Mulleres Premiadas

Premiada 2009: María S. Soengas Súarez
Premiada 2009: María S. Soengas Súarez

Nacida en Agolada (Pontevedra) e coruñesa de adopción, María Soengas é unha experta internacional na investigación básica e aplicada do melanoma, área na que ten publicados máis de 40 artigos nas revistas científicas de maior índice de impacto.

Licenciada en Bioloxía Molecular con Premio Extraordinario pola Universidade Autónoma de Madrid, formouse no campo da oncoloxía no prestixioso Cold Spring Harbor Laboratory (Nova York), onde descubriu mecanismos moleculares responsables da resistencia do melanoma á quimioterapia convencional. Posteriormente trasladouse ao Departamento de Dermatoloxía da Universidade de Michigan para iniciar un Programa de Investigación en Melanoma.

O seu equipo identificou novos mecanismos de supresión tumoral, e caracterizou fármacos de deseño capaces de bloquear a progresión do melanoma en modelos experimentais.

Dende o ano 2008 dirixe o Grupo de Melanoma no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) en Madrid. Os seus obxectivos máis inmediatos son desenvolver ensaios clínicos en pacientes con melanoma metástico, baseados nos seus descubrimentos de novas formas de inducir a autodegradación das células tumorais. A máis longo prazo, está comprometida con asociacións nacionais e internacionais para mellorar a investigación no melanoma e servir de apoio ás persoas con esta terrible enfermidade.

 

Premiada 2008: Teresa Miras Portugal
Premiada 2008: Teresa Miras Portugal

Teresa Miras Portugal iniciou os seus estudios de Farmacia na Universidade de Santiago e finalizounos na Complutense de Madrid. Cursou estudos de doutoramento en Estrasburgo (Francia) , obtendo a súa tese sobre o enzima de síntese de noradrenalina en humanos a cualificación de Trés Honorable, con felicitacións do xurado. En 1975 doutórase en Farmacia pola Universidade Complutense de Madrid.

Miras Portugal ocupa postos de responsabilidade en numerosas sociedades científicas nacionais e internacionais. Académica numeraria da Real Academia Nacional de España, medalla nº 48, editora científica dos Anais, tamén foi presidenta do Relatorio IV da Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía (1996-1997) e parte do xurado para o Premio de Mocidade Científica da Comunidade Europea, así como do xurado do Premio Rei Jaime I e do Príncipe de Asturias en varias edicións.

Recibiu no ano 2004 o Premio da CEOE de Investigación en Ciencias e dirixiu máis de 17 teses doutorais e 5 doutoramentos europeos. Foi investigadora principal de máis de 30 proxectos, tanto nacionais como internacionais. A premiada publicou máis de 200 traballos, dos cales 190 en revistas internacionais da área de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Neurociencias e Farmacoloxía Molecular, polo que é unha das científicas máis citadas da área. Desde xaneiro de 2007 é presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, sendo a primeira muller electa como presidenta dunha real academia.

Premiada 2007: Inmaculada Paz Andrade
Premiada 2007: Inmaculada Paz Andrade

A Unidade de Muller e Ciencia acordou no seu plenario do 27 de novembro conceder o Premio María Wonenburger a Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.

Inmaculada Paz Andrade foi, no campo da docencia, a primeira muller nomeada Profesora Adxunta (hoxe Profesora Titular) Interina da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago (USC) , a primeira muller Profesora Adxunta por oposición, a primeira muller Encargada de Cátedra da Facultade de Ciencias, a primeira muller Profesor Agregada da Facultade de Química e a primeira muller Catedrática da Facultade de Física. Dirixiu máis de 30 teses de doutoramento.

No ámbito da investigación, iniciou unha carreira científica vocacional cunha traxectoria fulgurante que pronto é recoñecida tanto a nivel estatal como no eido internacional, converténdose en referencia mundial como especialista en Microcalorimetría, Termoxénese e Análise Térmico Diferencial. Creou o Grupo de Microcalorimetría da USC e os seus laboratorios. Introduciu a Microcalorimetría en España e creou escola investigadora en Microcalorimetría non só nas tres universidades galegas, senón tamén noutras do Estado e en centros do CSIC.

No ámbito profesional internacional, está considerada como unha das mellores investigadoras no campo da Termodinámica e a Microcalorimetría. Ten realizado máis de 225 publicacións científicas e colabora cos mellores especialistas a nivel mundial nos campos da súa especialidade.

Creou e dirixe o Grupo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais (Grupo THOR) , un sistema experto para predicir o risco de incendios forestais en Galiza que constitúe un Fito na súa carreira investigadora e no que se inclúen investigadores das tres universidades galegas e o CSIC.

É, dende 1999, Profesora Emérita da USC. Recibiu a Medalla de Ouro de Física da Real Sociedade Española de Física (1992) , o Premio Galicia de Investigación Científico-Técnica Antonio Casares y Rodrigo; da Xunta de Galicia e a Insignia de Ouro da Universidade Compostela.