios. É moi necesaria a participación dunha asociación como a nosa, que coñece de primeira man, e sofre en moitos casos, a desigualdade na investigación. A carreira docente e investigadora na universidade é moi distinta a outros ámbitos, e receitas que poden valer para outros colectivos poden ser nefastas ou directamente prexudiciais para a carreira das mulleres investigadoras. 

- En que consiste a proposta da AMIT para modificar a Lei da ciencia?

- As propostas de reforma agrúpanse ao redor de catro conceptos: xénero, gobernanza, persoal e transferencia. Consideramos fundamental un Plan de Choque para que a ratio de investigadoras-es/habitante aumente ata a media da EU e sempre tendo en conta a igualdade de oportunidades para mulleres e homes. Propoñemos, entre outras cousas, poñer en marcha medidas de apoio específicas para as investigadoras novas, incluíndo axudas económicas para apoiar a mobilidade no caso de teren fillos ou dependentes ao seu cargo. Tamén, formación sobre os sesgos de xénero para todos os comités, comisións e tribunais avaliadores de proxectos e selección de persoal. Igualmente, a adopción dos principios DORA e Leiden na avaliación de méritos, asegurando avaliacións multi- dimensionais que inclúan todos os aspectos relevantes e non sexan discriminatorias para colectivos concretos. E, por suposto, o reforzo das unidades de igualdade das universidades e centros de investigación.

- A AMIT publicou unha guía para mellorar a presenza de investigadoras na comunicación da ciencia. Cales son os puntos clave de dita guía?

- Promover desde as institucións a presenza de mulleres como “expertas” nos medios de comunicación. Para iso propoñemos a elaboración de bases de datos de mulleres expertas que poidan ser facilmente consultadas polos medios, e dar formación e ferramentas ás investigadoras para poder realizar con soltura ese labor de divulgación; pero ao mesmo tempo valorar ese labor de difusión e divulgación nos currículos das investigadoras. Esa é a finalidade da base de datos de mulleres investigadoras e tecnológas que mantén a asociación. É unha ferramenta para buscar “expertas” sobre algún tema, para que non sigan a repetir iso de “é que non hai mulleres expertas neste tema”.

- Que consello lle darías a unha muller que quere dedicarse á investigación no ámbito universitario? Cales son as principais dificultades coas que se vai atopar?

- Eu diríalle: Adiante!!!! Vas ter que loitar máis que os teus compañeiros varóns para conseguir o que queres, pero trata de buscar o apoio doutras mulleres que están coma ti, ou que xa pasaron por iso. É un problema estrutural, non é unha cuestión individual. Para cambialo requirese o esforzo e apoio de moitas mulleres (e homes) comprometidas.  

- Nesta pandemia que estamos a vivir púxose de manifesto que as mulleres sostiveron o sistema sanitario -onde son maioría- pero tamén o social -coidados de maiores, fillas e fillos, etc.- Pero tamén fixo que moitas tiveran que deixar un pouco de lado a súa carreira para atender estas obrigas. Que consecuencias pode traer a Covid-19 para elas cando volvamos á normalidade?

- En moitos casos verán como pasan por diante delas outros compañeiros que non se responsabilizaron desas tarefas.

- Cales son as principais liñas de actividade da Oficina de Igualdade de Xénero da UDC? Que salientarías do plan de igualdade (2019-2023) e do protocolo fronte ao acoso sexual que puxéchedes en marcha?

- Desde febreiro do ano pasado xa non son a directora da OIX, pero é certo que fun a responsable da elaboración do primeiro e segundo plans de igualdade. Do segundo (2019-2023) quizais destacaría a creación da figura de Responsable de Políticas de Igualdade nos distintos centros da UDC, que baixo a coordinación da OIX, promove a asunción de responsabilidades de cada centro no desenvolvemento das políticas de xénero. Tamén destacaría a ampliación do protocolo fronte ao acoso sexual e por razón de sexo aos casos de acoso por orientación sexual e identidade ou expresión de xénero.

- Cales son os principais retos da igualdade na UDC e na universidade galega?

- En todas as universidades obsérvase o fenómeno da “tubaxe que gotea”, a preocupante e persistente perda de talento feminino a medida que avanzamos na carreira científico/docente. As investigadoras novas enfróntanse a grandes dificultades para poderen conciliar a súa vida persoal coa carreira investigadora. Non hai verdadeiras políticas para estabilizar e reter ao persoal investigador e as máis prexudicadas son as mulleres. Nas Universidades galegas só un 21% das cátedras están ocupadas por mulleres. Por outra parte, como xa sinalei antes, hai unha segregación horizontal moi grande, as carreiras PECS (acrónimo do inglés Physics, Engineering and Computer Sciences) están fortemente masculinizadas. Isto supón non só unha perda de talento nestes ámbitos moi ligados aos retos tecnolóxicos da nosa sociedade, senón que traerán consigo unha ciencia e unha tecnoloxía sesgada e incompleta. É un verdadeiro problema social que non se quere ver porque as institucións están enfocadas no curtoplacismo.

- Cales son as principais deficiencias da Universidade a nivel xeral? Que habería que facer para fomentar a investigación, mellorar a calidade e darlle estabilidade as novas xeracións de profesoras/es e investigadoras/es?

- A principal deficiencia é o escaso financiamento. Non se pode facer unha ciencia de calidade, competitiva, nin unha docencia universitaria de calidade, cos medios que teñen as universidades. Non se pode ofrecer estabilidade e non se pode reter o talento sen financiamento.  

- Outro dos problemas é a falta de directivas de empresas e de spin-offs, postos que normalmente están ocupados por homes. Estase producindo un cambio neste ámbito ou aínda queda moito por facer?

- Non coñezo ese tema en profundidade, pero respecto das spin-offs e empresas de base tecnolóxica e outras actividades de transferencia do coñecemento universitario, ven de ser publicado nunha revista internacional un estudo que fixen con outra compañeira de AMIT sobre o tan controvertido sexenio de transferencia que pon de manifesto a necesidade de incorporar tamén na transferencia a dimensión de xénero; se non se fai así, a fenda de xénero non só non diminuirá senón que se verá incrementada. 

- En que proxectos estás traballando actualmente?

- A miña investigación desenvólvese dentro do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser, no campus de Ferrol. O meu traballo está enfocado cara a aplicación do láser no ámbito da conservación do patrimonio. Temos un proxecto en colaboración con investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo e da Universidade de Salamanca sobre automatización dos procesos de ablación láser para a limpeza e hidrofugación de rochas ornamentais. Por outra parte, o meu compromiso co feminismo e especificamente coa igualdade no ámbito da investigación segue activo e estou a organizar unhas xornadas, subvencionadas polo Instituto de las Mujeres, precisamente sobre a dimensión de xénero na transferencia do coñecemento universitario, que se desenvolverán en setembro en liña.