O II programa Muller e Ciencia da Xunta propiciou a incorporación de 524 mulleres á investigación e o ascenso doutras 20 a postos directivos

O II programa Muller e Ciencia da Xunta propiciou a incorporación de 524 mulleres á investigación e o ascenso doutras 20 a postos directivos
  • O Goberno galego desenvolveu máis dun cento de actuacións de xeito transversal no período 2016-2020 que chegaron a máis de 10.000 persoas
  • En cinco anos destináronse máis de 240 millóns de euros de orzamento a financiar iniciativas en prol da igualdade nos ámbitos científico e tecnolóxico
  • Galicia traballa xa no deseño do III Programa Muller e Ciencia 2021-2025 que xa reuniu catro mesas de traballo e que contará coas aportacións de mulleres referentes

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2022.-

O II programa Muller e Ciencia 2016-2020 da Xunta de Galicia tivo impacto directo na carreira profesional de 544 mulleres: 520 incorporáronse ao ámbito investigador e 20 conseguiron unha promoción para desenvolver postos de carácter directivo. O balance deste programa, do que a Xunta está a preparar a terceira edición, evidencia deste xeito a súa efectividade cara a avanzar na presenza feminina nestes sectores e na rotura das fendas de xénero inda existentes.

Grazas ao II programa Muller e Ciencia promovido pola Unidade Muller e Ciencia desenvolvéronse en Galicia máis dun cento de actuacións por parte de diferentes departamentos da Xunta que alcanzaron a máis de 10.000 persoas de diferentes colectivos, a pesares da limitación das actividades presenciais pola crise sanitaria.

As accións estiveron dirixidas principalmente ao eido escolar e universitario e permitiron, entre outras finalidades, a formación de docentes; activar medidas para “enganchar” ás nenas ás carreiras tecnolóxicas e facelas máis partícipes da Sociedade da Información por medio de programas de éxito como ADA, Diana ou Atenea; ou emprender proxectos como Nin + nin – co que se favorece o encontro de mozos e mozas de centros de Secundaria e Bacharelato con mulleres senlleiras en sectores tradicionalmente masculinizados.

No período de vixencia, destináronse máis de 242 millóns de euros a financiar estas actuacións. Soamente no último ano (2020) o orzamento situouse nos 60,3 millóns de euros, un 25% máis que en 2019.

A Unidade Muller e Ciencia creouse hai 15 anos co obxectivo de situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica. Está integrada por representantes da Consellería de Emprego e Igualdade; Economía, Empresa e Innovación; Cultura, Educación e Universidade; Sanidade; a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; así como por mulleres expertas no eido social, educativo, científico e tecnolóxico.

Desde o ano 19, conta cunha partida específica nos Orzamentos da Xunta, que en 2022 suporá máis de 46.000 euros. Este ano modificarase o seu decreto de creación para actualizar a súa composición e obxectivos, coa intención de que dea resposta a novas necesidades e retos como a integración na mesma das universidades públicas galegas e do movemento asociativo feminino, que nos últimos anos ten traballado para remover obstáculos no desenvolvemento das carreiras profesionais das mulleres científicas por razón de embarazo e/ou maternidade e outras cuestións de xénero.

Entre as finalidades da Unidade de Muller e Ciencia, atópase a de poñer en marcha os programas galegos de muller e ciencia. Concluídos o I e o II, a Xunta está a traballar no deseño do III Programa (2021-2025), para o que está a contar coa participación de mulleres do ámbito científico e tecnolóxico de Galicia a través de mesas de traballo e enquisas sobre as súas percepcións e experiencias. Neste marco, xa se celebraron xuntanzas das 4 mesas creadas: de accións transversais na administración autonómica; das asociacións de científicas e investigadoras, de empresas e centros tecnolóxicos; e a mesa de resumo e conclusións.