Presentación

As actuacións dende a perspectiva de xénero nos ámbitos social, científico, tecnolóxico e educativo son estratéxicas para avanzar cara a un modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades actuais, faise necesario así contar cunha área de traballo interdepartamental estable que dinamice e transforme a ciencia e a tecnoloxía galegas, finalidade á que responde a creación da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia. Resulta de gran relevancia concederlle prioridade a esta cuestión en canto ao deseño e promoción das políticas científicas, tecnolóxicas, educativas e mesmo sociais co obxectivo de corrixir os desequilibrios entre investigadoras e investigadores, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a optimizar a utilización dos recursos humanos e, ao mesmo tempo, enriquecería a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.