A Xunta pon en valor o papel fundamental da muller na ciencia e destaca a importancia de dar visibilidade ao seu labor

A Xunta pon en valor o papel fundamental da muller na ciencia e destaca a importancia de dar visibilidade ao seu labor

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe o Pleno da Unidade Muller e Ciencia no que, con motivo do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, deuse lectura e se aprobou unha declaración institucional na que se pon de manifesto o destacado papel que desempeña a muller na ciencia e a importancia de dar visibilidade o seu labor.

Lorenzana agradeceu o traballo que realizan os integrantes do Pleno, formado por diversas consellerías da Xunta e personalidades expertas do mundo científico e tecnolóxico, ao tempo que sinalou que o Goberno galego está a desenvolver diversos proxectos para dar a coñecer á sociedade o traballo das mulleres científicas galegas e para fomentar a vocación investigadora das nenas.

Entre os programas que se están levando a cabo destacan un proxecto para achegar ao alumnado de Infantil e Primaria o labor que desenvolveron mulleres científicas que fixeron historia e que están esquecidas para que poidan ser un referente nas idades máis temperás; e a iniciativa Mulleres en Portada para difundir e poñer de exemplo o traballo das mulleres que foron galardoas co premio María Josefa Wonenburger Planells, que outorga anualmente desde o 2007 a Xunta de Galicia. Son todas elas mulleres que, en palabras da conselleira, souberon adiantarse ao seu tempo e abriron camiños.

Así mesmo, a Xunta está na actualidade planificando o III Programa galego de muller e ciencia e está a realizar un análise do grao de execución da segunda edición deste plan que servirá como base para a redacción do terceiro programa.

No Pleno, ademais, deuse conta da actualización da páxina web Unidade Muller e Ciencia, https://unidadedamullereciencia.xunta.gal/, para amosar as actividades e recursos que se levan a cabo.

Lorenzana indicou, ao igual que quedou de manifesto na declaración institucional, a importancia de seguir traballando desde todas as administracións para dinamizar e transformar o sistema de ciencia e tecnoloxía galego, a través da integración da perspectiva de xénero como estratexia de avance nun modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades da poboación.