A Xunta fai entrega do premio María Josefa Wonenburger á microbióloga Alicia Estévez

Entrega do premio María Josefa Wonenburger 2018

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2018.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, entregou o Premio María Josefa Wonenburger 2018 á microbióloga pontevedresa Alicia Estévez Toranzo pola súa contribución á visibilidade das mulleres no ámbito da ciencia e da tecnoloxía.

Alicia Estévez está licenciada en Bioloxía e Farmacia e dende o ano 1991 é catedrática de Microbioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en Bioloxía no ano 1980. Levou a cabo a actividade postdoutoral nas universidades norteamericanas de Maryland e Oregon. As súas principais liñas de investigación céntranse na patoloxía bacteriana en Acuicultura. Dirixe, xunto a Juan Luis Barja, o grupo de Patoloxía en Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela, un dos principais grupos de referencia competitiva de Galicia, no que está traballando unha trintena de investigadores. Ten publicado máis de 200 artigos en revistas científicas e case una trintena de capítulos de libros. Foi Premio Fin de Carreira do Ministerio de Educación e Ciencia e Premio Nacional de Investigación "Jaime Ferrán" da Sociedad Española de Microbiología.