 
- A directora xeral de Promoción da Igualdade presidiu o pleno deste órgano para analizar a evolución das iniciativas do III Programa da Muller e Ciencia
- O pleno acordou a apertura de presentación de candidaturas para o premio Mª Josefa Wonenburger Planells de 2024
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, presidiu o pleno da Unidade da Muller e Ciencia que promove actuacións desde a perspectiva de xénero nos ámbitos educativo, científico e tecnolóxico. Neste sentido, Quintiana avanzou o compromiso da Xunta de seguir impulsando a presenza feminina e a perspectiva de xénero na carreira investigadora.
Durante o encontro, as persoas membro deste órgano colexiado, entre outros asuntos, acordaron a renovación das vogalías e a apertura de presentación de candidaturas para o premio Mª Josefa Wonenburger Planells do ano 2024, ademais da avaliación das actuacións contempladas no III Programa Muller e Ciencia 2022-2025, que promove a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no eido académico, con especial fincapé nas carreiras tecnolóxicas e científicas.
A directora xeral aproveitou este pleno para poñer de relevancia a necesidade de impulsar esta unidade como un órgano asesor da Xunta para seguir traballando na incorporación das mulleres na investigación xa desde nenas fomentando a súa presenza nas carreiras STEM. Así, animou ás persoas membro deste órgano a traballar en conxunto co obxectivo de crear novos proxectos e accións cos que seguir dando pasos adiante nesta materia.
Cabe recordar que a Unidade Muller e Ciencia é un órgano colexiado da Xunta de Galicia que ten o obxectivo de dinamizar e transformar a ciencia e a tecnoloxía galega desde a perspectiva de xénero. Todo iso para promover a igualdade entre mulleres e homes neste eido, rachar con estereotipos e roles de xénero.