África González: “Precísase de moita resiliencia para afrontar unha carreira científica”

África González

África González Fernández é catedrática en Inmunoloxía no Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo. Esta doutora en medicina e cirurxía, expresidenta da Sociedad Española de Inmunología, é un dos maiores referentes da investigación en Galicia e unha das expertas que mellor pode explicar a actual pandemia. Falamos con ela de educación, empresa, muller e da Covid-19, pero tamén do proxecto no que está actualmente traballando, unha terapia para o cancro de páncreas.

- A taxa de incorporación da muller ás carreiras de tipo técnico e científico segue a ser inferior ao desexado para chegar a un escenario igualitario. Na súa opinión, que é o que sucede para que non avancen as matriculacións?

- Hai que empezar desde a base, na educación, nas escolas, eliminando estereotipos. Precisamos referentes femininas neses ámbitos e fomentar postos de traballo atractivos e ben remunerados.

- Un dos problemas é precisamente a falta de referentes. Houbo unha tradicional ocultación das mulleres científicas, cousa que non sucede cos homes. A última premiada co María Josefa Wonenburger, Amparo Alonso, dicía nunha entrevista que nos resulta moi difícil lembrar mulleres científicas máis alá de Marie Curie. Cal é o seu punto de vista a este respecto?

- Non se visibilizaron as mulleres científicas e moitas veces os seus logros ocultáronse. Os libros de texto inclúen principalmente figuras masculinas. Ao ter menos líderes de grupos, publican menos, teñen menos proxectos, non son convidadas a congresos e non reciben galardóns (Nobel, Príncipe de Asturias). É un círculo vicioso. Por exemplo, temos a unha muller, Margarita Salas, a persoa que lle fixo gañar máis cartos ao CSIC coa súa patente, que nin sequera na súa Asturias natal recibiu o Príncipe de Asturias.

- Hai outra ausencia salientable nos postos de xestión e de dirección, tanto na Universidade como nas empresas. Moi poucas reitoras nos campus, por poñer un exemplo. Cre que isto está a cambiar?

-Avanzamos moitísimo en tan só unha xeración, pero aínda queda moito. As mulleres novas téñeno agora moito máis fácil, pero tamén deben querer dar o paso cara adiante. Iso require dun gran esforzó e dedicación. É unha carreira de fondo.

Este gap en postos de xestión e dirección obsérvase en todos os países, non só en España, e hai moitos factores relacionados: a maternidade na época máis produtiva da carreira investigadora, o non querer expoñerse a críticas, o sentido da responsabilidade, a sensación de culpa, o coidado de maiores e nenos, viaxes-estancias no estranxeiro, etc.

A famosa tesoira onde figuran cada vez menos mulleres en postos de dirección mantívose ao longo dos anos, mesmo en países como Dinamarca que incluíron medidas de apoio á baixa de maternidade, con mantemento do posto de traballo. Despois de 10 anos, a figura segue a ser a mesma. Hai que analizar os motivos.

- Que dificultades atopou na súa etapa emprendedora e como empresaria? Cales son os retos, os problemas e as satisfaccións de liderar un proxecto?

- Ter unha idea é fácil, o difícil é executala. O financiamento nunha empresa biotecnolóxica é o máis complicado de conseguir. Na etapa inicial tivemos moito apoio grazas ao empuxón que supuxo recibir o primeiro premio de Genoma España e, posteriormente, outros recoñecementos. Igualmente, foi fundamental a axuda financieira do programa Neotech e dun business angel que apostou pola empresa desde o principio, xunto co investimento dos promotores iniciais.
Os principais problemas dunha empresa biotech son a necesidade de novas ideas para que os produtos non queden obsoletos, vivir nunha continua renovación e, por suposto, conseguir e manter o emprego, o que require dun financiamento estable e da venda continua de produtos. Porén, a niña maior satisfacción como co-promotora de NanoImmunoTech é comprobar que tivemos unha boa idea, que seguimos con ilusión doce anos despois, que fornecemos traballo para investigadores, e que seguimos a aprender cada día.

A visión da empresa é moi diferente á da investigación que fago na Universidade: todo ten unha finalidade concreta e medible, con tempos e con resultados. 

- Tendo en conta a súa experiencia, que consello lle daría a unha muller que queira dedicarse á investigación en España?

- Que se quere, pode, que é un mundo apaixoante. Investigar pódese facer en calquera campo. Trátase de facernos preguntas e tratar de respondelas con experimentación, con rigor, con repetición, con esforzo, con moita dedicación. Pero tamén con ilusión. Hai que ter moita resiliencia para aguantar pero unha vez que entras, xa non queres saír. 
Tamén lle diría que non é nada doado, e que debe formarse moi ben. Os mellores sempre atopan un sitio, dentro ou fóra de España. É un sistema moi competitivo polos recursos escasos.

- Cre que a educación básica -familia, escola e medios de comunicación- favorece a igualdade ou queda camiño por hacer?

- Queda moitísimo por facer. Temos sesgos, estereotipos, publicidade, xoguetes, educación sexista, cores atribuídas a un determinado sexo, expresións, etc. Hai que empezar desde nenos na escola, pero sobre todo na casa. O mellor é educar co exemplo. Na niña casa, o  meu marido cose, compra, cocina. Eu tamén, pero menos. Polo tanto, os meus fillos viviron isto desde pequenos. 

- Que deficiencias ten a ciencia española?

- Tres cousas: non hai unha carreira profesional definida, escaso financiamento (España inviste un 1,25% do PIB mentres Israel inviste un 4%) e falta de estabilidade laboral. 

Cada 3 anos hai que solicitar financiamiento, e se non o consigues, o teu grupo desaparece. Hai moitas menos oportunidades que noutros países. 

- Cambiará a epidemia esas porcentaxes de investimento? Cre que a ciudadanía é consciente do valor da ciencia como aposta de futuro?

- Agardo que si, pero a verdade é que non son moi optimista. Xa pasou co sida e ves que despois todo se esquece. Creo que todos viron que a ciencia nos sacará disto pero quizais, cando a pandemia pase, volveremos a ser un país de sol, praia e hostalaría, en vez de pensar que hai que cambiar o modelo produtivo para xerar produtos de maior valor engadido, que se debe apoiar ás empresas biotecnolóxicas, que é preciso apostar por empresas fortes e potentes no país, cuestións que nos situarían no nivel que merecemos.

- Recentemente celebrouse o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, este ano dedicado aos efectos da pandemia. Están sendo as mulleres a primeira liña fronte á Covid-19?

- En xeral sempre houbo máis mulleres no sector dos coidados e isto viuse na pandemia, agravado ademáis polos coidados en casa tanto de maiores como de nenos, especialmente durante o confinamento.

- Ao mesmo tempo, están padecendo máis as mulleres as consecuencias da crise derivada da pandemia en canto a oportunidades laborais? 

- Durante este tempo as científicas sufriron de novo máis que os seus colegas homes. Conseguiron menos proxectos, publicaron menos, apareceron moito menos en webinars, prensa, etc. O teletraballo foi un arma de dobre fío. Hai publicacións a este respecto. Unha vez máis, a crise empeorou a situación que tiñamos antes e, outra vez, recaeu máis nas mulleres.

- Pasamos uns meses moi duros pola pandemia. E o que aínda nos queda. Cre que a sociedade se comportou de maneira correcta e que foi consciente de como debía actuar? As administracións fixérono ben?

- A sociedade no seu conxunto comportouse de maneira exemplar, con pequenas excepcións que fan moito ruído mediático. Foi extraordinario como aceptamos todos levar tapabocas, o confinamento extremo, etc. Penso que como sociedade hai que darnos un 10. 
Nunha pandemia como esta ninguén é experto. Todo foi novo e houbo que improvisar e tomar decisións moi duras. Fíxose o mellor que se soubo, e como país non se fixo moito peor que noutros lugares. Cando parecía que outros países estábano facendo perfecto, vimos que tiveron as mesmas ou peores cifras que nós.

O único que creo que é mellorable é que a coordinación debería ser centralizada, con plans consensuados e únicos para toda España.

- Primou máis o criterio científico ou o económico e o político na pandemia?

- Penso que, en xeral, priorizouse o criterio científico, pero tamén houbo decisión, como unha desescalada moi rápida no verán, que nos custou a segunda ola. E no Nadal, a terceira. Aí tentábase salvar a economía. Sen embargo, sen saúde non hai economía. Agora esta mensaxe está máis clara. Tamén é certo que agora xa temos vacinas e pensamos que o final está máis preto.

- Que lle diría a alguén que no quere vacinarse? 

- A esas persoas diríalles que se informasen, que entendan ben que é unha vacina, o procedemento médico que máis vidas salva anualmente, que protexe da enfermidade e das súas secuelas.

- Que pensa dos movementos anti-vacinas e negacionistas?

- Aos anti-vacinas e negacionistas da enfermidade diríalles que vaian aos hospitais, ás UCI, a traballar unha semana para ver aos enfermos e ás súas familias. Talvez vendo a realidade de preto poidan cambiar de opinión. De todas formas, en España creo que este tipo de movementos son minoritarios, aínda que fan moito ruído.

- O virus chegou para quedar? Cando poderemos recuperar unha vida semellante á que tiñamos en 2019?

- Penso que chegou para quedar e que pasará tempo ata que, quizais, se comporte como o resto dos coronavirus do catarro común, que adoitan infectar aos nenos pequenos de forma bastante banal.

Canta máis poboación se vaia inmunizando, haberá moitos menos casos graves de Covid en persoas maiores, pero é posible que se incremente entre a xente nova que non estea vacinada. Por este motivo hai que vacinar rapidamente e á maior poboación posible.

- Canto debemos preocuparnos polas variantes do virus?

- Están aparecendo variantes continuamente, pero moitas delas non se expanden. As que vemos son as que teñen algunha vantaxe que fai que se propaguen máis facilmente. A variante europea é distinta que a que afectou a China inicialmente, cunha mutación que xa a fixo máis infectiva. Isto está pasando coas outras variantes. O que me preocupa é se aparecen variantes fronte ás que as vacinas non sexan eficaces. En calquera caso, a resposta inmunitaria algo detectará do virus aínda que cambie, así que é sempre mellor estar vacinado que non estalo.

- Non é a primeira vez que o ser humano se enfronta a unha pandemia. É probable que veñan máis no futuro?

- Temos pandemias da gripe cada 30-40 anos; tivemos a do sida, gripe A, ébola, SARs, MERs, e agora o SARS-Cov-2 (non sei se esquezo algunha), e por suposto que é posible que veñan máis no futuro. Para isto deberiamos estar mellor preparados, facer máis investigación básica, detectar en orixe zoonoses, avaliar os posibles riscos, establecer plans de continxencia no caso dunha nova pandemia como esta, bioinformática para detectar posibles mutacións futuras, empresas que poidan facer vacinas. E necesitamos un Centro Nacional de Inmunoloxía. Actualmente temos de oncoloxía, microbioloxía, epidemioloxía e enfermidades cardiovasculares. Pero nunca antes víramos a necesidade tan imperiosa dun Centro dedicado á inmunoloxía para estudar a resposta inmunitaria, técnicas de diagnóstico, inmunoterapia e novas vacinas, entre outras actividades.

- O espectacular desenvolvemento das vacinas atopouse despois con serios problemas para a súa fabricación e distribución. Estamos tendo en conta suficientemente aos países menos favorecidos economicamente ou o proceso está sendo egoísta por parte dos países ricos?

- A OMS dixo que deberiamos ser solidarios e que se vacinara a toda a poboación maior a nivel mundial, xa que a idade é o factor de risco máis importante. As vacinas son para protexer dunha enfermidade grave e, por tanto, os máis vulnerables deberían ser os primeiros. Deberiamos ter unha conciencia máis global de toda a poboación humana e non dun territorio ou rexión. É un virus que se expande polo aire e, por tanto, ninguén está libre del. Se queremos viaxar dentro dun tempo, por exemplo, quereremos que o país de destino non teña virus, e para iso temos que apoiar que todo o mundo poida ter acceso á vacina.

- As novas técnicas para crear vacinas abren posibilidades para outras enfermidades?

- A obtención de vacinas en menos dun ano foi un reto científico e tecnolóxico impresionante. Ninguén cría que as íamos ter en tan pouco tempo. E sobre todo dunha tecnoloxía nova como a do RNA. É unha vacina fácil de facer a partir da secuencia do patóxeno e, por tanto, se fose necesario facela para novas variantes ou para novos patóxenos, pódense facer de forma rápida. O que aínda non sabemos é a memoria que darán a longo prazo estas vacinas, comparadas con outras como as que teñen adenovirus (AstraZeneca, Johnson, Sputnik), pero a protección que ofreceron é espectacular (95%).
As vacinas de RNA abriron tamén opcións a outras enfermedades e, de feito, a empresa Biotech publicou un traballo nun modelo animal de esclerose múltiple con bos resultados.

- Como ve a ciencia en Galicia?

- Galicia inviste menos que a media española e moito menos que a media europea e ten os problemas que antes indicaba de falta dunha carreira investigadora, estabilidade e financiamento.

As universidades colaboran e hai algunhas empresas biotecnolóxicas ben posicionadas, en concreto en Porriño está Lonza e o grupo Zendal, que vai desenvolver unha das vacinas con proteínas xunto con Novavax. Sen embargo, falta moito camiño para que España e Galicia sexan motores. Iso si, de todos os sectores o que máis coñezo é o biomédico e aí hai investigadores excelentes.

- En que está a traballar actualmente?

- Teño un proxecto de terapia de cancro de páncreas mediante unha abordaxe triple: xenética, inmunolóxica e farmacolóxica. O cancro de páncreas é o máis difícil de tratar e, por tanto, cremos que necesitamos ideas innovadoras para abrir novos camiños de terapia antitumoral. Temos no CINBIO da Universidade de Vigo un grupo multidisciplinar excepcional, do que me sinto moi orgullosa, traballando en inmunoloxía, con xente nova como Lara, Amparo, Araceli, Javier, Immacolatta e Andrea. A doutora Rosana Simón está desenvolvendo nanoestructuras e liposomas para dirixir a terapia; o doutor José Faro traballa en modelización da resposta inmunitaria e a doutora Susana Magadán está estudiando a evolución do sistema inmunitario e colabora no desenvolvemento dunha vacina para alerxia a pescado xunto coa doutora Mónica Carrera, do CSIC de Vigo.