A UNIDADE DE MULLER E CIENCIA POTENCIA UNHA REDE DE XÉNERO NOS CENTROS TECNOLÓXICOS E ORGANISMOS DE INVESTIGACIÓN

30/06/2008
Fonte: 
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia

Data de publicación noutros medios: 13 Xuño 2008

? Arredor de 50 responsables e técnicos de centros tecnolóxicos e organismos de investigación participaron hoxe nunha Xornada sobre os Instrumentos para a Promoción da Igualdade na Ciencia e a Tecnoloxía de Galicia Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2008.- A Consellaría de Innovación e Industria, no seo da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, reuniu esta mañá en Santiago de Compostela a preto de medio centenar de responsables e técnicos de centros tecnolóxicos e organismos de investigación galegos para iniciar a creación dunha estrutura estable de xénero entre os centros tecnolóxicos e organismos de investigación galegos. Esta estrutura, xunto ás xa existentes nas universidades galegas, formará parte dunha futura rede transversal de xénero que incluirá a todos os axentes do sistema galego de I+D+i. A Xornada Taller sobre os Instrumentos para a Promoción da Igualdade na Ciencia e a Tecnoloxía foi inaugurada esta mañá polo vicepresidente 2º da Unidade de Muller e Ciencia e director xeral de I+D+i Salustiano Mato de la Iglesia. Durante a súa intervención Mato destacou que desde o departamento que dirixe estanse a poñer en marcha diferentes iniciativas co obxectivo de mellorar a situación das mulleres científicas e tecnólogas no ámbito da I+D+i, como é a posta en marcha dun centro de iniciativas empresariais innovadoras; promover a composición paritaria dos grupos de investigación nas convocatorias de axudas e subvencións de I+D+i ou crear un directorio de mulleres na I+D+i no ámbito público e empresarial. Na mesma liña, Carme Adán, presidenta da Unidade de Muller e Ciencia e secretaria xeral de Igualdade, salientou o papel da Unidade de Muller e Ciencia como un órgano da Xunta no que participan a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a Consellaría de Innovación e Industria e a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e cuxas actuacións van encamiñadas a paliar os desequilibrios referentes ao xénero que poidan existir no ámbito da investigación e da innovación e a incrementar a presenza das mulleres neste eidos con iniciativas como esta xornada. Como exemplo do que se está a realizar no ámbito estatal, a xornada contou coa intervención de Rafael Rodrigo Montero, presidente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas-CSIC, que expuxo a experiencia do CSIC neste ámbito a través da súa Comisión de Mulleres e Ciencia e a creación do Plan de igualdade de xénero na carreira científica da axencia estatal CSIC (2007-2009), incluído como parte integral da estratexia científica da axencia. A Xornada continuou cunha mesa redonda sobre a situación das mulleres nos centros tecnolóxicos galegos moderada por Xulia Guntín Araújo, vogal da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia e subdirectora xeral de Xestión do PGIDIT da Dirección Xeral de I+D+i. Nela participaron Jesús Lago Gestido, director xerente de AIMEN; Luis Moreno Diéguez, director xerente do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, e Rosa Fernández Otero, coordinadora da Área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR. Os tres expuxeron as características da situación da muller nos seus centros. Para rematar, Beatriz Legerén, presidenta da Comisión de Traballo de Innovación e Industria da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, e Mª Francisca Vilches de Frutos, profesora de investigación do CSIC e coordinadora da Red GENET- Red Transversal de Estudios de Género en Ciencias Sociales, Humanas y Jurídicas, impartiu o taller “Diagnóstico da situación das mulleres na I+D en centros tecnolóxicos e centros públicos de investigación. Creación de instrumentos de igualdade no ámbito científico-tecnolóxico”.