O Pleno da Unidade Muller e Ciencia acorda conceder o Premio Wonenburger 2019 á catedrática de Farmacoloxía Mabel Loza

O Pleno da Unidade Muller e Ciencia acorda conceder o Premio Wonenburger 2019 á catedrática de Farmacoloxía Mabel Loza

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe o Pleno da Unidade da Muller e Ciencia, onde se acordou conceder o premio Wonenburger 2019 á catedrática de Farmacoloxía e responsable do grupo de investigación BioFarma da Universidade de Santiago (USC), Mabel Loza.

Mabel Loza está licenciada en Farmacia pola USC e entre os anos 1992 e 1995 realizou varias estancias nos Departamentos de Fisioloxía e Biofísica e de Anestesioloxía do Centro Médico Monte Sinaí de Nova York. Desde 2011 é catedrática de Farmacoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e desde 2013 académica de número e correspondente da Academia de Farmacia de Galicia.

Dirixiu 22 teses doutorais, asinou 161 artigos publicados en recoñecidas revistas internacionais e ao redor de 200 comunicacións e congresos sobre farmacoloxía, química medicinal e neurociencias e organizou numerosos cursos e seminarios de investigación a nivel nacional e internacional.

O seu traballo especializouse no desenvolvemento de fármacos innovadores cun cento de proxectos investigadores financiados por institucións públicas e privadas, incluíndo o Goberno galego ou a Unión Europea.

Entre outras responsabilidades é patroa fundadora da Fundación Kaertor, orientada á promoción da transferencia recíproca do descubrimento de fármacos no marco da innovación aberta. Participou na creación da plataforma de cribado de fármacos da USC e lidera a Rede Galega de I+D de Medicamentos ademais de formar parte da creación de tres compañías.

Ademais, Mabel Loza foi seleccionada pola European Federation of Pharmaceutical Industries and Associations (Efpia) entre as 30 científicas de 30 países na iniciativa Portraits of Science-Scientists of Tomorrow. O ano pasado recibiu o galardón Investigador-Innovador do Foro de Empresas Innovadoras polo seu liderado na política de I+D+i no que se refire tanto á transferencia coa industria como ás súas publicacións de alto impacto internacional, aos seus proxectos de innovación e a súa capacidade de difusión en formación de investigadores.

A Unidade de Muller e Ciencia creouse co obxectivo de incrementar a presenza da muller nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia e de situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica. Entre outras iniciativas, instaurou o premio María Josefa Wonenburger para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, baixo un nome que pretende ser unha homenaxe á figura da matemática coruñesa.

Nas anteriores edicións foron sucesivamente distinguidas co premio Wonenburger Inmaculada Paz Andrade, Teresa Miras Portugal, María Soledad Soengas, Carmen Navarro, Ofelia Rey, Tarsy Carballas, María José Alonso, Carmen García Mateo, Isabel Aguirre de Úrcola, Peregrina Quintela, Begoña Vila Costas e Alicia Estévez.