A Xunta distingue á catedrática de Medicina Legal e Forense, Victoria Lareu Huidobro, co Premio María Josefa Wonenburger para mulleres científicas

A Xunta distingue á catedrática de Medicina Legal e Forense, Victoria Lareu Huidobro, co Premio María Josefa Wonenburger para mulleres científicas
  • A Unidade Muller e Ciencia da Xunta comunicou no seu pleno a decisión de outorgar o galardón a esta compostelá, directora do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago
  • Lareu destaca pola súa contribución ao campo da xenética, no que deseñou ferramentas de pericia forense, que hoxe se usan en todo o mundo
  • A Xunta considera prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia con premios como o Wonenburger que permite distinguir traxectorias de galegas destacadas que sirvan como referencia a vindeiras xeracións

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2021.-

A catedrática de medicina legal e forense e directora do Instituto de Ciencias Forenses (Incifor) da Universidade de Santiago, Victoria Lareu Huidobro, será distinguida co premio María Josefa Wonenburguer deste ano, unha decisión comunicada no último pleno da Unidade Muller e Ciencia da Xunta.

Con este premio, a Xunta recoñece a traxectoria de mulleres galegas, que destacan pola súa contribución á área das ciencias e á tecnoloxía.

Esta médica formouse na Universidade de Santiago e en centros estranxeiros de prestixio en materia de medicina forense como o Instituto de Medicina Legal de Coímbra en Portugal, ou nos centros Haematology Departmen London, Hospital Medical College de Londres e no Forensic Science Service de Birmingham.

Na actualidade, Lareu compaxina o traballo de laboratorio dentro do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro coa actividade docente na Facultade de Medicina de Santiago. Este servizo recibiu encargos, entre outros moitos, para axudar á identificación das vítimas dos atentados do 11-S e do 11-M, análise de restos históricos de Atapuerca ou da Guerra Civil, do tsunami do Océano Índico, ou das nenas asasinadas en Alcasser.

Lareu é especialista no campo da xenética forense, onde participou no deseño de ferramentas básicas en pericia de xenética forense hoxe de uso mundial. Na actualidade a súa actividade diríxese principalmente a campos pioneiros da investigación forense como a aplicación de tecnoloxías de secuenciación masiva de nova xeración ou o estudo de aplicación da marca epixenética do xenoma humano.
A galardoada colabora ademais na análise de mostras biolóxicas en casos de criminalística, o que lle permitiu percibir a cruz con distintivo branco da Orde de Mérito da Garda Civil.

O premio María Josefa Wonenburger foi creado pola Xunta para a distinguir a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego desde a Consellería de Emprego e Igualdade. Trátase de facer chegar á sociedade as contribucións feitas por elas e que sirvan de exemplo a xeracións vindeiras.

Desde a Xunta considerase prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxico de Galicia, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuirá a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas. Con este fin a Xunta de Galicia creou o Premio María Josefa Wonenburger Planells, que se outorga anualmente desde o ano 2007 a través da Unidade de Muller e Ciencia.

O Premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha autentica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e que foi unha científica adiantada ao seu tempo.

Nos último anos, foron merecedoras deste recoñecemento mulleres como Amparo Alonso, catedrática de ciencias da computación de intelixencia artificial na Universidade da Coruña; Mabel Loza, farmacéutica referente no descubrimento de medicamentos ou Alicia Estévez, farmacéutica especializada en bioloxía microbiana e parasitaria.