María Soengas, galardoada na III Edición do Premio María Josefa Wonenburger

01/12/2009
María Soengas, galardoada na III Edición do Premio María Josefa Wonenburger
Fonte: 
Unidade de Muller e Ciencia - Secretaría de Igualdade

O Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, acolle a entrega do premio María Josefa Wonenburger, que este ano recaeu na científica galega María Soledad Soengas González. Este galardón quere resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e a tecnoloxía, e o seu nome pretende ser unha homenaxe á figura da matemática coruñesa María Wonenburger Planells. A intervención de María Soengas durante este acto levará o título de En equipo e con tesón: reflexións sobre a investigación e o tratamento do melanoma.

A galardoada

María Soengas naceu na Coruña en 1968, cidade na que cursou os seus estudos básicos e se iniciou na Bioloxía con tres anos de estudo na Facultade de Ciencias. Trasladouse despois a Madrid, onde continuou a súa formación na Universidade Autónoma, traballando con Margarita Salas no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa. Posteriormente marchou aos Estados Unidos, no Cold Spring Harbour Laboratory de Nova Iorque, desde o que colaborou co Memorial Sloan Kettering Center, o centro de referencia mundial na loita contra o cancro. Soengas trasladouse entón á Universidade de Michigan, tamén nos Estados Unidos, onde creou o seu propio laboratorio con tan só 33 anos, volvendo despois a España, a Madrid, ao Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), no que segue na actualidade. A científica galardoada co premio Josefa Wonenburger deste ano preside, desde xaneiro de 2008, o grupo de investigación contra o melanoma do programa de Patoloxía Molecular do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). No verán pasado, a súa investigación sobre os procesos de morte celular activados para a autodestrucción dos melanocitos e o descubrimento dun axente químico capaz de desencadear a autodegradación masiva das células do melanoma, foi publicada na prestixiosa revista Cancer Cell, abrindo novos e esperanzadores camiños de cara á consecución dun tratamento eficaz contra o melanoma maligno. Autora de numerosas publicacións e recoñecida con diferentes premios, só nos últimos 5 anos escribiu dúas obras sobre as súas investigacións oncolóxicas e participou xunto con outros científicos na redacción doutras doce.

Traxectoria de Josefa Wonenburger

María Josefa Wonenburger Planells (A Coruña, 1927) estudiou Ciencias Exactas na Universidade Complutense de Madrid e, en 1953, trasladouse a Estados Unidos para especializarse en álxebra cunha bolsa Fulbright. Na Universidade de Yale leu a tese de doutoramento, dirixida por Nathan Jacobson, un dos mellores alxebristas do momento, e iniciou unha brillante traxectoria nesta materia como profesora en diferentes universidades -Toronto, Búfalo, Bloomington (Indiana)- e como directora de teses, entre elas a do matemático Robert V. Moody, en 1966. Da súa man, Moody iniciou na súa tese a teoría coñecida como Álxebras de Kac-Moody, con aplicacións en Física e noutros campos das Matemáticas. Voltou á Coruña, onde reside, en 1983.